Cantabria está a arder, unha crise que acadou o seu pico o mércores 4 de marzo tras rexistrar 47 incendios. Unha gran cantidade de focos simultáneos, especialmente nas zonas oriental e central da comunidade, estiveron afectados polo forte vento do sur, que facilitou a propagación das lapas. Sóavos este escenario? Os incendios de Galicia arrasaron máis de 156.000 hectáreas, segundo o satélite europeo Copernicus. Na mente dos galegos sempre quedarán marcados os nomes de Oímbra, Chandrexa de Queixa, A Mezquita e Larouco, os lumes máis devastadores, localizados na provincia de Ourense. Sete meses despois, e tras un mes de borrascas sucesivas que impactaron duramente contra Galicia, cabe preguntarse cal é o estado destes enclaves e canto tardarán en recuperarse. Pista: moito.
“A sucesión de borrascas era o peor escenario posible para o solo”, sinala o edafólogo Serafín González, tamén presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Os temporais acompañados de chuvias intensas incidiron nunha terra sen recuperar. Nestes casos, a erosión e, polo tanto, a probabilidade de escorrentía son maiores a causa dos solos espidos polas lapas. “Non hai nada que os protexa”, engade.
Esta é a situación nas zonas máis afectadas. Tratouse do episodio “dos incendios máis grandes dos que imos ter rexistros”, tal e como declaraba a GCiencia Juan Picos, profesor en Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, no mes de agosto. Con todo, en marzo de 2026, o experto sinala que, polos factores das paisaxes ás que afectaron as lapas —maior ou menor intensidade, pendentes, vexetación—, a recuperación será froito de moita casuística: “Ao ser incendios tan grandes, hai unha gran variedade de situacións no territorio”.
Perigo, escorrentías
Aquelas zonas onde a combustión da vexetación foi completa, é dicir, onde nin o material da copa sobreviviu, son agora as máis afectadas. O tempo acompañou nun inicio: outubro foi un mes seco, pero a partir de aí, comezaron as chuvias. Ao consumirse, as follas non puideron caer dende as árbores durante o outono e xerar unha capa protectora no chan para protexelo da erosión. Isto produce escorrentías, sobre todo nas ladeiras queimadas con moita pendente. Esta falta de protección leva a problemas máis graves a longo prazo: “O que se perde coa erosión é a capa máis fértil dos solos, a que ten o maior contido en materia orgánica e nutrientes”, sinala González. Así, “os arrastres son pegadas cara a atrás para o ecosistema”, engade Juan Picos.
Con todo, a meteoroloxía destes meses non foi só negativa. O profesor da UVigo subliña outro efecto: as zonas altas estiveron cubertas pola neve, un factor que provoca unha situación contraria á escorrentía, pois “permite preservar a área”. Aclara que cando funde tamén xera erosión, pero a velocidade é menor.
Serafín González referencia un estudo de Francisco Díaz Fierros e Roxelio Pérez Moreira do ano 1984 onde conclúen que a erosión nunha pendente media podería arrastrar ata 20 e 30 toneladas por hectárea e ano. Con todo, como ben indica o edafólogo, canto máis empinada sexa a pendente, peores serán as consecuencias. “Os danos da erosión agrávanse canto máis longa sexa a ladeira espida, onde collen máis forza as lapas”, explica González. Estas cifras fan evidente que a recuperación do solo vai levar tempo: “Se se perde moito, non é posible traelo de volta a curto prazo, senón que tardará séculos en formarse de novo“, sinala Juan Picos.
Que pasa coa vexetación?
O lume de Larouco asolou máis de 30.000 hectáreas. Foi un espazo que estivo días baixo os efectos das lapas. Con todo, noutras localizacións polas que o lume pasou rápido, sobreviviron aquelas plantas adaptadas ao fogo. Como ben explica Juan Picos, en Galicia sempre foi un factor empregado na xestión do territorio: “Hai especies e coberturas do solo máis adaptadas que outras a este tipo de incidencias”.
Cada planta ten diferentes estratexias para sobrevivir. Algunhas deciden que a máis rápida é rebrotar. Mentres, outras, como as gramíneas, reprodúcense mediante sementes tras o lume e, máis tarde, volven brotar. As herbas son capaces de medrar máis rápido. Por exemplo, o mato, coa súa propiedade xerófita —pode vivir en ambientes con escaseza de auga—, xera tecidos que lle permiten medrar novos tallos. Estas especies, resistentes ao lume, “foron quen de rebrotar poucas semanas despois“, subliña Picos. En zonas arborizadas estase a tratar a vexetación: as árbores estanse a talar aínda hoxe coa axuda de maquinaria. “Aínda non empezou a recuperación”, sinala o experto forestal.
Especies rebrotadoras
Juan Picos fala das especies rebrotadoras, capaces de renacer das cinzas. É o caso do castiñeiro, nomeado “rebrotador nato” polo profesor. Nas paisaxes galegas atópanse exemplares antigos con ocos, probablemente sinais de incendios de décadas atrás. En ocasións, mesmo queimábanse por dentro para preservalos e evitar a presenza tanto de insectos como de fungos. “Os lumes tamén afectaron a algunhas superficies de castiñeiro de xeito relevante, pero a estratexia é talalos e inserilos de novo”, explica.
O carballo é outra destas especies, sobre todo se vexeta en valgadas, paisaxes máis húmidas. Nestes casos, o efecto do lume é inferior e a capacidade de recuperación é máis grande. A casuística vai máis aló: “É resultado da combinación das características da propia planta e onde vexeta“, sinala Picos. Así, engade que “os sitios nos que o lume non foi moi grave, as plantas que poidan rebortar, poderán facelo”.
Mulching: recuperación e prevención
O mulching é un método que restablece de maneira artificial a cobertura orgánica perdida co lume e evita que o solo se degrade polas precipitacións. “Funciona cando se aplican ben en áreas cun risco importante“, aclara Juan Picos. Con todo, a súa eficacia está cientificamente demostrada pola Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), onde investiga Serafín González: cando a palla aplícase a man, ben distribuída, a erosión poderíase reducir nun 92-93%. Con todo, esta capa protectora tamén pode aplicarse en helicóptero para evitar que as primeiras gotas escorrenten rápido.
Trátase dun tratamento de emerxencia e moi localizado, xa que non se pode aplicar ás 156.000 hectáreas afectadas: “Débense seleccionar aquelas zonas onde vai ser posible recuperar o solo despois da aplicación do mulching“, explica Picos. Esta é a estratexia principal que se está a levar a cabo hoxe nas áreas queimadas en agosto.
Anos de espera
O profesor de Enxeñaría Forestal lembra a baixada cara a Verín da A-52. “Todas esas ladeiras do concello de Monterrei xa foron ardidas en 2005, e tiñan un piñeiral practicamente rexenerado”, narra, malia volveu arder 20 anos despois. Así, como sinala, os viaxeiros tardarán entre 15 e 20 anos en volver a velo como estaba.
Pero un dos parámetros máis relevantes de recuperación dos incendios do verán é o inverno. “Chuvias menos persistentes e máis suaves implicarían menos perdas”, explica Serafín González. Ademais, como sinala Juan Picos, as plantas estiveron fóra de capacidade vexetativa dende finais de outubro e agora comezará a aparecer cos rebrotes. “O importante vai xurdir na primavera”, subliña.
As cifras anuncian que un centímetro de solo perdido tarda entre 100 e 200 anos en recuperarse, aínda que “depende do tipo de rocha e da meteoroloxía”, sinala o edafólogo. É un panorama complexo, sobre todo en zonas reincidentes como Larouco que xa arderan no ano 2022. “Os humanos non lembramos se non estamos sempre no mesmo sitio; imos ter amnesia paisaxística“, subliña Picos. Así, a cicatriz vai perdurar na paisaxe, malia que a mínima recuperación das áreas fará esquecer a presenza das lapas no agosto de 2025.












