Un macroestudo vincula o herpes labial cunha maior probabilidade de desenvolver alzhéimer

Os expertos descoñecen as causas aínda que se recoñece a efectividade de tratamentos e vacinas para reducir as posibilidades de afectación

Unha nova investigación a través dos datos de 700.000 persoas relaciona o herpes labial cunha maior probabilidade de padecer alzhéimer. O estudo analizou, a través da observación destes casos, os pacientes que tiñan esta enfermidade neurodexenerativa. Entre estes, a probabilidade de que tivesen un diagnóstico de virus do herpes simple tipo 1 (VHS-1) previo é un 80% maior.

O macroestudo, que se publicou na revista BMJ Open, tamén amosa que aqueles que utilizaron tratamentos contra o herpes tiñan un 17% menos de probabilidades de desenvolver a enfermidade. Este descubrimento abre a porta a máis estudos, xa que de momento simplemente se constatou esa relación por probabilidades de causa e efecto, pero aínda non se comprende por completo por que se dá este vínculo.

Publicidade

Os investigadores utilizaron para isto unha base de datos sanitaria dos Estados Unidos. Alí, identificaron 395.654 casos de alzhéimer, que se emparellaron cun grupo con outro doutras 344.628. Fíxose tendo en conta algunhas similitudes, como rexión xeográfica, idade ou número de visitas médicas.

Moitas relacións, poucas explicacións

A partir dos datos rexistrados, detectaron que o 0,44% (1.507 persoas) dos pacientes con alzhéimer tiña un diagnóstico previo de herpes. Isto é case o dobre que a cifra dos 823 que formaban parte do grupo de control.

Publicidade

Non é a primeira vez que se estuda este vínculo. Por exemplo, algunhas investigacións feitas con persoas falecidas que tiñan alzhéimer atoparon que nos seus cerebros había restos de ADN do herpes simple. Tamén está documentado e rexistrado que aqueles que recibiron a vacina contra o herpes zóster tiñan un 20% menos de probabilidades de desenvolver demencia nos seguintes anos, o cal pode vincular estes virus con máis enfermidades neurodexenerativas. Porén, as causas do alzhéimer non se comprenden por completo.

“É importante sinalar que a infección por VHS-1, que é extremadamente común, non garante en absoluto que unha persoa vaia desenvolver alzhéimer”, recorda Tara Spires-Jones, presidenta da Asociación Británica de Neurociencia. Segundo a científica, a explicación máis probable é que estas infeccións aumenten a inflamación no organismo e contribúan á propia do cerebro, que está vinculada coa idade.

Con maior afectación na xente maior

“Aínda queda moita investigación por diante para descubrir os motivos e os mecanismos”, asegura María Jesús Bullido Gómez-Heras. Sobre todo, porque con vacinas como a do herpes zóster ou tratamentos, pódese diminuír o risco de demencia.

Os científicos buscan agora como este virus pode afectar o sistema nervioso, especialmente nos pacientes máis maiores. E é que o estudo sobre a relación do herpes e o alzhéimer tamén apunta a que esta relación é máis forte nos maiores de 75 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Living Lab de Vigo pon en marcha o testeo colaborativo de solucións tecnolóxicas para a saúde

O proxecto internacional conta con oito propostas innovadoras en desenvolvemento para tratar pacientes con Alzheimer e demencia

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento