O Aquarium Finisterrae da Coruña acaba de dar a benvida a Jinzi, un macho novo de foca común (Phoca vitulina) procedente do Oceanogràfic de Valencia. Este movemento forma parte dun intercambio institucional polo cal dúas focas coruñesas, Fermín e Altair, de 17 e 23 anos respectivamente, foron trasladadas ao centro valenciano. Jinzi amosou dende o primeiro momento unha actitude curiosa e sociable que o levou a integrarse con éxito na súa nova contorna. Fermín e Altair tamén se adaptaron con normalidade no grupo do Oceanogràfic.
A chegada deste exemplar, de case cinco anos de idade e un peso de 80 kg, é clave para o rexuvenecemento do grupo, que actualmente está composto por dous machos e oito femias. A poboación do acuario coruñés conta cunha media de idade avanzada; Hansi, por exemplo, con 28 anos superou xa a esperanza de vida máxima habitual para os machos desta especie, situada nos 25 anos. O obxectivo principal deste relevo xeracional é revitalizar a colonia con individuos máis novos e dinámicos.
A foca común é unha especie que, malia non establecer colonias de cría estables en Galicia, pode avistarse con certa frecuencia na costa atlántica. Un dos maiores beneficios da incorporación de Jinzi é a recuperación do potencial reprodutor do grupo, que non rexistra nacementos dende o de Sabela en outubro de 2009. Ata agora, o estudo xenético das focas da Coruña desaconsellaba a cría debido ao estreito parentesco entre todos os exemplares residentes, o que supuña un risco elevado de endogamia. Coa entrada de sangue novo, ábrese por fin a porta a que o Aquarium poida volver ser o escenario do nacemento de novas crías nas súas instalacións.














