GCiencia lanza unha nova edición do ciclo de charlas ‘Ciencia en feminino’

O programa en colaboración coa Deputación de Pontevedra arrinca o mércores 4 coa entrevista da inmunóloga África González

O teito de cristal, a fenda salarial, as dificultades de conciliar a vida profesional e persoal… Son temas necesarios cando se achega o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Cada ano é preciso poñelos no foco porque aínda non hai unha igualdade efectiva entre homes e mulleres, nin sequera na ciencia. Un ano máis, GCiencia lanza da man da Deputación de Pontevedra o seu ciclo Ciencia en feminino, conformado por dúas entrevistas e dúas mesas redondas en liña. Nelas abordarase a situación da muller na ciencia da man de oito investigadoras galegas. As actividades, que forman parte do programa do 8M da institución provincial, desenvolveranse ás 19.00 horas ao longo dos catro mércores do mes de marzo e en formato vídeo. Ademais, poderanse seguir en directo a través da canle de Youtube de GCiencia.

Ao día seguinte de cada sesión, as charlas e mesas redondas estarán dispoñibles en formato pódcast en todas as plataformas. En cada unha das actividades de Ciencia en feminino contaremos coa participación da coordinadora da área de Igualdade e Benestar Social da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, e de investigadoras galegas de recoñecido prestixio coas que falaremos dos obstáculos de ser muller e científica. Este é o programa completo:

Publicidade

4 de marzo. Conversa con África González

A inmunóloga África González inaugura a nova edición de Ciencia en Feminino. A catedrática da Universidade de Vigo (UVigo) recibiu o Premio María Josefa Wonenburger, a máxima distinción en Galicia para as mulleres científicas, en 2025. Leva máis de 30 anos en activo, nos que foi directora do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e fundadora dunha spin-off. A xornalista de GCiencia Laura Filloy conducirá a entrevista.

11 de marzo. Mesa redonda para derrubar estereotipos

Tres investigadoras das universidades da Coruña e de Santiago participarán na mesa redonda Como derrubar os estereotipos da muller científica: dos contos infantís á intelixencia artificial. O obxectivo é poñer en común os prexuízos que aínda pesan sobre as investigadoras e como afrontalos dende a infancia, así como dende un mundo dominado polas novas tecnoloxías. Esta actividade estará conducida pola xornalista de GCiencia Andrea Veiga e contará coas seguintes convidadas:

Publicidade

  • Laura Castro Souto, profesora da Universidade da Coruña (UDC) no departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información. Experta en intelixencia artificial e investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da UDC.
  • Gloria González Fortes, paleontóloga e investigadora da Universidade da Coruña (UDC) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC).
  • Beatriz Fernández Domínguez, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
  • (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago (USC) e da Xunta.

18 de marzo. Conversa con Elena Vázquez Abal

A terceira sesión de Ciencia en feminino terá como protagonista a Elena Vázquez Abal, catedrática de Matemáticas da USC. Con ela abordarase o porqué das baixas cifras de matriculacións femininas nas carreiras STEM e como se podería motivar as rapazas a unirse a áreas máis técnicas, como as matemáticas. A entrevista tamén estará enfocada na importancia da divulgación, dado que foi galardoada pola Real Academia Galega de Ciencias en 2024 por este motivo. Esta charla vaina conducir a xornalista Andrea Veiga.

25 de marzo. Mesa redonda sobre os obstáculos da carreira investigadora

A cuarta e última actividade será unha mesa redonda sobre os principais obstáculos aos que se enfrontan as investigadoras na súa traxectoria: dende os teitos de cristal ata a dificultade de conciliación. Para iso contaremos tres científicas das universidades de Vigo e Santiago. A charla estará conducida pola xornalista Laura Filloy.

  • Soledad Torres Guijarro, enxeñeira de telecomunicacións e investigadora de atlanTTic (Centro de Investigación das Tecnoloxías das Telecomunicacións) da Universidade de Vigo
  • Iria Gómez Touriño, bióloga molecular experta en diabetes e investigadora do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC.
  • Ainara Díaz Geada, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na área de Enfermaría.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

01:05:28

“Ter unha familia ten que ser compatible con ser unha científica recoñecida”

A investigadora Laura Castro participou xunto a Gloria González e Beatriz Fernández na segunda sesión de 'Ciencia en feminino', o ciclo de charlas de GCiencia e da Deputación de Pontevedra polo 8M

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Mesa redonda: como derrubar os estereotipos da muller científica

A segunda sesión do ciclo contará coa participación das investigadoras galegas Laura Castro, Gloria González e Beatriz Fernández

Onde están as mulleres (científicas) nas noticias?

A pesar de ser a metade da poboación, apenas ocupan o 26% das noticias como suxeitos e fontes, especialmente en ámbitos como a investigación

África González: “Xa se notan os efectos dos antivacinas: o sarampelo volveu con forza”

A catedrática de Inmunoloxía da UVigo foi a primeira convidada de 'Ciencia en feminino', o ciclo de charlas de GCiencia e da Deputación de Pontevedra polo 8M