Os récords de calor multiplican por dez aos de frío en Galicia na última década

O gráfico elaborado polo climatólogo Dominic Royé indica que, dende 2020, apenas se rexistrou unha marca mínima fronte ao predominio das máximas

As consecuencias do cambio climático xa se deixan notar en Galicia. As temperaturas son cada vez máis extremas: abonda con lembrar as vagas de calor do verán de 2025 ou o inverno meteorolóxico máis húmido do último cuarto de século. Estes efectos tamén se reflicten nos récords térmicos. Un gráfico do climatólogo Dominic Royé indica que, na última década, só se rexistrou un récord de frío por cada dez de calor en Galicia, cando anteriormente eran oito de cada dez. Trátase dunha das múltiples manifestacións do quecemento global: nos últimos cinco anos apenas se contabilizou un récord de frío. “O 90% é calor”, resume o investigador.

Os datos proceden de ERA5-Land, unha reanálise elaborada polo Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a Prazo Medio (ECMWF) no marco do programa Copernicus. Esta ferramenta permite comparar temperaturas entre 1955 a 2025 coa mesma metodoloxía. A análise de Royé baséase na acumulación de récords diarios: por exemplo, se o 15 de xullo de 1950 a temperatura máxima foi de 29°C e en 1951 ascendeu a 31°C, establécese un novo récord; pero se ao ano seguinte se repiten os 29°C, xa non se considera.

Publicidade

O método parte dun principio básico: todos os días teñen a mesma probabilidade de rexistrar un récord, tanto en temperaturas máximas como mínimas. “Por iso nos anos 50 aparecen moitos, pero van diminuíndo porque cada vez é máis difícil superar os valores xa acadados”, explica.

O paso dos anos

Entre 1950 e 1980, tantos os récords de calor como os de frío mantéñense próximos á curva teórica, é dicir, á liña que estima cantos deberían producirse de maneira natural segundo o modelo formulado polo matemático William Feller en 1968. Con todo, os récords de frío situábanse lixeiramente por riba, o que reflicte un clima máis fresco. A partir de 1990, os récords de calor dispáranse por enriba da curva teórica, mentres que os de frío caen por debaixo. Para Royé, é un “sinal inequívoco de quentamento global”. Ademais, para que un novo récord sexa válido, a temperatura debe superar as anteriores, polo menos, nunha ou dúas décimas. “Cada vez máis, os rexistros superan os anteriores nun ou dous graos“, engade.

Publicidade

Que pasará cos récords de frío?

Galicia non é unha excepción. Dominic Royé sinala que esta tendencia se observa noutras rexións do Estado. “O cambio climático é isto: os récords de frío son moito menos frecuentes e aumentan os de calor”, advirte. As consecuencias son múltiples: maior frecuencia de vagas de calor, secas máis prolongadas, impactos nos ecosistemas e tamén na saúde, xa que o incremento das temperaturas está asociado a un maior risco de mortalidade.

Con todo, o climatólogo considera que os récords de frío non desaparecerán por completo nas próximas décadas, aínda que si serán “moi pouco frecuentes”. A tendencia actual apunta a anos sen ningún rexistro deste tipo ou con apenas un ou dous. O que xa non volverá, sinala, son cifras como as da década de 1950, cando se chegaban a contabilizar ata 180 récords diarios.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla