Venres 29 Marzo 2024

Os 75 concellos galegos con máis porcos ca persoas

Xa sabiamos que, segundo os datos que recollemos hai uns meses, en Galicia hai 63 concellos con máis vacas ca persoas. Unha mostra da importancia do sector bovino no país. Pero, cos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) dispoñibles na rede, e que achega a Consellería de Medio Rural, cabía facerse a mesma pregunta con outro dos animais máis presentes no noso gando: os porcos.

Segundo os datos por municipio de 2014 (os últimos dispoñibles na web do IGE), había en Galicia 1.093.367 cabezas de gando porcino en explotacións industriais (106.640 reprodutoras e 986.727 de cebo). E, segundo estas mesmas cifras, distribuíanse deste xeito a nivel municipal:

Publicidade

Como se pode ver no mapa, en 75 concellos galegos hai máis porcos ca persoas. En cinco deles, hai máis de 50.000 cabezas de gando porcino. Encabezan a lista catro municipios do Deza: Rodeiro (77.809 prazas), Silleda (64.065), Lalín (62.576), Dozón (60.363); e en quinto lugar está Sarria (50.993).

Máis porcos ca habitantes

Estes son os 75 concellos, ordenados de maior a menor proporción de porcos respecto a habitantes: Dozón, Rodeiro, Os Blancos, Sarreaus, Sandiás, Portomarín, Baltar, Lobeira, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Piñor, Rairiz de Veiga, Santiso, Carballedo, Montederramo, Silleda, Sobrado, San Amaro, Calvos de Randín, Agolada, Trasmiras, Bóveda, Muras, Xinzo de Limia, Bande, O Páramo, Palas de Rei, Vilar de Barrio, Sarria, Ponteceso, Aranga, Parada de Sil, Abegondo, Lalín, Laxe, A Peroxa, Vilar de Santos. Paderne de Allariz, Esgos, San Cristovo de Cea, Verea, Quintela de Leirado, Láncara, Melide, Triacastela, Boimorto, Coirós, O Saviñao, O Bolo, Cenlle, Riotorto, Amoeiro, Chantada, Curtis, Paradela, A Teixeira, O Corgo, Forcarei, Pantón, Manzaneda, Guntín, Lobios, Guitiriz, Baños de Molgas, Taboada, Castro Caldelas, Monterroso, A Pastoriza, Toques, Pol, Entrimo, Pobra do Brollón, Monterrei, Vila de Cruces e Samos.

Como curiosidade, cómpre subliñar que o concello de Porqueira non ten nin un só porco rexistrado.

E este é o mapa co número absoluto de porcos por concellos:

Pola contra, en 104 dos 313 concellos de Galicia non consta ningunha cabeza de gando porcino en explotacións industriais. Pero isto non quere dicir que non as haxa no eido familiar.

O número real de porcos en Galicia é maior, xa que na estatística empregada non se recollen as explotacións familiares

Para obter os datos do número de cabezas de gando porcino desagregadas por municipio, a Consellería de Medio Rural publica cada ano o Anuario de Estatística Agraria, onde se recollen todo tipo de cifras sobre a agricultura e gandería en Galicia. Neste senso, a consellería distingue, por unha banda, a estrutura do sector industrial (que agrupa ás explotacións con máis de catro femias reprodutoras ou vinte prazas de cebo nas que teñen esta orientación produtiva) e, por outro lado, as explotacións familiares, que non acadan esa dimensión.

Por tanto, o número real de porcos en Galicia é maior ao que reflicten os datos empregados para calcular os concellos con máis porcos ca persoas, xa que nesas cifras non se inclúen os das explotacións familiares, que non aparecen desagregados a nivel municipal.

1 comentario

  1. Boa tarde. Quixera saber se existe algún censo no que comprobar cantos porcos hai por municipio, á marxe de se son explotacións industriais ou familiares. Por exemplo, no meu concello, Cangas, penso que non hai explotacións industriais pero teño interese por descubrir cantos porcos hai no concello. Se alguén sabe como informarme, agradézollo. Muito obrigado :*

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O virus hemorráxico das vacas provoca a morte de 10 reses en Galicia

A enfermidade transmítese pola picadura dun insecto pero non se pode contaxiar de animal a animal nin tampouco a humanos

Os investigadores galegos da trama saudita cobraron da empresa do intermediario dos árabes

Os dous empregados do Centro da Carne, cunha desenfreada produción científica, inscribíronse na universidade Rei Abdulaziz pese a desenvolver a súa carreira en Galicia

Matemáticas para predicir o risco de cardiotoxicidade no cancro de mama

A estatística permitirá á UDC coñecer a probabilidade de padecer esta doenza en mulleres expostas a quimioterapia

O estramonio, o alucinóxeno que abunda nos campos galegos

Nove vacas dunha explotación gandeira de Rois morren despois de inxerir as follas dunha planta "moi tóxica" e abundante en Galicia