Labores forestais causan un “grave impacto” nas mámoas protexidas de Penarrubia, en Lugo

Adega e Mariña Patrimonio denuncian ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o dano provocado polos traballos de corta nos xacementos

As mámoas Mogote de Penarrubia 1 e 2 están situadas na parroquia de Orbazai, no concello de Lugo. Están incluídas no Catálogo de Patrimonio Cultural e Galicia e no PXOM da cidade, polo que contan cun réxime de protección específico que impide calquera intervención sen autorización previa. Isto é o que defenden a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e Mariña Patrimonio, que veñen de denunciar os danos ocasionados nos xacementos arqueolóxicos a causa de labores forestais. Informan, ademais, da presentación dunha denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural polo que cualifican de “grave impacto”.

Segundo indican fontes de ambas as asociacións, representantes das mesmas visitaron as mámoas, que presentaban “danos moi relevantes” por mor de labores forestais. En concreto, detectaron rodeiras de maquinaria pesada sobre as dúas mámoas, depósito de troncos cortados sobre a superficie do primeiro xacemento, afectación dos estratos arqueolóxicos e da morfoloxía dos dous túmulos e, finalmente, a alteración da coiraza do túmulo 1, que sufriu movementos de terra e, por tanto, deterioración da estrutura visible.

Publicidade

Había autorización?

“Todo parece indicar que estas actuacións foron realizadas sen contar coa autorización preceptiva da Consellería de Cultura, o que podería supor unha infracción grave da normativa de protección do patrimonio cultural”, alegan dende Adega e Mariña Patrimonio. Ante a situación, as dúas asociacións solicitan que se comprobe se os traballos contaban coa correspondente autorización e que, de ser así, se abra un expediente sancionador contra os responsables. Finalmente, que se adopten “medidas correctoras urxentes” co obxectivo de reparar os danos causados e garantir a protección dos dous xacementos.

“As mámoas de Penarrubia constitúen un valioso testemuño da presenza humana prehistórica na comarca. A súa conservación é unha responsabilidade colectiva que require o compromiso de todas as administracións”, conclúen as dúas asociacións nun comunicado.

Publicidade

A continuación, podes ver os dous xacementos tras os labores forestais:

1 comentario

  1. Todos estes xacementos deberían estar ben marcados ou delimitados; medida que non suporía precisamente unha grande inversión, e levar con premura estes casos ó parlamento galego pra garantir unhas mínimas medidas de protección. Milenios da nosa historia, do noso pasado, esnaquizados por un desleixo inxustificabel. Que grande barbarie e máis vergoña!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un pazo do século XVII nos Ancares entra na Lista Vermella do Patrimonio polo seu grave estado de ruína

A asociación Hispania Nostra incorpora a inmoble tras constatar danos estruturais severos na coberta e no interior

A lucense que agarda un dobre transplante de páncreas e ril e converteu o hospital nun lenzo da súa vida

Monse Fernández publica "Haxa salú!", editado pola Fundación Renal Española, no que relata longas estancias médicas e anécdotas do día a día

A tala de piñeiros pon en “grave risco” un conxunto de petróglifos en Outeiro de Rei

Dúas asociacións alertan de que a corta de árbores na parroquia de Parada se está a realizar sen medidas de protección patrimonial