Sábado 7 Marzo 2026

Nin refuxio, nin comida: o eucalipto reduce á metade a presenza de aves nos montes galegos

Un estudo da USC recomenda intercalar faixas de especies autóctonas para mitigar o impacto dos eucaliptais na avifauna

“O eucalipto, a nivel evolutivo en Galicia, é un alieníxena. É tan extraterrestre que se integra moi mal na nosa terra”. Son palabras do investigador Fernando García-Fernández, do departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago (USC), que vén de rematar un novo estudo sobre o impacto negativo dos eucaliptais na biodiversidade de Galicia, neste caso, centrado no mundo dos paxaros.

As conclusións son claras: a presenza e variedade de aves redúcese á metade nos montes de eucaliptos en comparación coas masas de árbores autóctonas. Unha afirmación que, con todo, non é nova, como recoñece o propio líder da investigación. Si o é a identificación dos porqués detrás da desaparición de avifauna nos eucaliptais. E teñen que ven coas propias características da árbore, que non achega valores dos que poidan tirar os paxaros para a súa supervivencia.

Publicidade

A simbiose é a relación entre organismos de especies distintas na que, cando menos unha delas, tira proveito da outra. Pode ser de tres tipos. A mutualista, na que as dúas especies saen beneficiadas (como as abellas e as flores no proceso de polinización); a parasitista (unha saca proveito en prexuízo do outro) ou a comensalista. Este último sería o caso dos paxaros e as árbores, que nos seus ocos ou ramas permiten aniñar os primeiros sen que isto lles supoña un problema. E, ademais, moitos deles tamén son fogar de artrópodos e vermes que serven de alimento ás aves que, en ocasións, tamén exercen de depredadores de organismos que ameazan as árbores.

Monte de eucaliptos
Monte de eucaliptos

No caso dos eucaliptos e os paxaros, en Galicia non se dá esta relación de simbiose. A árbore introducida na comunidade galega e que prolifera nos nosos montes non serve de refuxio para os paxaros, porque a forma dos seus troncos e ramas non ten os buratos para que se introduzan neles a facer os seus niños. E tampouco teñen os vermes que as aves precisan para se alimentar, porque son árbores que teñen as resinas e aceites esenciais moi protexidos dentro das súas codias. Tampouco os exemplares máis altos, eses eucaliptos de altura “descomunal”, serven para que alí aniñen os paxaros. As súas ramas tampouco son fogar para as aves e tardan uns 100 anos en desenvolver os ocos no seu tronco que poidan servir de niño.

Publicidade

“Os eucaliptos son árbores moi exóticas. Están moi afastadas do que temos nós tradicionalmente nos nosos montes”, sinala Fernando García-Fernández, que incide en que os paxaros “non teñen onde aniñar nin onde comer” nos eucaliptais. Así se explica o “baixísimo” nivel de biodiversidade que presentan os montes de eucalipto, como volveu quedar reflectido neste estudo que será publicado definitivamente en xuño na revista científica Forest Ecology and Management.

Fragas do Eume

O traballo para determinar as causas detrás da redución da avifauna nos eucaliptais realizouse nas Fragas do Eume, por ser esta unha contorna “onde aínda sobrevive fraga autóctona e, ao mesmo tempo, existen faixas de eucaliptos, intercaladas unhas con outras”. O traballo consistiu na división de 240 parcelas de bosque, metade de eucaliptos e metade doutras masas. Engadindo unha trintena de variables de vexetación e outros factores, analizaron a presenza de paxaros e constataron que hai unha redución “radical” tanto no número de exemplares como na variedade.

Panorámica das Fragas do Eume. Imaxe: turismo.gal.
Panorámica das Fragas do Eume. Imaxe: turismo.gal.

Os valores medios redúcense á metade en función do tipo de arborado. Se nas fragas se identificaron uns 1.800 exemplares de paxaros, foron 750 nos eucaliptais, nos que se localizaron cinco especies distintas de media polas nove nas masas de árbores maduras distintas ao eucalipto.

Todo isto débese a que o eucalipto é “un alien”, “un extraterrestre” no monte galego en termos de evolución; o que provoca que o resto de especies coa que convive non saiban como relacionarse nin tirar proveito del. Por iso, os promotores do estudo poñen o foco na ordenación como vía para atallar esta problemática. Deste xeito, colocan sobre a mesa unha posible solución que mesmo podería beneficiar tamén ás plantacións de eucaliptos.

“Eucaliptais e biodiversidade son incompatibles”, sentenza o líder da investigación, que advirte dos “alarmantes” datos que ofrece o estudo e que debería levar as administracións a valorar a “eliminación total” desta especie invasora nos espazos protexidos. “Deberiamos tomarnos en serio que estas plantacións non poden estar aí porque son incompatibles”, engade García-Fernández.

Faixas diversas: unha posible solución

A solución piloto que propoñen os investigadores da USC é a configuración de faixas de vexetación libres de eucaliptos entre as plantacións desta especie que cobre gran parte da xeografía galega, especialmente nas provincias de Pontevedra, A Coruña e o norte de Lugo.

Eucaliptos
Eucaliptos

A idea é intercalar parcelas de monte de especies distintas ao eucalipto para aumentar a heteroxeneidade das masas forestais con árbores maduras. Sen entrar en como se desenvolvería este concepto, García-Fernández sinala que podería ser a vía para mellorar a presenza e abundancia de aves forestais.

A nivel paisaxístico, estas masas distintas intercaladas facilitarían tamén o desprazamento das aves, servindo como unha sorte de “estacións” de paso, xa que esquivan deterse nas plantacións de eucaliptos ao non atopar alí as condicións que precisan. Pola súa banda, esta variedade tamén redundaría en beneficio dos propios eucaliptos, que poderían verse beneficiados das características depredadoras de paxaros, morcegos e outros insectívoros para librarse dalgunhas pragas que os ameazan.

“O problema que temos é de ordenación. Fóisenos de madre a extensión dos cultivos de eucaliptos”, remarca o investigador da USC, que subliña a necesidade de contar con máis heteroxeneidade no monte e afastarse do modelo de “monocultivo”.


Referencia: Eucalyptus cover as the primary driver of native forest bird reductions: Evidence from a stand-scale analysis in NW Iberia (Publicado en Forest Ecology and Management)

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

2 COMENTÁRIOS

  1. Hai un error na lenda da fotografía. Non é o mesmo un bosque que Unha plantación forestal. O da foto non é un bosque de eucaliptos, en Galicia non hai bosques de eucaaliptosm.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Só un 1,6% de denuncias: os datos detrás das agresións sexuais a universitarias galegas en presenza de drogas

Un estudo da USC revela que o 87,3% dos agresores eran homes e case o 63% eran coñecidos das vítimas, principalmente en contextos de ocio

Radiografía das enfermidades raras: ciencia de fronteira, colaborativa e con pouco financiamento 

O grupo de Diana Valverde investiga dende o CINBIO a base molecular das ciliopatías, enfermidades de moi baixa prevalencia que afectan varios órganos causando cegueira, xordeira e malformacións

Un novo proxecto científico busca recuperar a comercialización da volandeira na ría de Vigo

O estudo VOLARIA do IEO-CSIC investigará as causas biolóxicas e ambientais da acumulación de elevados niveis de chumbo no bivalvo

A menstruación condiciona a vida cotiá de máis do 80% das mulleres en España

Un estudo con máis de 4.000 participantes revela que só unha de cada seis logra manter a súa rutina diaria sen cambios durante o ciclo