A hortensia é unha planta que adoita decorar xardíns públicos, chamativa pola gran variedade de cores que poden ter as súas flores. Pero este arbusto, pertencente ao xénero botánico Hydrangea, agocha nos seus pétalos un segredo: toxicidade. A Hydrangea spp contén un principio activo, a hidranxina, un glucósido cianoxénico, que unha vez rompe, como ocorre despois da inxestión ou combustión das súas follas e flores, libera cianuro de hidróxeno. Esta é unha das hipóteses sobre as causas da morte dunha decena de cabras en Baiona, que se alimentaron dos restos de poda de vivendas próximas, tal e como sinala La Voz de Galicia.
A hortensia é orixinaria de América e do sur e leste de Asia, capaz de sobrevivir en numerosos puntos do planeta pola súa fácil adaptación a climas temperados. Con todo, é un xénero que ten arredor de 200 especies descritas, das cales só 45 están aceptadas como morfotipos botánicos de pleno dereito, segundo informa o biólogo Eduardo Bazo Coronilla na súa páxina web.
Sinala que a intoxicación con hidranxina pode causar mareos, aceleración do ritmo cardíaco, problemas respiratorios e gastrointestinais. Con todo, se se consume en grandes doses provoca asfixia, parada respiratoria e mesmo a morte. Estes síntomas son comúns en humanos e animais, con síntomas semellantes descritos en cabalos e vacas que inxeriron os seus brotes tenros.
Planta ou droga?
A pesar das características tóxicas da hortensia, dende hai anos son coñecidas as propiedades narcóticas desta planta. Mozos franceses e alemáns elaboraban cigarros a base de follas ou pétalos de Hydrangea spp a causa da posible substitución do cánnabis, co engadido de que é máis barato pola súa accesibilidade como planta ornamental. Así, como explica Bazo Coronilla, ao inhalar o fume procedente dun destes cigarros, inhíbese a respiración celular a nivel da citocromo oxidasa, e remata por producir anoxia celular, é dicir, a falta total de osíxeno nos tecidos do organismo. O mesmo pasa con plantas como o estramonio, un alucinóxeno que tamén abunda nos campos galegos.














