Manuel Rivas definiu Galicia como o país do millón de vacas. Pero o certo é que hai máis do dobre de porcos. Moitos máis, en realidade, porque as estatísticas oficiais non recollen os cochos que aínda se crían nas casas para consumo doméstico das familias. Segundo as cifras do Instituto Galego de Estatística, en 2023 (último exercicio con datos dispoñibles) había case 525.000 vacas e máis de 965.000 de reses bovinas. Nese ano, as explotacións industriais galegas dedicadas ao gando porcino sumaban 1.257.589 exemplares, case a metade da poboación de toda Galicia. Máis que nas provincias máis poboadas. Máis do dobre que a suma dos habitantes de Lugo e Ourense.
De feito, o número de porcos é superior ao de persoas en 78 concellos. Son tres máis que hai once anos, froito do incremento do 15% no censo da industria galega do porcino entre 2014 e 2023. Galicia ten 1.161.792 porcos de cebo e 95.797 reprodutoras, cun reparto que se concentra fundamentalmente nos concellos de interior, ca comarca do Deza como sobresaínte capital porcina galega: os seus seis concellos teñen máis do 25% de todos os porcos da comunidade.
Cinco concellos con máis de 50.000 porcos
En total, son cinco os concellos galegos que teñen máis de 50.000 porcos rexistrados. Trátase de catro municipios (Lalín, Dozón, Rodeiro e Silleda), aos que se engade o lugués de Sarria. Á cabeza de todos eles está Rodeiro, líder indiscutible en número de cabezas de gando porcina. O pequeno concello da esquina nordeste de Pontevedra de pouco máis de 2.200 habitantes ten 105.214 cochos nas súas explotacións. Ou o que é o mesmo: máis de 47 porcos por veciño.
En Galicia, contabilízanse 78 concellos nos que o rexistro de porcos é o superior ao número de habitantes. A meirande parte concéntranse nas provincias de Lugo e de Ourense. Son un total de 57 por soamente 7 en Pontevedra, aínda que se da a coincidencia que son estes, os do Deza, os que achega o groso da poboación porcina ao conxunto galego.
En Lugo son os concellos de Antas de Ulla, Baralla, Bóveda, Carballedo, Chantada, O Corgo, Friol, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Monterroso, Muras, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo, Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pobra do Brollón, Pol, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Taboada e Triacastela. En Ourense, os municipios con máis porcos que habitantes son máis: Amoeiro, Baltar, Bande, Calvos de Randín, Castro Caldelas, Esgos, O Irixo, Lobeira, Lobios, Maceda, Monterrei, Montederramo, Paderne de Allariz, Parada de Sil, A Peroxa, Piñor, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, San Amaro, San Cristovo de Cea, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo. Pola súa parte, na Coruña están Abegondo, Aranga, Arzúa, Boimorto, Cabana de Bergantiños, Coirós, Curtis, Lousame, Melide, O Pino, Ponteceso, Santiso, Sobrado e Toques; namentres que en Pontevedra son Agolada, Dozón, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Pola contra, un centro de concellos non teñen rexistrado ningún porco de explotación porcina, boa parte deles na provincia de Pontevedra e en zonas de litoral da provincia da Coruña, segundo as cifras do IGE que beben dos datos que achega a Consellería do Medio Rural. En Lugo, por exemplo, só hai dous que non teñen ningún cocho (Burela e Negueira de Muñiz). Unha cifra, a do máis dun millón de porcos, que é moito maior. Porque, aínda que en declive, aínda son moitas as casas que preparan o seu para o San Martiño.