A Consellería de Sanidade pecha o ensaio clínico Sincigal, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación galega mediante a vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), coa colaboración de 50.415 persoas. Coa posta en marcha desta iniciativa, a finais do pasado mes de novembro e que se prolongou ata finais de febreiro, a Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago buscan a evidencia científica que sirva para valorar a eficiencia da vacina fronte a este virus en adultos, como xa se logrou co estudo Galflu, que serviu para incluír na sanidade pública a vacina de alta carga fronte á gripe para maiores de 70 anos.
Persoas recrutadas por distritos
Por distritos sanitarios, participaron no ensaio clínico Sincigal 11.972 persoas da Coruña, 6.285 de Ourense, 5.624 de Santiago de Compostela, 5.441 de Vigo, 5.273 de Lugo, 4.926 de Pontevedra e 3.978 de Ferrol. Tamén 1.908 do distrito do Salnés e 1.182 da Mariña. Por debaixo dos mil participantes, sitúanse Cee, con 920 persoas; 807 de Barbanza, 732 do Barco de Valdeorras, 719 de Monforte de Lemos e 648 de Verín.
En canto aos grupos de idade, a franxa que máis participou foi dos 61 a 70 anos, con 18.232 persoas, seguido dos de 71 a 80, con 10.846. Dos 18 a 40 anos foron 2.816 persoas, 3.999 de 41 a 50 e 8.803 de 51 a 60 anos. Participaron tamén 4.645 de 81 a 90 anos e, o grupo con menor participación, os maiores de 90 con 1.074 persoas.
Por sexo, do total de participantes, 26.157 eran homes e 24.258 mulleres.
Investigación clínica
Sincigal enmárcase na estratexia galega de saúde pública pragmática, que integra a investigación clínica co sistema sanitario real para xerar evidencias útiles que permitan optimizar a toma de decisións sobre políticas de vacinación.
O virus respiratorio sincitial é un virus habitual que, na maioría dos casos, causa síntomas leves parecidos aos dun arrefriado, como dor de garganta, tose ou conxestión nasal. Con todo, en lactantes pequenos e en adultos de idade avanzada, ademais de naquelas con patoloxías crónicas, pode causar problemas pulmonares graves que poden requirir hospitalización. De feito, é responsable cada ano de centos de hospitalizacións en Galicia. Ademais, en adultos, pode empeorar patoloxías como a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica e a insuficiencia cardíaca.
Actualmente, a Xunta ofrece a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial de 0 a 6 meses, cunha cobertura próxima ao 100%. Esta protección introduciuse en Galicia de modo pioneiro no 2023, permitindo a redución das hospitalizacións en máis do 90% por esta infección nos nenos e nenas inmunizadas.













