O #10yearschallenge invade as redes sociais nos últimos días. Comparando unha foto actual cunha do 2008 ou 2009, a xente amosaba como cambiou o seu aspecto ou a súa vida. Para moitos, un curioso xogo viral que levantou máis dunha gargallada. Para outros, un truco máis de Facebook ou Instagram (tamén propiedade de Zuckerberg, por certo) para obter máis datos de nós – neste caso, para mellorar os seus sistemas de recoñecemento facial.
Ao #10yearschallenge sumáronse tamén entidades ecoloxistas e moitos cidadáns, que denunciaron como se está deteriorando o medio ambiente a toda velocidade. O desxeo dos polos, a deforestación do Amazonas, a contaminación dos ríos ou a destrución das barreiras de corais foron algúns exemplos.
E en Galicia tamén hai casos para poñer de manifesto como está cambiando o noso entorno. Un deles foi o do Guidoiro Areoso, un illote da ría de Arousa onde se atoparon desde os anos 80 valiosos restos megalíticos, orixinarios, posiblemente, de cando o nivel do mar era máis baixo e o illote estaba comunicado co continente por unha lingua de terra.
Desde Guidoiro Dixital, unha das canles de divulgación dos traballos que ten o equipo de investigadores que estuda o Areoso, publicaron este luns unha imaxe que evidencia como a erosión e o aumento do nivel do mar están sucando paseniño o illote. As imaxes, tomadas dos Plans Nacionais de Ortofotografía Aérea, permiten facer unha comparación entre 2008 e 2017, como podes ver aquí.
A comparación amosa como o proceso de erosión sepultou xa parte do illote, debido ao arrastre da area que sustentaba algunha das zonas. “Nos últimos anos – explican os investigadores do CSIC que traballan no terreo – a duna norte reduciuse considerablemente en altura e extensión, mentres que nas praias desapareceu case un metro de area“. E así o confirman os estudos realizados por investigadores do Departamento de Xeografía da USC e publicados en 2016. Neste traballo, explicase como un “mecanismo de rotación no lóbulo areoso” da parte norte orixina unha “redución do volume de area no flanco occidental do illote, dando lugar a unha maior exposición das estruturas arqueolóxicas”.
Nalgunhas fotografías tomadas durante o traballo de campo vese como, con mareas vivas, a auga chega a cruzar o illote dun lado a outro. E hai máis imaxes que falan por si soas. O equipo do CSIC xa publicou varias comparativas dos últimos anos nas que se evidencia o desgaste acelerado nas zonas onde están os monumentos prehistóricos. Un preocupante #10yearschallenge.