A experiencia de investigar no estranxeiro cunha bolsa da Fundación Barrié: “Foi moi enriquecedor”

A estudante de enxeñaría biomédica Silvia Rodríguez desfrutou dunha estadía de nove semanas aprendendo sobre biomedicina computacional en Reino Unido

Cando unha persoa comeza a súa etapa universitaria, adoita recibir múltiples consellos académicos: ‘aproveita os recursos da túa facultade’, ‘busca contactos no teu campo’, ‘pregunta todas as dúbidas que teñas’. A eses hai un que, cada vez máis, convén engadir: coñece as bolsas que poidan resultar de interese. En ocasións, resulta complicado, cando non imposible, aprender ou practicar técnicas, metodoloxías ou o manexo de equipamentos diferentes a non ser que se cambie o contexto de aprendizaxe. Así o explica a estudante de enxeñaría biomédica Silvia Rodríguez: “Aprendín cousas que non sería posible durante as prácticas de laboratorio da carreira“. Ela foi unha das bolseiras da última convocatoria da Fundación Barrié destinadas a estudantes de grao que buscan formarse en institucións investigadoras de referencia internacional na área das ciencias da vida durante os meses de verán.

Actualmente está aberto o prazo de presentación para a edición de verán de 2027 do Programa de Bolsas de Verán para Estudantes de Grao (SURF, polas súas siglas en inglés Summer Undergraduate Fellowship Program) da Fundación Barrié. A bolsa ofrece 15 prazas para pasar nove semanas —dende o 21 de xuño ao 20 de agosto de 2027— nun dos catro centros elixibles: o Centro de Ciencias da Saúde da Universidade Estatal de Luisiana, o Hospital Xeral de Massachusetts, a Universidade do Estado de Michigan e o Colexio Universitario de Londres (UCL). As tres primeiras opcións levarán o estudantado seleccionado a Estados Unidos, mentres que a última terá o Reino Unido como destino. A Fundación Barrié cubrirá os gastos de viaxe, seguro e manutención das persoas escollidas. As candidaturas poderán presentarse ata o 20 de outubro a través do portal web da convocatoria.

Publicidade

Que bolsas ofrece a Fundación Barrié?

Ademais do xa mencionado Programa de Bolsas de Verán, a Fundación Barrié conta con outras opcións para diferentes perfís académicos. Por un lado están as Bolsas de Posgrao no Estranxeiro —cuxa convocatoria para o vindeiro curso académico aínda está por abrir— e polo outro atópanse o Programa de Bolsas de Doutoramento e o Programa de Bolsas Posdoutorais. O primeiro está dirixido a persoas que vaian realizar o seu doutoramento nunha área que se inclúa nas ciencias da vida, mentres que o segundo vai enfocado a quen xa rematou, ou está a piques de facelo, o programa de doutoramento.

Biomedicina na UCL: a experiencia de Silvia Rodríguez

A estudante de enxeñaría biomédica Silvia Rodríguez pasou nove semanas investigando no Centro de Medicina Computacional do Colexio Universitario de Londres (UCL, University College London), no laboratorio dirixido polo profesor Simon Walker-Samuel. “Puiden investigar xunto a unha estudante de doutoramento de primeiro ano que me asignou unha parte do seu proxecto. Foi unha experiencia moi enriquecedora”, lembra Rodríguez. A alumna explica que colaborou con estudantes de doutoramento e posdoutorais na elaboración dunha base de datos ben nutrida coa fin de adestrar modelos computacionais. Silvia Rodríguez conta que, máis alá da experiencia académica, puido achegarse á burocracia que rodea as investigacións: “A estancia tamén me serviu para interaccionar con persoas voluntarias que viñan ao laboratorio para que puideramos tomar os seus datos. Aprendín moito sobre o papeleo que implica a parte ética dos proxectos”.

Publicidade

A estudante traballou en segmentación de imaxes médicas. “En concreto, imaxes de retina en 2D e 3D para marcar a microvasculatura: as arterias, as veas… Facemos isto para traballar en aplicacións médicas, facer predicións, elaborar xemelgos dixitais, etc.”, apunta Silvia Rodríguez. A alumna de enxeñaría sinala que se centrou en traballar con métodos computacionais e, en específico, de machine learning.

A bolseira de Barrié sinala que esa foi a primeira vez que ela e os seus compañeiros de bolsa traballaban a tempo completo nun laboratorio. “Isto permitiunos estar completamente inmersos na investigación. Ademais, que se nos tratara como unha persoa máis do grupo foi moi gratificante. Traballamos con investigadores brillantes”, recoñece Rodríguez.

O impacto da experiencia formativa

A investigadora apunta que a formación na UCL lle serviu para aprender aspectos do campo que non lle sería posible limitándose ás oportunidades que lle ofrecían os laboratorios da súa facultade. “Moitas das técnicas si que nos soaban porque as estudaramos, pero non as practicaramos ata que as aplicamos nunha investigación real. É importante a teoría, pero unha carreira non permite afondar en temas tan de nicho, e menos a tempo completo“, recoñece Rodríguez.

Máis alá dos beneficios formativos, participar nunha bolsa destas características ten outra gran vantaxe. “Facer unha estadía pode axudarche a ver se a carreira, na súa parte máis práctica, che gusta e te motiva“, afirma a alumna de enxeñaría biomédica. Para ela, esta experiencia foi unha confirmación da paixón pola súa área: “Sinto que a mellor aplicación que pode ter a IA hoxe en día é a medicina. Canta máis capacidade de análise e procesamento de datos, mellor poderemos predicir e diagnosticar moitas situacións de maneira precoz. Poderías mellorar a calidade de vida de moitas persoas”.

A bolseira da estadía do verán de 2026 ten claro que é unha oportunidade positiva que paga a pena coñecer de primeira man: “Se alguén está dubidando, diríalle que se anime a pedir a bolsa. Coñecín xente marabillosa e todos coincidimos en que non pensabamos que tiveramos posibilidades de que nos aceptaran. Foi unha experiencia moi boa”, conclúe Rodríguez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como se ve Galicia dende o ceo? Así era o territorio galego captado por helicópteros nos anos oitenta

A Fundación Barrié e o Ministerio de Defensa reuniron fotografías históricas nun volume de máis de 200 páxinas para amosar a riqueza paisaxística e urbana

Desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio optan a Palabra do Ano 2025

A iniciativa impulsada pola RAG e a Fundación Barrié inicia o seu período de votacións, que pechará o 21 de decembro ás 23:59 horas

Tres investigacións galegas premiadas pola súa contribución á ciencia internacional

Ademais dos galardóns principais o xurado tamén concedeu catro accésits a proxectos desenvoltos en Galicia

Un novo programa de bolsas para traballar nas ‘start-ups’ máis punteiras de EEUU

A Fundación Barrié e a asociación The Exponential Fellowship presentan a primeira edición dunha iniciativa dirixida a titulados universitarios de disciplinas técnicas