A ameixa fina (Ruditapes decussatus) é un molusco bivalvo que pode atoparse en toda a costa galega, boa parte das augas do nordeste atlántico e do Mediterráneo. Trátase dunha especie autóctona moi apreciada que enfronta unha situación difícil. “Segundo os datos de Pesca de Galicia, entre 2010 e 2025 produciuse unha caída do 91% nas capturas de ameixa fina. Se no 2010 se recollían 807 toneladas, o ano pasado esa cifra quedou en 69,8″. Así o explica o investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) de Vigo Fiz da Costa.
O investigador participa no estudo Descensos notificados da ameixa fina (Ruditapes decussatus) no suroeste de Europa e no Mediterráneo: achegas baseadas no coñecemento de expertos, publicado na revista Aquatic Living Resources. Da Costa explica que as causas deste fenómeno son moitas e están interrelacionadas, pero que, polo de agora, non é posible apuntar cara a unha delas como a responsable principal da baixada na poboación da ameixa.
Este declive nos números da especie non é un feito illado, senón que o confirman expertos de múltiples partes do Atlántico e o Mediterráneo. “Esta especie atópase nas distintas rías galegas, sobre todo en Arousa, pero tamén en Vigo, Pontevedra e nas localidades do litoral norte. Este estudo é de síntese. Contactamos con expertos de distintas partes de Europa e o Mediterráneo para ver se os problemas da ameixa fina son comúns”, explica o investigador.
Cal é o papel da ameixa no seu ecosistema?
A importancia da ameixa, como explica da Costa, non se limita ao ámbito socioeconómico, senón que se estende ao seu rol no ecosistema mariño. Esta especie da familia dos venéridos atópase no submareal e no intermareal, isto é, a parte que queda descuberta cando baixa a marea. “Os seus principais servizos son, como no caso doutros bivalvos, como filtradoras de auga e como removedoras do substrato“, sinala o investigador do IEO.
Fiz da Costa explica que a través do seu proceso de filtración as ameixas finas retiran micropartículas, maioritariamente microalgas que empregan para crecer. Engade que estes animais adoitan moverse polo solo mariño: “Desprázanse co seu pé soterrado no substrato, o que fai que este se remova. O beneficio disto é que airea os sedimentos mariños“. Da Costa apunta que se os materiais do fondo mariño permanecen estáticos, co tempo compáctanse. Isto fai que o solo se volva demasiado duro e, en consecuencia, outros organismos teñan dificultades ao enterrarse neles, xa que necesitan empregar moita enerxía para logralo. O investigador indica que, ademais, este movemento do substrato favorece a osixenación do mesmo.
O problema da mortalidade
“A grande dificultade que existe con esta especie é que resulta moi complicado producila en criadeiros“, recoñece o membro do CSIC. Indica que a Ruditapes decussatus é moi susceptible á enfermidades bacerianas de xénero Vibrio. A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) advertiu que se prevé un aumento da prevalencia deste tipo de bacterias debido ao cambio climático, especialmente en augas de baixa sainidade ou salobres. “As afeccións por Vibrio son as que causan máis mortalidade en criadeiro“, afirma da Costa. O investigador engade que estas complicacións fan que a maior parte dos criadeiros comerciais xa non produzan ameixa fina de forma habitual, senón que tan só a crían baixo demanda.
Esta falta de produtores afecta tanto o sector económico como o propio ecosistema. “Ao non cultivarse sementes, hai poucos axente reprodutores. Isto fai que non se produzan poucas larvas, polo que, non futuro, non haberá adultos que poidan xerar novas sementes“, explica Fiz da Costa.
Ante as dificultades asociadas á produción desta especie, adoita cultivarse a ameixa xaponesa (Ruditapes philippinarum), por ser esta máis sinxela de producir. “Esta especie introduciuse en Europa nos anos setenta; xa está naturaliza“, apunta o investigador.
As causas do declive da ameixa
O estudo reuniu expertos de diferentes partes de Europa que analizaron as poboacións de ameixa fina e repasaron as publicacións científicas sobre as mesmas para determinar as causas que se lle atribuían á mortalidade. “Os recursos mariñeiros en Galicia están suficientemente ben regulados. A nivel científico, non temos unha resposta para dicir cal é a causa principal da súa mortalidade”, asegura da Cosa. Aínda que a conclusión é ambigua, a evidencia apunta que o motivo do descenso dos números é composto e xa hai certos factores que se valoran na ecuación. “En Galicia, falamos de enfermidades, a sobrepesca, a competencia coa ameixa xaponesa polo espazo e o cambio climático. Nalgunhas zonas, de xeito puntual, tamén pode haber problemas de contaminación“, explica Fiz da Costa.
En canto ás afeccións: ademais das xa sinaladas do xénero Vibrio, que teñen especial incidencia nas larvas, o investigador menciona que tamén os adultos se enfrontan a enfemidades, como a causada polo parasito Perkinsus marinus. “Aínda que estudos recentes negan unha relación de causalidade directa”, puntualiza da Costa.
Outro dos factores valorados é o cambio climático. O investigador sinala que este fenómeno deriva nunha serie de circunstancias que favorecen a mortalidade. “O aumento da temperatura da auga é só parcialmente responsable do declive da especie, hai máis cuestiós a ter en conta. Por exemplo, cando hai moita calor no ambiente e o substrato queda exposto polas mareas, este quéntase. Moitas poboacións de ameixas son intermareais, polo que non só está a auga quente, senón tamén o solo“, explica o investigador do CSIC. Sinala que o cambio climático trae eventos máis extremos de ondas de calor: “As temperaturas son máis altas e duran máis tempo“.
No inverno, a ameixa enfronta o problema das baixadas de salinidade. “Este último ano, no outono, o inverno e ata a primavera houbo moitas choivas. Esa auga vai aos ríos e, de aí, aos encoros e o mar”, conta o investigador do IEO. Sinala que isto fai que a auga do mar se volva demasiado doce. “En Galicia o sal está a 35 partes por millón, pero nalgunhas partes chega a estar preto de cero durante varios días“, afirma da Costa.
O futuro da ameixa
O investigador explica que os números da ameixa non chegaron a uns valores tan críticos como para considerarse unha especie en perigo de extinción. Non obstante, recoñece que a súa situación, ao igual que a de moitas outras especies de ameixa —como a xaponesa, a babosa ou a rubia— é moi grave. “Ademais de ser un activo biolóxico tamén é importante a nivel socioeconómico para as poboacións locais. Que desapareza un recurso marisqueiro é unha catástrofe para a identidade cultural das poboacións costeiras“, conta da Costa.
O investigador do IEO apunta como medidas de alivio do seu declive a regulación dos bancos e o apoio ao sector sementeiro, que considera accións que xa se toman na comunidade galega, ademais da necesidade de realizar investigacións multidisciplinares e de tratar de reproducir a especie en criadeiros ata obter unha semente que se poida levar ao medio natural e sobreviva nel.














