O Aquarium Finisterrae incorpora ao tanque da sala Nautilus dous exemplares de musola pinta, unha especie de tiburón. Chegaron en xaneiro de 2025 e permaneceron nos tanques de corentena do acuario coruñés, ata que se cambiaron para a sala na que nada o tiburón touro Gastón e outros grandes peixes do Atlántico. Os exemplares aínda son xuvenís e miden entre 50 e 120 centímetros.
A cesión destas musolas enmárcase nun programa de conservación e cría da EAZA European StudBook (ESB), co que colabora o Aquarium Finisterrae e que se coordina desde o Meeremuseum Ozeanum Straldsund (Alemaña). A cesión ás instalacións coruñesas realízase coa finalidade de colaborar activamente no proxecto de cría en catividade desta especie.
A EAZA, Asociación Europea de Zoos e Acuarios, ten como misión principal promover a cooperación para a conservación da vida silvestre a través de programas de conservación. O European StudBook é un programa de cría en catividade que basea o seu traballo na recompilación de datos (nacementos, mortes, transferencias…) de todas as institucións que manteñan unha determinada especie cuxa poboación se estea estudando.
Vistosos e esveltos
A musola pinta (Mustelus asterias) é un dos tiburóns máis vistosos que podemos atopar nas nosas augas. De corpo alongado e esvelto, o seu dorso é gris azulado ou terroso con numerosas pintas brancas. Pode chegar a medir 140 centímetros de longo e alcanza a madurez sexual aos 5 anos. Adoita vivir en fondos de area e grava de augas superficiais e ata os 300 metros de profundidade, no Atlántico noroeste, desde o Mar do Norte e Illas Británicas ata as Canarias e Mauritania, e tamén no Mediterráneo.
A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN nas súas siglas en inglés) cualifica o seu estado de conservación como “case ameazada” no Atlántico e sinala a necesidade de profundar no estudo das poboacións desta especie.














