Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta a unha combinación de múltiples factores

2024 foi un ano difícil para o sector pesqueiro. A zamburiña (Mimachlamys varia), como tantos outros mariscos galegos, experimentou un importante descenso nos seus números; tanto é así que a especie viu ameazada a súa viabilidade nas costas de Galicia. Coa fin de identificar as causas daquela baixada e, en xeral, ampliar o coñecemento en torno a este animal acuático, o CSIC comeza, a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), o proxecto Zamfer, para a avaliación do estado das poboacións de zamburiña na Ría de Ferrol. As súas pesquisas iniciais sinalan que a situación estaría causada por unha combinación de diversos factores, entre eles o impacto do cambio climático no ecosistema mariño.

Entre os seus obxectivos non só se marcan os fitos académicos —aínda que estes se manteñen como a parte central da análise—, senón que busca cruzar a liña que adoita separar a teoría da práctica. Sara Pérez Polo, investigadora do IIM-CSIC, ve este proxecto como una oportunidade de ouro para levar a academia a primeira liña do mar: “Queremos establecer relacións entre confrarías e científicos”, explica.

Publicidade

A investigación, que se encadra dentro da iniciativa Redemar —un proxecto autonómico para xuntar os sectores académico e profesional marítimos—, está liderada polo grupo de Ecofisioloxía, Biomarcadores e Xestión Sostible de Bivalvos (EsMaBa). Desenvolverase durante dous anos co acompañamento técnico das confrarías de pescadores de Ferrol, Barallobre e Mugardos na ría de Ferrol, un contexto no que a zamburiña presenta un importante peso cultural e socioeconómico ao localizarse aí o único banco natural explotable de zamburiña en Galicia.

2024, o ano da crise do marisco

A investigadora sinala que a zamburiña pasou por un episodio de moi alta mortalidade hai dous anos, e que é necesario coñecer as causas que levaron á especie a acadar semellante punto de risco. O estudo atópase nas súas etapas iniciais, polo que o equipo de investigación está no proceso de elaborar as primeiras hipóteses.

Publicidade

A este respecto, Pérez Polo asegura que xa se atopan en contacto coas confrarías, das que reciben importantes achegas sobre a situación. “Sospeitan que a alta mortalidade do 2024 puido deberse a unha baixada na salinidade, pero polo momento non barallamos esta posibilidade, xa que non son niveis moi diferentes dos que hai agora”. A investigadora engade que esta conexión cos profesionais xa lles deu máis detalles contextuais, como que o descenso na poboación non foi exclusivo das zamburiñas —que chegaron a ver en risco a súa viabilidade futura e a continuidade da actividade extractiva asociada—, senón que puideron percibilo noutras especies. “Eles comentaban que o notaron moito coa ameixa”, engade Sara Pérez.

A ameaza da zamburiña non é única

“Esta situación non só lle pasa á zamburiña, nin é exclusiva dunha zona. Está a acontecer nas Rías Baixas e nas Rías Altas”, declara a investigadora. Explica que o descenso das cifras que se fixo especialmente patente en 2024 responde a unha amalgama de circunstancias aínda por determinar. Estudos previos atribuíron esa baixada ao cambio climático, a contaminación ou os patóxenos, pero a investigadora confirma que, ata agora, non hai resultados concluíntes que expliquen o caso da zamburiña. “Pensamos que se trata dun conxunto de procesos e factores que están a pasar. Buscamos averiguar cales”, asegura Pérez.

A investigadora explica que a falta de conclusións previas está a ser unha dificultade importante no seu traballo. “A pesar de que é unha especie con moita importancia sociocultural e económica, non hai estudos en salvaxe, sobre o propio banco, que investigaran isto. Estamos facéndoo todo dende cero”, admite. Pérez alude a que contan con análises internas realizadas polas confrarías e con series históricas dende 2020, pero sinala que o estudo da zamburiña non se estandarizou ata hai uns anos. “Ata que non se normalizaron os plans extractivos en 2020, os datos hai que collelos con pinzas”, explica.

A importancia do substrato marítimo

Outro dos factores que estuda a investigación é o do substrato mariño. Outras especies oceánicas escavan na area; a zamburiña, en cambio, fíxase no substrato. O equipo do IIM trata de determinar cales son as preferencias deste animal en torno á súa contorna e, aínda que se trata de observacións preliminares, xa deron comezo as análises neste campo: “Vemos que, aínda que viven na area, parece que prefiren superficies duras”, explica Sara Pérez.

Esta información permite ofrecer unha dirección de cara a unha futura restauración dos fondos mariños. A investigadora explica que dito proceso se levaría a cabo en zonas que antes tiñan area ou un substrato duro pero que agora se volveron fangosas: “A idea é poñer restos de cunchas para intentar cambiar un pouco o fondo mariño e, así, engadir un substrato que as zamburiñas poidan aproveitar e que non estrague o solo”.

O impacto climático

Sara Pérez Polo sinala o cambio climático como un factor inevitable do impacto no ciclo vital das zamburiñas. De feito, sinala que as variacións provocadas polo quentamento terrestre son globais, é dicir, afectan múltiples aspectos da vida desta especie. “As zamburiñas son filtradoras. Se o cambio afecta o fitoplancton ou o plancton, que é o seu alimento, non terán os mesmos nutrientes”, explica a investigadora.

“Se os cambios fan que haxa máis luz, os ciclos do fitoplancton, que se vale dela, pasan a ser máis rápidos. Se se dá esa circunstancia, poden producirse ‘blooms’ de fitoplancto nocivo, co que as zamburiñas estarían en contacto con máis toxinas”, afirma Sara Pérez Polo.

Tamén sinala que o quecemento da auga pode ter un impacto máis directo: “Elas non sempre poden regularse para adaptarse aos cambios na temperatura”, apunta Pérez. Ademais, alude ao aumento de contaminantes ou mareas derivadas dos cambios globais.

Un futuro esperanzador

Aínda que as cifras ofreceron un escenario preocupante, as primeiras aproximacións do equipo ao terreo de estudo dan esperanza á recuperación da zamburiña. “Atopamos moita pequena e intermedia. Cremos que pode recuperarse. Como teñen un ciclo de crecemento de dous anos para chegar á talla comercial, este ano poderemos ver os efectos da baixada do 2024”, explica a investigadora.

Fai referencia a que poderían atopar unha variación nos ciclos reprodutivos da especie. A través de dúas mostraxes mensuais puideron determinar que hai moita madurez gonadal. Estes resultados confirmaranse nos meses vindeiros, mais dan un bo inicio á análise dos patróns de reprodución destes animais.

“É moi importante que traballemos cos pescadores. Nós queremos preservar a biodiversidade e eles queren conservar o recurso. Son dous camiños que coexisten”, conclúe Sara Pérez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos crean unha ferramenta dixital para mellorar a sostibilidade da pesqueira do ourizo de mar

A creación do CIM-UVigo permite identificar riscos que afectan ao futuro do recurso mariño, actualmente en situación crítica

Ata 44 toneladas de metano ao ano: así deixa a súa pegada o gas no fondo da ría de Vigo

Un novo estudo revela que este composto pode achegar un terzo do carbono presente nas cunchas de microorganismos bentónicos

A USC deseña un sistema pioneiro de monitorización da humidade en cultivos de mosca soldado negra

O proxecto desenvolve un modelo que permita aumentar a produción de proteínas, graxas e fertilizante de forma máis eficiente e sostible

Científicos galegos lideran o primeiro estudo español para predicir risco personalizado de cancro de mama

O proxecto MamoRisk recabará datos de 10.000 mulleres seleccionadas aleatoriamente entre participantes nos programas de cribado de 14 comunidades autónomas