As familias arousás adicadas ao marisqueo viven con “fonda preocupación” a dramática caída da produción de bivalvos. Así o transmiten dende a Plataforma para a Defensa da Ría de Arousa (PDRA), que acaba de facer públicos sete gráficos que reflicten a delicada situación vivida en 2024 en comparación con anos anteriores. A entidade recompilou datos extraídos da páxina pescadegalicia.gal para poñer o foco no “devalo produtivo” das ameixas fina, babosa, rubia e xapónica, así como do berberecho.
“A ría está sufrindo unha deterioración progresiva que se reflicte ano tras ano na perda de toneladas de bivalvos. É necesaria unha acción conxunta de saneamento e rexeneración“, inciden a PDRA nun comunicado conxunto coas Confrarías e Agrupacións de Produtores de Mexillón. Nel reclaman a actuación “urxente” da Consellería do Mar.
A continuación analízanse os sete gráficos publicados pola PDRA e as confrarías e agrupacións de mexillóns sobre a situación dos bivalvos na ría de Arousa e as consecuentes perdas económicas asociadas. “Se seguimos como ata agora moitas persoas van seguir abandonando a actividade do mar e as confrarías que dependen do marisqueo van pechar”, advirten.
Ameixa fina
O primeiro gráfico compara a produción de ameixa fina en 2024 coa media do quinquenio 2019-2023. Segundo reflicte a imaxe, no pasado exercicio colléronse 21 toneladas deste bivalvo; unha cifra claramente afastada das 155 que se recolectaran de media nos cinco anos anteriores. “Dende o ano 2013 súa presenza na ría non fai máis que descender”, advirte a PDRA. Calcula, ademais, que a produción de ameixa fina reduciuse un 86,5% en 2024 en relación á media do quinquenio.

Ameixa babosa
A produción de ameixa babosa en 2024 foi superior á da fina, pero o cómputo global e a comparación co período anterior non a deixa ben parada. A media de toneladas recollidas entre o 2019 e o 2023 está nas 268,4. En 2024 tan só acadou as 38 toneladas. Isto implica, segundo o estudo da PDRA, unha diminución do 85,8% da produción de ameixa babosa en relación á media do quinquenio. Igual que acontece coa fina, denuncian que a súa produción “non fixo máis que diminuír dende o ano 2015”.

Ameixa rubia
En comparación coas ameixas fina e babosa, a rubia tivo a maior produción en 2024, acadando as 75 toneladas. O seu descenso é claramente inferior á das anteriores especies, dado que a diminución é do 48,1% en relación á media do período 2019-2023, cando se recollían 144,4 toneladas ao ano. Con todo, a caída segue a ser moi pronunciada e a PDRA asegura que dende 2017 se está a producir un “descenso alarmante” da especie na ría.

Ameixa xapónica
De todos os bivalvos analizados nos gráficos, a ameixa xapónica é a que experimenta un menor descenso. Aínda así, a diminución é o suficientemente acusada, segundo denuncia o presidente da PDRI, Xaquín Rubido. “Ata cae a xapónica, que é unha especie foránea a especialmente dura. Isto é algo novidoso e un claro indicador do que estamos experimentando día tras día”, denuncia.
Os datos indican que durante o quinquenio 2019-2023 se recolleron 1.542 toneladas de media, mentres que en 2024 foron 901. Por tanto, isto indica unha diminución do 41,6% en relación aos cinco anos anteriores.

Berberecho
De todos os bivalvos analizados, o que reflicte a redución máis drástica na produción é o berberecho. No período 2019-2023 recolléronse 301,8 toneladas de media ao ano; unha cifra extraordinariamente afastada das 19 recolectadas en 2024. Isto, segundo a análise da PDRA, supón unha diminución do 93,7%. “Dende o 2008 a súa presenza na ría pasou de ser un recurso fundamental a ter unha presenza mínima, aínda que en 2022 experimentou unha leve recuperación”, din dende a plataforma.

Produción total de bivalvos
Outra das variables que analizan as entidades implicadas nesta investigación é a produción total de bivalvos. Neste caso non só comparan as toneladas de 2024 co quinquenio 2019-2023, senón tamén co 2014-2018. A diminución é tan progresiva como drástica. Mentres que no primeiro período se recolleron 3.032 toneladas de bivalvos de media, no segundo baixouse ás 2.572. Un número que descende ata as 1.166 de 2024. Nesta análise, que non se contempla a produción de Carril, conclúese que baixou un 44,7% en relación á media de 2019-2023.

Produción nas lonxas
O último gráfico deseñado pola PDRA achega información sobre a produción total das lonxas da ría de Arousa. Entre 2014 e 2018 houbo 36.546 toneladas ao ano de media; entre 2019 e 2023 foron 31.009; e finalmente en 2024 a cifra descendeu considerablemente ata as 22.685 toneladas. Un cómputo máis global que os anteriores pero igualmente representativo.

Unha situación crítica
A situación é crítica. Rubido constata que son moitos os factores que están contribuíndo a esta dramática caída da produción de bivalvos. Sinala, en primeiro lugar, as circunstancias climáticas. “Hai un descenso do vento do nordés e do afloramento. Isto afecta a taxa de renovación das augas da ría, o que implica máis contaminación”, explica o presidente da PDRI. Antes, a polución que chegaba ao mar diluíase máis facilmente pero a falta de renovación das augas impide que se leva a cabo este proceso. “O marisco está ao límite. Ten menos comida. Así é que cando se baleiran os encoros, os bivalvos non teñen enerxía para soterrarse na area e prodúcense as grandes mortalidades”, sinala.
Outro dos puntos quentes que indica a PDRA é a contaminación que chega á ría a través das fábricas instaladas nos cursos dos ríos, como o Ulla. “Hai unha permisividade alarmante por parte da Xunta no referido ao control dos parámetros de contaminación destas instalacións. Non só das conserveiras, tamén do aluminio e doutros sectores. Nós dificilmente podemos facer algo”, lamenta Rubido. O colofón sería a instalación de Altri, segundo explica. E tamén a reactivación da mina de Touro, “que verte cantidades inxentes de metais pesados á ría”. No caso da celulosa, o presidente da PDRA cre que os nitratos, fosfatos e sulfatos derivados da súa produción acabarían no mar.
Actuación “urxente”
“Os plans da Xunta no relativo ao río Ulla, o máis caudaloso, é multiplicar a contaminación xa existente. Isto non só afecta a calidade ecolóxica, tamén as augas potables de 11 concellos nos que viven 145.000 persoas, e iso sen contar a poboación flotante do verán”, advirte Rubido. Así mesmo, denuncia que a capacidade das EDAR é insuficiente e cando non son capaces de depurar o volume de augas necesario, o sobrante acaba no mar.
Ante esta situación, a PDRA solicita a través dun comunicado un “urxente plan de rexeneración dos bancos marisqueiros e un plan de saneamento integral da ría e dos ríos”. E, engade, a paralización dos proxectos de Altri e de reapertura da mina de Touro. Denuncian, tamén, que o goberno autonómico non apoiase a declaración de interese xeral do sector do mar tradicional. “A medio prazo perderanse as concesións e a Xunta poderá introducir a acuicultura industrial no espazo mariño das rías en substitución do cultivo tradicional”, conclúen.