Luns 4 Decembro 2023

Crise da ameixa na ría de Arousa: “Se non actuamos, en 10 anos non quedará nada”

O termómetro de Cortegada, un dos viveiros máis ricos en ameixa, chegou a marcar 24 graos e medio de temperatura na superficie da auga

Na vila mariñeira de Carril fálase, e moito, de cambio climático. Cada vez hai menos bivalvos que recoller. As mariscadoras que levan toda a vida apañando ameixas e berberechos meditan se deixar o sector e buscar outra maneira de gañar a vida. Co que recollen non chegan ao salario mínimo. O 14 de xuño, ás dez menos dez da mañá, o termómetro que mide a temperatura da auga en Cortegada, o paraíso natural onde se cultiva a famosa ameixa de Carril, marcaba 24 graos e medio. A calor do mar está a provocar que as algas se multipliquen, e estas, podrecen e estragan o marisco. As traballadoras da ameixa limpan os areais pero non enchen as redes. A produtividade das Rías Baixas entrou nunha perigosa pendente hai dúas décadas e hai científicos que aseguran que, se non se toman medidas de urxencia, en 2033 non haberá marisco que recoller na ría.

En 2001 Galicia rexistrou 6.551 permex de mariscadoras, o permiso de explotación de marisqueo a pé. Segundo datos da Consellería do Mar, en 2022 contabilizáronse 3.614, isto é, un 55% menos. No período 2012-2021 o volume de descargas de ameixa nas lonxas das Rías Baixas era de 3.200 toneladas. O ano pasado foi de 2.700. Concretamente no caso de Carril, a ameixa fina e babosa, as especies máis cotizadas, son as máis vulnerables a estes cambios drástricos no seu hábitat. Sobrevive moito mellor a xapónica, a peor pagada, porque resiste ás altas temperaturas das augas. O biólogo da Universidade de Vigo (UVigo) Salvador Román Del Valle, para despexar as dúbidas que poidan existir sobre a crítica situación do marisco nas Rías Baixas, recorre á seguinte comparativa: “Pode ser que se recollan, en total, unhas cantidades parecidas. A diferenza está en que se hoxe colles 10 quilos de bivalvo, levas sete de xapónica, dous de ameixa fina e unha de babosa. Hai cinco anos, eran seis de fina, dous de xapónica e un de babosa”.

A xapónica é unha especie que foi introducida e está colonizando os areais, reemprazando as especies de maior valor comercial. Un estudo recentemente publicado sobre a avaliación da estrutura da poboación e o hábitat deste tipo de ameixas, do que Del Valle é coautor, afirma contundentemente: “A poboación da ameixa autóctona podería colapsar no noroeste da península ibérica nas próximas décadas, con consecuencias ecolóxicas e socioeconómicas negativas”. O grupo de científicos do que tamén forman parte Celia Olabarria, Nicolas Felipe Weidberg, Marta Román e Elsa Vázquez estudan o aumento da temperatura do aire e da auga en verán: especialmente, cando baixa a marea e queda o banco ao descuberto. Os organismos mariños que teñan que aguantar os 35 graos do exterior sairán afectados. Este equipo investiga tamén as baixadas de salinidade que se dan nos bancos cando hai chuvias torrenciais ou cando se abren as presas, como aconteceu a comezos de ano en varios puntos de Galicia. Un manto branco de marisco morto cubriu os viveiros.

Estes son factores circunstanciais que impactan directamente na produtividade das Rías en períodos concretos do ano e que explican o declive. Pero Del Valle non deixa de sinalar que durante décadas, nas augas galegas péscase superando o límite sostible para o medio ambiente. A actividade extractiva explotou ao máximo os recursos do mar e agora as costas están asumindo as consecuencias. A poboación de marisco decrece, e resiste, tendo que sobrevivir baixo unhas condicións climáticas que, en ocasións, chegan a matar os bivalvos. De feito, Del Valle sinala que baixo estas condicións a ameixa fina posúe unha taxa de mortalidade moi elevada. “A poboación de ameixa fina é cinco veces menor que a xapónica”, apunta. Na mesma liña, José Pelayo Míguez, decano do Colexio Oficial de Biólogos, sinala dous problemas ambientais chave para entender o declive do marisco nas Rías Baixas.

Por unha banda, a subida da temperatura da auga dous graos por enriba da media, que afecta, por exemplo, na fixación das larvas. Os océanos absorberon máis do 90% do exceso do calor da atmosfera, a acumulación dos gases de efecto invernadoiro derivado da actividade antropoxénica. Para el, este escenario é moi difícil de atallar porque é un problema global. Os meteorólogos repiten que “entramos en territorio descoñecido”, xa que se están acadando valores históricos de temperatura. E por outra parte, Pelayo culpabiliza a “extracción exaxerada” durante 70 anos de millóns de toneladas de carbonato cálcico que non se devolveron ao mar. Este composto está presente, por exemplo, na cuncha do mexillón, e é a explicación á falta de cría e o motivo principal que enfronta na actualidade a mexilloeiros e percebeiros para explotar os acantilados, e recoller a pouca mexilla que nace.

Nos últimos meses, nas rías galegas predominaron os ventos do sur. O afloramento das rías, un fenómeno fundamental para a produtividade do litoral galego, cada vez é menor. Isto tradúcese en menos nutrientes para alimentar os organismos mariños, en definitiva, menos vida nas rías. De aquí a 15 anos, cre Del Valle, a cantidade de bateas de mexillón non será sostible, precisamente, pola diminución dos eventos de afloramento. A ría de Arousa é unha das máis produtivas do país porque é máis ancha e recibe unha maior achega de augas frías que alimentan os ecosistemas onde nacen os moluscos e bivalvos. “Con todo, Arousa ten unha gran cantidade de bateas. Son moitos organismos filtradores comendo”, alega.

Frear a extracción

Existen solucións para protexer o marisco de Galicia? Del Valle apunta a que, se de verdade se quere manter a poboación de ameixa fina, habería que impulsar un plan de rexeneración e sementar a partir dun seguemento estipulado, freando a extracción. Do contrario, desaparecerá. Pelayo cre que hai protexer algunhas zonas para garantir a estabilidade poboacional das especies, isto é, deixar descansar o mar. O sector marisqueiro en Galicia é un dos máis importantes, e en Arousa residen a maior parte das súas traballadoras. Aínda que poida parecer unha exaxeración afirmar que pode desaparecer o marisco de Carril, Pelayo cre que a maioría dos galegos e galegas xa teñen a resposta na súa memoria, só fai falta botar a vista atrás. Hai 30 anos as costas rebosaban marisco. Agora, case que hai que mirar con lupa.

Rita Vidal, mariscadora da confraría de Carril, ten 42 anos e dende os 16 observa como funciona o mundo do marisqueo a pé. Explica que dá igual que sexa verán, Nadal, ou calquera outra época, “as rías están a cero”. Ferrol rexistrou o ano pasado mínimos históricos das súas poboacións de ameixa babosa. As confrarías de Redondela, Arcade e Vilaboa atópanse nunha situación crítica. En Redondela pasouse de 16.000 quilogramos vendidos en 2010 de ameixa fina a 484 en 2021. Tamén ocorre cos berbechos. Durante a súa xornada laboral, as mariscadoras limpan os areais e vixían, ante a chegada de turistas, o furtivismo. Rita Vidal apunta que “pasar de 15 a 26 graos” de temperatura do mar sacode a toda a poboación de bivalvos. Por iso, a xente galega, a xente do mar, deixa o permex e cambia de profesión. Coa dificultade que supón entrar outra vez no mercado laboral a partir dos 40 ou 50 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sete accións que poderían salvar mil millóns de vidas de aquí a 2100

Segundo un estudo recente, é probable que mil millóns de persoas morran de maneira prematura a finais de século a causa do cambio climático

Galicia ante o cumio do clima: “Non somos unha excepción, haberá impactos importantes”

Xavier Labandeira, colaborador do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático, reflexiona sobre a crise actual e as medidas que podemos asumir para reverter esta situación

A mortalidade por calor podería multiplicarse case por cinco a mediados de século

Un estudo advirte sobre a inacción fronte ao cambio climático e os seus perigos para a saúde. Os autores demandan medidas urxentes
00:02:51

As mariscadoras pensan en abandonar o mar: o marisco non medra ou morre

As rías experimentan unha caída da produción derivada da sobreexplotación e o cambio climático. Nas últimas semanas a situación agravouse polas riadas