África González sempre foi unha boa estudante. As súas notas e o impulso do seu pai levárona a entrar na carreira de Medicina. Mentres a cursaba, espertou nela unha vocación que non a abandonou nos seus máis de 30 anos de traxectoria. Tras unha estadía posdoutoral en Cambridge con César Milstein —Nobel de Medicina en 1984 polos seus estudos en corpos monoclonais—, González decidiu que o seu camiño non era a práctica clínica, senón a investigación. Chegou a Vigo en 1996 e fundou a primeira área de Inmunoloxía dunha universidade galega. Agora, tres décadas despois, a catedrática repasa a súa longa traxectoria na primeira sesión de Ciencia en feminino, o ciclo de charlas de GCiencia e da Deputación de Pontevedra co gallo do 8M.
Os desafíos da maternidade
Cando chegou a Vigo dende Cambridge veu acompañada do seu primeiro fillo, un bebé de tan só oito meses, e do seu marido. “Ás veces non somos conscientes dos obstáculos pero agora, se miro o meu currículo, recoñezo que tiven unha baixada na miña produción científica cando fun nai“, sinala González. E admite abertamente o seguinte: “A maternidade si pode ser un obstáculo durante unha etapa moi importante para a muller científica”.
A inmunóloga recoñece que ao seu redor tivo unha estrutura que lle permitiu desenvolver a súa carreira como investigadora, aínda sendo nai. E a pesar de que nota os efectos no seu currículo, puido retomar a súa produción sen apenas obstáculos. Non obstante, esta pode non ser a situación na que se atopen outras mulleres científicas, polo que González ofrece un consello: “Non te agobies, organiza ben o teu tempo. A investigación non é un traballo ao uso e non debes sentirte culpable se non chegas ao 100%. A catedrática da UVigo comparte que, para ela, o que lle serviu para avanzar no plano persoal e profesional foi poder separar mentalmente ambas as dúas dimensións.
Recoñecida divulgadora
Amais da súa vertente como investigadora e docente, África González é unha recoñecida divulgadora e foi unha voz de peso durante a pandemia por SARS-CoV-2. A crise causada polo coronavirus comezou hai seis anos, e malia que se recuperou a ansiada vella normalidade, o panorama internacional mudou considerablemente dende aquela. Sen ir máis lonxe, o magnate Donald Trump volveu á Casa Branca cun perfil aínda máis belixerante. Puxo á fronte do seu departamento de Saúde a Robert F. Kennedy, un recoñecido antivacinas, e decidiu abandonar a OMS.
“Os pensamentos políticos gobernantes que descoñecen a importancia das vacinas, da hixiene, dos antibióticos ou do control sanitario poden causar un dano terrible”, sintetiza González. E pon en xaque a figura de Trump, quen recomendou beber lixivia durante a pandemia para curar o coronavirus: “Cando el se infectou tomou todos os medicamentos que había no seu momento, incluso un anticorpo monoclonal que aínda non estaba aprobado”. Pese á incoherencia no discurso, o auxe do movemento antivacinas instigado por Trump e o seu goberno é palpable: “Xa se notan os seus efectos: o sarampelo volveu con forza”.
“É unha enfermidade moi contaxiosa e precisa de moitas persoas vacinadas para que se bloquee a súa propagación. Se non se acada unha taxa do 95%, a enfermidade emerxe”, advirte González. De feito, este aumento de casos non só se está a rexistrar en Estados Unidos, senón tamén en España. A finais de xaneiro, a OMS alertou de que o país xa non está libre de sarampelo, tras un considerable aumento de casos no último ano. “Pode causar encefalite e falecemento. É unha desgraza que, podendo evitar esas secuelas, non nos vacinemos“, lamenta González.
A inmunóloga pide “alzar a voz” para combater con información veraz, contrastada e rigorosa as noticias falsas que, incluso, chegan dende os estamentos de poder. Trump é un exemplo de líder que defende políticas anticientíficas e, de feito, decidiu sacar Estados Unidos da OMS. “É un gran paso atrás. Trump quería controlar a entidade pero ten que ser independente; unha voz e unha autoridade que tome decisións en cuestións supranacionais”, defende González.
Emprender en ciencia
Ademais de investigadora e divulgadora, a inmunóloga tamén foi emprendedora cando botou a andar Nanoinmunotech, unha spin-off da UVigo para o desenvolvemento de biosensores e nanopartículas. Con 15 anos de traxectoria, a empresa cesou a súa actividade, pero González lembra esta experiencia como “moi gratificante”. Malia que sempre é positivo transferir resultados da academia á empresa, os tempos dunha e doutra son diametralmente opostos. “É un salto complexo para o que precisas moita axuda”, sostén.
O emprendemento é unha das múltiples facetas laborais que cultivou González ao longo da súa vida profesional. Tamén desenvolveu cargos directivos e estivo á fronte do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da UVigo e foi presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía. Dende aí puido radiografar a realidade das mulleres en postos de poder, e admite que o teito de cristal, ás veces, é de cemento. “Hai que dar o paso. Con medos, inseguridades, co que queiras. As mulleres non deberiamos ter teito, e tampouco nolo deberiamos poñer a nós mesmas”, indica.
A entrevista a África González remata cunha escolla moi persoal: o nome de Rosalind Franklin, unha científica de referencia para ela. A inmunóloga achegouse á química británica durante a súa estadía en Cambridge e quedou fascinada coa súa figura. As contribucións de Franklin foron fundamentais para descubrir a estrutura do ADN, mais non foi galardoada co Nobel. González rescata a súa memoria para ditar xustiza histórica.















Parece que falar (escribir) non tén cancelas. Pórse a esvardallar sen datos nin coñecemento é un insulto á intelixencia máis básica.
As vacinas salvan e salvaron millóns de vidas sen efectos secundarios. Se non que llo digan aos pais da nena de Ferrol que morreu de meninxite, agora turran dos pelos da cabeza, e a meniña xa vai alá (se eu fora familiar dela xa terían denuncia no Xulgado por asasinato premeditado).
A verdade é que non teño mui craro a cuestión das vacinas, máis do que si estou seguro é de que non se deben administrar sistemáticamente, en serie, como se dunha granxa de porcos se tratase, senón tendo en conta o cadro ou historial clínico de cada paciente, porque as vacinas coma os medicamentos tamén teñen contraindicaciós que, de non terse en conta poden producir efectos mui perxudiciais. Así quedou constatado no caso da covid: efectos secundarios de cardiopatías que deixaron moreas de persoas seriamente afectadas ou falecidas.
Tamén hai que dicir que o grupo de xente anti-vacinas non se atopa só entre os salvaxes e descerebrados da ultra-dereita coma os que mencionais neste artigo. Tamén no ámbito ideolóxico e cívico das esquerdas e do ecoloxismo hai muitas persoas que son antivacinas.