A importancia do 1%: por que a eclipse de agosto só escurecerá por completo o norte de Galicia

Vigo quedará fóra da totalidade ao rexistrar un 99,3% de cobertura, mentres A Coruña alcanzará o 100% e poderá contemplar a coroa solar

O 12 de agosto, a eclipse total de Sol fará a súa aparición estelar en Galicia, grazas ao paso da banda de totalidade pola comunidade. Esta marca cobre gran parte da metade norte do territorio: nela, a Lúa cubrirá completamente o Sol, convertendo o día en noite arredor das 20:27 horas deste día de verán. Con todo, a porcentaxe da totalidade é un punto clave: non é o mesmo o 100% de cobertura de cidades como A Coruña ou enclaves da Mariña lucense, que o 99,3% de Vigo. Ese pequeno 0,7% pode marcar a diferenza entre ver unha noite escura e un solpor.

No primeiro caso, o ceo cambia, o aire arrefría e aparece a coroa solar da eclipse, un momento realmente especial e mesmo descrito como místico para todo aquel que observa. Enrique Alonso Blanco, divulgador e presidente da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, que xestiona o Observatorio Astronómico de Forcarei, indica que as cifras da totalidade permiten apreciar a verdadeira intensidade e forza da luz solar. Cabe destacar o papel da fotosfera solar, a capa brillante que, mentres non sexa cuberta totalmente pola Lúa, segue emitindo a luz durante a eclipse.

Publicidade

“Unha pequena fracción como a do 99,3% é capaz de iluminar o ceo e non deixa que se faga completamente de noite”, sinala Alonso Blanco. Así, a posición dentro da banda de totalidade tamén é determinante: “Quen ten mái sorte son os que están no medio da franxa“, pois son quen gozarán de máis tempo baixo a escuridade. Desta forma, A Coruña, situada nas marxes, terá un minuto e 16 segundos de totalidade, mentres que Ribadeo terá un minuto e 48 segundos. “En Galicia, a zona máis afortunada é Lugo”, explica o divulgador, pois a liña cubre case toda a provincia, destacando especialmente a zona da Mariña.

Un 0,01% marca a diferenza

A diferenza entre Vigo e a totalidade son 0,7 puntos porcentuais. En Ourense, 0,2. No caso de Santiago de Compostela, é o 0,1%. Nestes emprazamentos será case de noite, pero verase un ceo de cor azul ou gris moi profundo. Só se poderán ver os planetas máis brillantes se sabes onde mirar, pero seguirá demasiado iluminado. Fóra da totalidade nunca se verá a coroa solar, unha aura branca e filamentosa que só é visible a simple vista durante unha eclipse total coma esta. Aínda que quede só un 0,1% da fotosfera sen cubrir, o seu brillo é tan inmenso que oculta a coroa.

Publicidade

As medidas son iguais dentro e fóra da totalidade?

Ao coñecer esta información, cabe preguntarse: aínda que nalgúns casos non se chegue á totalidade plena, hai que empregar as mesmas medidas dentro e fóra da banda? A resposta é que si. “Hai que extremar as precaucións; aínda hai xente que utiliza lentes de sol e inventos varios“, explica Enrique Alonso. Deste xeito, recoméndanse só lentes ou filtros solares, sempre homologados e ben utilizados. No caso de empregar un filtro para tapar a lente dun telescopio, débense extremar as precaucións para que non se coe nada de luz. “Todo isto pode danar gravemente a retina do ollo: ao principio non doe, pero cando es consciente xa é un dano irreparable”, advirte.

Unha casualidade cósmica

Enrique Alonso Blanco explica que, millóns de anos atrás, a Lúa estivo máis preto da Terra. Hoxe continúa a afastarse do planeta nunha viaxe lenta. “Agora existe a casualidade cósmica de que os discos da Lúa e do Sol coinciden na nosa perspectiva“, explica, pois a distancia da Terra co Sol é maior ca que hai co satélite, e a estrela é moito máis grande en tamaño. Ademais, a sorte para Galicia recae na data 15 de agosto, por onde pasa a totalidade. É algo que non pasará no caso da eclipse total de Sol do 2 de agosto de 2027, pois a franxa cruzará polo sur da península, podendo observarse dende Cádiz, Málaga e o norte de África. “Nós imos velo pero dende unha parcialidade bastante ridícula”, sinala o experto.

Mapa da banda de totalidade da eclipse total de Sol do 12 de agosto. Captura de pantalla de The Eclipse App.
Mapa da banda de totalidade da eclipse total de Sol do 12 de agosto. Captura de pantalla de The Eclipse App.

Cambios biolóxicos

Durante unha eclipse total de Sol, na zona de totalidade ou case totalidade, poden percibirse cambios biolóxicos na contorna. Os paxaros calan, as temperaturas descenden. Dende que comeza unha eclipse ata que chega a súa máxima cobertura pasa arredor dunha hora e, durante ese tempo, comezan os síntomas: “Ocorre algo parecido ao solpor, o ceo escurece pero segue a ser azul”, sinala Alonso Blanco, aclarando que este fenómeno será un solpor, pero vivido dun xeito máis rápido.

Mais que ocorre cos animais durante este breve período de tempo? “Non teñen constancia das eclipses, polo que para eles está anoitecendo”, explica. Así, durante aproximadamente un minuto, para os seres vivos é de noite ata que volve a luz e a normalidade, polo que se advirte un cambio no comportamento das especies. “Suponse que hai un certo nerviosismo nos animais porque teñen un instinto polo que son capaces de prever as cousas; isto está máis preto do mito”, aclara o divulgador.

Paga a pena moverse cara á totalidade?

E que pasa se vives en Vigo? Paga a pena moverse cara á zona que abrangue a banda da totalidade para ver a eclipse no seu máximo esplendor? “Definitivamente, si”. Esta é a resposta Enrique Alonso, aínda que queda por estudar un segundo factor para poder determinar se emprender unha viaxe: a meteoroloxía, con diferenzas sempre notables entre o norte e o sur do territorio, sobre todo en termos de nubosidade. Con todo, a súa recomendación é clara, pois “antes de buscar un sitio ou preparalo con meses de antelación, é mellor esperar a un par de días antes para confirmar o estado do clima”.

Lugo é a localización preferida do presidente da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, concretamente a Mariña. Senón, calquera punto da parte máis oriental de Galicia. “Entre un 99% e un 100% paga a pena moverse”, mantén. A mellor opción é atopar un sitio onde poder ver o Sol dende as 19:30 horas ata as 21:00 horas sen obstáculos. “Dado que se trata dun evento que non se volverá repetir nas nosas vidas, cunha franxa de totalidade que pase por Galicia, débese aproveitar”, conclúe Enrique Alonso Blanco.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Guía para gozar da eclipse sen riscos: como moverte e coidar a túa contorna

A esperada chegada de visitantes para ver o evento astronómico suporá un reto para a mobilidade, a seguridade e a protección da cidadanía e do medio ambiente

Así é como as eclipses alteran a intensidade do vento, a temperatura e a formación das nubes

Os cambios atmosféricos que se producen cando a Lúa opaca o Sol son moi breves pero teñen moito interese para a meteoroloxía

Da Torre de Hércules ao Castro de Elviña: percorre o patrimonio da Coruña a través da eclipse

O concello sinala 46 puntos privilexiados dende os que se poderá vivir a fase de totalidade do fenómeno astronómico do ano

Máis de 100 anos sen eclipses solares e agora tres seguidos? Esta é a explicación científica

A coincidencia responde á combinación dos ciclos orbitais e á xeometría entre a Terra, a Lúa e o Sol