Desde os seus 17 anos acabados de facer e cursando 1º de Bacharelato, Pablo Freire Fernández imaxina o seu futuro académico e laboral vencellado á investigación en matemáticas puras, a “ciencia da orde e a medida e de belas cadeas de razoamento”, como a definiu René Descartes.
En xullo viaxará a Shanghai para participar na IMO2026, a Olimpíada Internacional de Matemáticas que reunirá na cidade chinesa a estudantes de máis dun cento de países. Alumno do IES As Lagoas de Ourense é xa un “veterano” nestas lides. O pasado ano participou na IMO de Australia e na Olimpíada Iberoamericana, das que regresou con senllas medallas de prata e ouro.
A beleza das matemáticas
Foi hai catro anos e ao abeiro do proxecto Estalmat cando se mergullou no que se converteu nunha paixón: as matemáticas. En 2º de ESO comezou a súa “carreira olímpica”, foi na competición galega, que acaba de gañar por terceiro ano consecutivo, o que lle abriu e abre o camiño á fase nacional e, desde aquí, á internacional.
“Gústanme os retos e os problemas difíciles, porque durante o camiño para resolvelos divírtome e aprendo moito”, subliña Pablo ao explicar o seu gusto polas mates para, de seguido, engadir: “Nas súas enxeñosas demostracións vexo beleza”. Pablo ve nas olimpíadas matemáticas unha canle para profundar no estudo das matemáticas e tamén unha oportunidade para coñecer xente con intereses semellantes e pasalo ben, obxectivos compartidos coas organizacións dos distintos eventos.
Principais dificultades
Con todo, e malia ser de natureza calmada, quen será o representante de Galicia na IMO2026 ―é o único galego no equipo nacional― lembra na súa traxectoria “olímpica” algunha situación especialmente complicada: “Púxenme moi nervioso na Olimpíada Iberoamericana do pasado setembro, cando resolvín un problema a 10 minutos do remate dunha proba que dura catro horas e media”. Foi, asegura, un momento de moita tensión que proba “que as solucións matemáticas son imprevisíbeis e que podes estar moi ben preparado e chegar a facelo mal, polo que sexa”.
Porén, as dificultades vividas de xeito puntual non desaniman a Pablo Freire, quen irá a Shanghai coa expectativa de obter algunha medalla e de mellorar o resultado do pasado ano na IMO de Australia, onde obtivo unha das medallas de prata outorgadas. O camiño percorrido para chegar a China é esperanzador: gañou as olimpíadas galega e nacional deste ano, chanzos previos e obrigados para acudir á cita internacional.
Sen método definido
Detrás dun “atleta” das matemáticas como Pablo Freire hai horas de traballo resolvendo problemas formulados en concursos anteriores, estudando diferentes teoremas ou aprendendo técnicas de resposta rápida e baixo presión. As rutinas estritas e os requisitos e pautas das olimpíadas non están no foco principal das preocupacións de Pablo Freire á hora de prepararse para os distintos certames. “Eu céntrome en estudar matemáticas libremente, sei que é bo facer simulacros prácticos pero eu non adoito facelos”, recoñece. E detrás, tamén hai adestradores que os guían como o profesor Carlos Ferreiro, quen desde hai tres anos traballa co alumnado nos obradoiros de matemáticas que se imparten no IES.
Malia o seu respecto por mestres como Ferreiro que fan das mates unha materia comprensible, atractiva e mesmo divertida, Pablo entende a mala prensa escolar que teñen xa que, na súa opinión, “ensínanse de xeito moi mecánico, e a escaseza de tempo estresa os estudantes e os leva a chapar para non ter que pensar”.
As matemáticas ocupan o presente de Pablo Freire Fernández, quen as ve tamén ocupando un lugar central da súa vida no futuro. “Quero dedicarme á investigación en matemáticas puras, pois é o que máis me gusta, téñoo claro”, afirma. Por diante, quédalle elixir en que rama centrará a súa atención: álxebra abstracta, xeometría, a teoría de números, análise matemática… Ten tempo.












