A Soledad Torres Guijarro sempre lle gustaron as matemáticas. Cando entrou na Escola de Telecomunicación da Universidade Politécnica de Madrid recibiu un golpe de realidade: “Os rapaces eran a ampla maioría. Circulaban mensaxes e bromas chistosas sobre as rapazas que estubabamos alí”. Recoñece que as taxas de abandono en primeiro de carreira, sobre todo entre as mulleres, eran “elevadísimas” e define ese ambiente universitario “pouco hospitalario”. “Atopeime cun mundo francamente moi masculinizado”, lembra Torres Guijarro, agora enxeñeira de Telecomunicacións na Universidade de Vigo (UVigo). A investigadora participou xunto á bióloga molecular Iria Gómez Touriño e á enfermeira Ainara Díaz Geada na última sesión de Ciencia en feminino.
A cuarta actividade do ciclo de charlas e mesas redondas de GCiencia e da Deputación de Pontevedra analizou da man das tres investigadoras como se pode facer fronte aos obstáculos aos que aínda se teñen que enfrontar as mulleres científicas nas súas carreiras académicas. O foco estivo posto dende o principio: como a cultura condiciona as escollas profesionais. De feito, Torres Guijarro apuntou o seguinte: “Aos seis anos, a presión cultural xa fai efecto e as nenas deixan de verse capaces de calquera cousa”. É dicir, que é preciso intervir dende as etapas educativas máis temperás para que as matriculacións femininas e masculinas nas distintas carreiras universitarias estean equilibradas.
Das enxeñarías ás ciencias da saúde
As enxeñarías e as arquitecturas son as disciplinas con menores taxas de mulleres entre o seu alumnado. En concreto, só o 28,1% durante o curso 2023-2024 segundo o informe Científicas en cifras que publica o Ministerio de Ciencia. Non obstante, nas Ciencias da Saúde as mulleres supoñen o 72,5% das matriculacións. A enfermeira e investigadora na área de Epidemioloxía da Universidade de Santiago (USC) Ainara Díaz Geada admite que o seu campo de estudo está vinculado directamente cos coidados e, por tanto, coas mulleres. “Ao tratarse dunha disciplina tan feminizada, condiciónase o seu desenvolvemento, a súa evolución histórica e tamén a visión e perspectiva social da enfermería”, lamenta a investigadora da USC.
Nun punto intermedio entre a área de Soledad Torres Guijarro e a de Ainara Díaz Geada está a bióloga molecular Iria Gómez Touriño, investigadora do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. En Bioloxía, as matriculacións femininas e masculinas adoitan estar máis equilibradas. Gómez Touriño lembra que cando tivo que decidir que carreira cursar, decidiu ler os programas das que máis lle atraían. Foi así como entendeu que o que máis lle interesaba era comprender a vida, por moito que lle gustase a análise sintáctica. “Debemos mostrarlle aos rapaces e ás rapazas todas as opcións de estudo que hai”, apunta a bióloga, baseándose na súa propia experiencia.
Máis alá de Marie Curie
Gómez Touriño cre que outro aspecto fundamental para animar as matriculacións nas carreiras STEM é falar de referentes do día a día. “Marie Curie foi moi importante e significou moito pero hai que poñer exemplos actuais, reais, de mulleres vivas que actualmente estean investigando”, indica. A investigadora do CiMUS cre que, desta maneira, as rapazas poden entender mellor a aplicación dos seus estudos, ver máis facilmente as saídas das carreiras que queren estudar e eliminar os estereotipos que aínda pesan sobre algunhas disciplinas, como a errada idea de que as matemáticas “son difíciles”.
Soledad Torres Guijarro achegou nunha das súas intervencións un exemplo moi ilustrativo. Segundo un experimento ao que aludiu, presentaron o mesmo examen ante un grupo de alumnos e alumnas. O único que cambiaron foi o encabezado: eran problemas de xeometría, pero nun indicaron “exame de matemáticas” e, noutro, “exame de debuxo”. “Soamente cambiando o título, os resultados que obtiveron as rapazas eran mellores se a proba era etiquetada de debuxo que se era de xeometría. É unha cuestión de autoconcepto“, conclúe.














