Montes heteroxéneos e planificación: un estudo analiza como ter paisaxes máis resistentes aos incendios

Os investigadores da Misión Biolóxica de Galicia buscan que os montes poidan ser produtivos, sostibles e máis resilientes fronte a catástrofes

Cando se fala da prevención de incendios, normalmente a conversación queda centrada nos cortalumes tradicionais ou nos efectivos de extinción. Con todo, como podemos ter uns montes máis resistentes ao avance das lapas? Esa é a pregunta que se fixo o equipo liderado por Adrián Regos, investigador e coordinador do Grupo de Ecoloxía da Paisaxe da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). E é que o lume pode avanzar máis rápido segundo como sexa a vexetación que teña diante. Desde a MBG buscan como previr os incendios pero mantendo un monte produtivo de alto valor.

“O primeiro de todo é caracterizar o réxime de incendios que hai en Galicia”, comenta Regos. Logo, apunta, desenvolver un modelo que teña en conta os procesos que interveñen a escala de paisaxe. Estas ferramentas permiten facer unhas simulacións do réxime de incendio para os diferentes escenarios de como se xestiona o monte. Hai modelos de comportamento dos lumes que xa traballan outros grupos de investigación que se centran en entender como avanza o fogo, concreta. Neste caso, o equipo do MBG integra iso nun modelo máis amplo no que tamén entran en xogo as dinámicas da paisaxe. Desta forma tamén se buscan fórmulas para poder recuperar antes os terreos afectados polos incendios. En conclusión, o equipo investigador quere entender mellor non só como os lumes afectan á paisaxe senón como esta afecta ao fogo.

Publicidade

Unha paisaxe máis variada

Moitas veces as solucións que se planean non compensan economicamente, segundo o investigador. “Quen vai xestionar todo iso se non é rendible?”, concreta. Por iso, este proxecto pretende favorecer que os montes teñan utilidade produtiva e buscar cales poderían ser os aproveitamentos agroforestais segundo a área. Ademais, serían terreos que funcionarían como cortafogos naturais en caso de incendio. Por exemplo, con plantacións vitícolas e de castiñeiros. “Tanto para que sexan rendibles pero tamén para crear unhas paisaxes máis heteroxéneas”, destaca. E é que Regos apunta no seu traballo que evitar a continuidade nas paisaxes (algo habitual nos montes galegos) pode axudar a conter os incendios masivos.

“Os grandes lumes están favorecidos polas masas de vexetación moi continuas e que están moi estresadas”, asegura Regos. Refírese ao estrés térmico, cada vez máis elevado polo cambio climático e crucial para a aparición dos incendios, segundo un informe recente de World Weather Attribution. “Temos os bosques conectados desde o solo ata a copa, o que facilita o tránsito das lapas”, concreta antes de advertir das dificultades que provoca á hora de frealos.

Publicidade

“Como podemos tratalo? Estudando e planificando a paisaxe de forma máis heteroxénea”, destaca. Unha vexetación máis variada e que rompa coa continuidade axuda a que haxa máis obstáculos e que os bombeiros podan acceder mellor a zonas para frear o incendio. A masa vexetal é, ao final, unha masa combustible. Por iso, o experto fala de “roturas de combustible” como un dos elementos que axuda a que se podan frear. Ademais de ser máis resistentes ao avance dos lumes, tamén serían máis resilientes. Por iso, certos usos agrícolas e agroforestais serían de axuda para combinar sostibilidade, produtividade e capacidade de frear os incendios.

Os efectos do cambio climático

Os modelos de aproveitamento forestal tamén deben facerse tendo en conta os efectos do cambio climático. Por iso, o proxecto do CSIC utilizará modelos que teñan en conta a evolución deste. “É algo que pode axudar non só á produción agrícola da zona senón tamén para ter unha paisaxe máis preparada para este tipo de fenómenos”, destacou. Tamén, ao igual que nos métodos de produción forestal, a nova investigación do CSIC tamén amplía o seu estudo cunha terceira liña relacionada coa biodiversidade. Para iso, avaliarán o impacto do cambio climático nas distribucións actuais das especies. “Hai diferentes escenarios de cara ao 2040 e 2050 e podemos proxectar esos modelos”, explica, algo que permitirá que zonas serán climaticamente adecuadas e cales non.

O obxectivo final do proxecto é a integración das áreas onde deben reducir o risco do réxime de incendios e de lugares de aproveitamento agroforestal e de biodiversidade. Desta forma, permitirase optimizar os recursos. “O potencial agroforestal de Galicia é enorme, pero cabe preguntarse que paisaxe queremos de aquí a 2050”, asegura. O experto destaca a necesidade de vontade política para poder acadar os resultados buscados. Do que non ten dúbida é de que as decisións tomadas no presenten repercutirán en como será o monte galego do futuro. Quedará cunha paisaxe máis variada e heteroxénea? Utilizará monocultivos? Acabará, lamentablemente, recuberto de cinza? O tempo dirá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago publica un estudo pioneiro para tratar unha complicación da enfermidade de Crohn

O ensaio clínico realizado polo IDIS e o CHUS avalía un innovador fármaco oral que amosa resultados preliminares positivos

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

O científico Antonio Salas, premio da Crítica de Galicia

O catedrático da USC recibiu o galardón na modalidade de investigación en ciencias e tecnoloxía

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta