Unha fronte fría afunde as temperaturas en Galicia: 10 graos menos en só 24 horas

A inestabilidade persistirá ata o mércores da vindeira semana, cando se agarda unha tendencia a tempo máis seco

Galicia viviu o mércores unha primavera anticipada con temperaturas máximas que acadaron os 23 graos. A responsable deste aumento dos valores foi unha masa de aire africana que tamén causou calixe en boa parte do territorio e empeorou a calidade do aire en varios puntos de Galicia. Con todo, a situación de estabilidade e as temperaturas agradables chegan á súa fin coa entrada dunha fronte fría este xoves. En consecuencia, os valores afúndense cunha caída de 10 graos en tan só 24 horas. A situación atmosférica non prevé cambiar ata ben entrada a próxima semana.

Alerta laranxa no litoral

A chegada da fronte fría acende as alertas en boa parte do territorio galego, sobre todo na costa. Segundo Meteogalicia, este xoves está activado o aviso laranxa na Costa da Morte e nas Rías Baixas por mar de vento e ondas de ata cinco metros. No resto do litoral está acendido o aviso amarelo. En terra tamén, na costa noroeste da Coruña e na Mariña por chuvia; no interior de Pontevedra, no oeste e suroeste da Coruña, nas montañas de Lugo e Ourense e no sur desta última provincia por ventos de ata 80 km/h. Ademais, a cota de neve descenderá ata os 1.000 metros na noite do xoves á madrugada do venres.

Publicidade

O día 6 estará marcado por un día de profunda inestabilidade, coas chuvias máis persistentes e cuantiosas na Mariña lucense. Esta situación está causada por unha baixa no centro peninsular que achega aire frío en altura, e cun anticiclón dos Azores que favorece a circulación do norte. En canto ás alertas, mantense a laranxa no litoral da Coruña e das Rías Baixas por ondas de ata cinco metros; a amarela na Mariña lucense por chuvia; o mesmo aviso por neve nas montañas de Lugo e Ourense; e no interior de Pontevedra, no sur da Coruña, no sur de Ourense e nas montañas por refachos de ata 80 km/h. En canto ás temperaturas, manteranse sen cambios significativos e roldarán os 13 graos de máxima.

Fin de semana

A inestabilidade persistirá durante a fin de semana. O sábado estará marcado polo aire frío nas capas altas da atmosfera, que ocasionará chuvascos intermitentes, sobre todo en Lugo e no leste da Coruña. O domingo será un día sen grandes cambios significativos, agás a entrada dunha nova fronte entre a noite e a madrugada do luns que aumentará as probabilidades de precipitación nos primeiros días da semana. Segundo o prognóstico de Meteogalicia, espérase a partir do mércores unha tendencia a tempo máis seco.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do chorro polar ás dinas: as claves do drástico cambio de tempo en Galicia a partir do mércores

A influencia anticiclónica debilitarase na segunda metade da semana coa previsión de ceos nubrados, temperaturas suaves e chuvascos ocasionais

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño

Que é o pantano barométrico? O fenómeno detrás da ausencia de vento en días de calor récord en Galicia

As temperaturas están nunha tendencia á baixa, pero algunhas zonas de Lugo e Ourense permanecerán en alerta amarela pola calor