O Castelo de Soutomaior é un edificio curioso: metade fortaleza medieval, metade palacio neogótico. Agora, a Deputación de Pontevedra acaba de lanzar O Códice da Liberdade, un videoxogo que permitirá descubrir dun xeito innovador a súa historia e achegarse a algunhas das principais localizacións históricas da provincia. O xogo, dispoñible en galego, castelán e inglés para dispositivos móbiles —na app store de Google e Apple—, está financiado con fondos NextGenerationEU.
Fronte aos videoxogos históricos centrados no combate, a proposta aposta pola investigación, a dedución e a toma de decisións. A persoa xogadora trasládase á Galicia de 1470, nun contexto marcado polas loitas de poder da Baixa Idade Media e no que se sitúa no centro a Pedro Madruga, para asumir o papel dun cronista que deberá recompilar testemuños e documentos, resolver enigmas e recuperar sete reliquias repartidas polo territorio para reconstruír o denominado Códice da Liberdade.
O castelo de Soutomaior ocupa un lugar central na experiencia, recreándose diferentes espazos vinculados á fortaleza como as murallas ou o salón de trono. Ademais, a aventura incorpora outros enclaves da provincia como o castelo de Sobroso, o mosteiro de Poio, os bosques de Fornelos de Montes, a cidade de Pontevedra e a fortaleza de Monte Boi en Baiona. Todos os escenarios forman parte activa da narrativa e das probas que deberá superar o xogador ou xogadora, como descifrar árbores xenealóxicas, reconstruír rutas náuticas e traballar con manuscritos, convertendo elementos relacionados coa historia e o patrimonio en parte fundamental da experiencia do xogo.
Así, a Deputación de Pontevedra avanza na incorporación de novas fórmulas de interpretación e divulgación do patrimonio provincial, combinando historia, turismo e tecnoloxía para ofrecer unha experiencia capaz de achegar o legado medieval das Rías Baixas aos máis mozos. Deste xeito, ademais do xogo, a app incorpora a realidade aumentada para atopar obxectos agochados no castelo de Soutomaior durante a visita dos usuarios ao recinto.



















