Do túmulo neolítico de Chousa Vella á foxa medieval de Fontenla: un proxecto afina o pasado arqueolóxico de Galicia

Unha investigación da Xunta de Galicia e o Incipit analiza 33 mostras para determinar a súa antigüidade a través da proba do carbono 14

E se unha semente permitira descubrir os misterios do pasado arqueolóxico galego? Iso vén de demostrar unha investigación conxunta da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit – CSIC): a través de mostras arqueobotánicas sometidas á proba do carbono 14, o equipo puido precisar a xeolocalización temporal de 27 bens patrimoniais galegos. Este programa de datación camiña por un arco temporal que abarca dende o Neolítico ata a Idade Media, coa cifra máis afastada do presente contemporáneo situándose no ano 4.227 a.C., para un túmulo neolítico de Chousa Vella, e a máis próxima marcada no 1.153 a.C., para unha foxa medieval da Fontenla.

A proba do carbono 14 emprégase para determinar a antigüidade de materiais orgánicos. Para iso, estúdase o nivel de descomposición do isótopo radioactivo que lle dá nome a análise, e que se desintegra a un ritmo coñecido como vida media, que, no seu caso, dura 5.730 anos. Esta investigación pon fin a un longo periodo no que a comunidade galega careceu de análises desta envergadura: “Hai máis de 15 anos que non se realiza un proxecto destas características, con tantas datacións xuntas”, explica a arqueóloga da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural María José Bóveda.

Publicidade

Os lugares a analizar

O primeiro paso do estudo foi escoller que lugares se ían analizar. Bóveda aclara que sobre a balanza pesaron diferentes criterios: “Eliximos xacementos dos que había mostras viables e sitios que consideramos que non estaban ben representados aínda que xa tiveran unha datación asociada”. Tamén se tomaron en conta espazos arqueoloxicamente interesantes, ben por ter estruturas relevantes, ben pola interpretación que se lle dera ás mesmas.

A clave da determinación temporal exitosa residiu na selección das mostras adecuadas. “Seleccionamos 33 mostras de diferentes periodos. Só unha, correspondente a unha igrexa románica, non tivo suficiente materia para datar”, apunta Bóveda. A investigadora do Incipit María Martín Seijo, quen forma parte do grupo que asina o estudo, confirma que un dos maiores retos do proxecto foi escoller os elementos correctos para analizar: “Conseguíronse datar mostras que se escavaran hai décadas e que se recolleron e almacenaron adecuadamente no seu momento”. Así, resalta o valor das recoleccións arqueolóxicas con independencia da dispoñibilidade que poida haber para analizalas de inmediato: “Que non haxa presuposto para estudalas no presente non significa que non o vaia haber no futuro”.

Publicidade

A relevancia das mostras de vida curta

“A maior parte do traballo realizouse sobre carbón e sementes. O noso solo é moi ácido e por iso desaparece a materia orgánica, pero eses dous aguantan ben”, conta Bóveda. A arqueóloga engade que, de xeito excepcional, tamén puideron traballar con restos óseos: “Normalmente o óso non se conserva en Galicia, pero a contorna na que se atopaban permitiu datar un xacemento de Guidoiro Areoso“. Correspóndese cun enterramento humano do final da Idade do Bronce, de entre o 1.111 e o 919 a.C.

Ambas arqueólogas poñen o foco na importancia de que os elementos a analizar foran de vida curta. Martín Seijo explica que isto evita que as mostras envellezan o resultado do contexto a datar. A investigadora conta que as sementes —como, por exemplo, as de Trigo (Triticum spelta)— son candidatas ideais para este labor, dado que se trata dun produto anual. “Tamén se poden empregar pequenas pólas de árbores ou mesmo troncos, con mostras dos últimos aneis”, engade.

  • Detalle dun talo de 'monocotiledonea' dunha grella neolítica. Imaxe: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural
  • Grella neolítica. Imaxe: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural
  • Semente de faba no xacemento de Agro de Bazar. Imaxe: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural
  • Estrutura na que apareceu a semente. Imaxe: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

A arqueóloga do Incipit explica que cando traballaban con restos óseos ou de carbón, debían identificalas de forma previa á datación (que se realizou nun laboratorio de radiocarbón de Lituania) para asegurar que tiñan entre as mans obxectos de vida curta. Foi un proceso diferente cando empregaron sedimentos: “Neses casos, tiñamos que procesalo para recuperar os restos arqueobotánicos presentes nel que nos puideran proporcionar información adecuada”.

Os primeiros resultados dispoñibles

O máis sorprendente, a ollos de María Martín, foi a constatación de que determinadas estruturas e contextos son, en realidade, máis antigos do que inicialmente se pensaba. “Un exemplo sería unha longhouse que agora sabemos que é coetánea con outras que hai no resto de Europa”. Grazas á aplicación da proba do carbono 14, os investigadores determinaron que o Castro da Casilla, na provincia de Lugo, alberga unha das casas comunais alongadas —coñecida en arqueoloxía como longhouse— máis antigas de todo o noroeste peninsular. Os resultados sitúan esta construción entre o 2.194 e o 1.959 a.C., un intervalo encadrado no Bronce Inicial. Bóveda alude á súa distribución social: “Chama a atención por ser un castro da Idade do Ferro, mentres que fóra del hai un poboado da Idade do Bronce”. Esta nova datación supón levar máis cara ao pasado os rexistros históricos que se tiñan ata agora, superando en antigüidade outros referentes da estrutura coma o de Setepías, en Cambados.

Martín Seijo resalta tamén o caso de Penas do Castelo, en Pobra do Brollón: “É unha estrutura de almacenaxe das máis antigas”. Trátase dunha edificación castrexa que data de entre 750 e 407 a.C. A investigadora explica que esta datación puido realizarse con semente de Triticum spelta, que tivo especial relevancia nesa cronoloxía e, en concreto, nesa área xeográfica.

A investigación tamén fai achegas sobre obxectos cotiáns como unha grella cerámica. Por primeira vez, conseguiuse datar en épocas anteriores á chegada dos romanos. Ata agora, esta clase de elementos considerábanse de tradición exclusivamente romana, polo que o estudo abre novas posibilidades que obrigan a historia a botar a vista atrás e valorar de novo as ideas que se tiñan como referentes.

Os próximos pasos

Co informe completo aínda por publicar, os primeiros resultados da investigación xa resaltan o peso arqueolóxico que podería ter o carbono 14 na datación do patrimonio material galego. Bóveda sinala que existe interese por parte da Dirección Xeral de Patrimonio por mater continuidade no proxecto. Con todo, polo momento non se determinaron os próximos pasos que se darán neste aspecto, aínda que a arqueóloga si recoñece que xa hai mostras no punto de mira, de cara a unha posible nova análise.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea