Xa se coñecen os resultados do informe 2026 do Lancet Countdown e as conclusións non son alentadoras: as cidades de Europa están expostas a ameazas climáticas crecentes que afectan de xeito directo a saúde da poboación. Entre os parámetros medidos está o dos falecementos relacionados coa calor, que poñen Ourense como a urbe galega na que a incidencia desta situación tivo un incremento maior entre os dous periodos temporais analizados. Segundo datos provistos polo Instituto de Saúde Global de Barcelona, unha das entidades que elaboraron o estudo, o aumento das mortes por calor na capital ourensá foi, en promedio, de 84,49 persoas falecidas por cada millón de habitantes no segundo marco temporal (2015 a 2024) fronte ao primeiro (1991 a 2000). Na etapa máis recente analizada, a calor cobrou unha media de 180,83 vidas por cada millón de habitantes na capital ourensá.
Os resultados amosan que Ourense, Lugo e Santiago de Compostela (nesa orde) foron as cidades galegas que rexistraron un maior número de falecementos no periodo temporal analizado máis recente. O incremento máis pronunciado tivo lugar en Ourense, Santiago de Compostela e Vigo, mentres que Pontevedra e Ferrol son as cidades que experimentaron os aumentos máis suaves.
O Lancet Countdown é un grupo internacional de investigación independente que avalía os impactos do cambio climático na saúde pública e, nesta ocasión, o seu informe estivo centrado nas consecuencias da calor sobre as cidades europeas. O documento analiza 88 cidades españolas, incluíndo as sete galegas. Mide, entre outros factores, o promedio anual de mortes por millón de habitantes —unha medida que se utiliza para homoxeneizar os datos de todas as cidades— que teñan relación cos valores térmicos elevados en dous momentos temporais (o primeiro entre 1991 e 2000, e o seguinte entre 2015 e 2024) e presenta a variación media de cada cidade nese espazo cronolóxico.
A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol
Entre os anos 1991 e 2000 rexistráronse na cidade da Coruña 29,86 falecementos por millón de habitantes relacionados coa calor, a cifra máis baixa de toda Galicia. Máis de dúas décadas despois, entre 2015 e 2024, o promedio elevouse a 62,49 persoas, o que significou un incremento medio de 32,63 mortes máis.
No caso de Santiago de Compostela, os datos de partida xa amosaban valores moito máis preocupantes que os da Coruña. No periodo base, houbo en promedio 67,25 mortes asociadas á calor na capital galega por cada millón de habitantes. Nos anos seguintes, a cifra aumentou ata superar as 100; entre 2015 e 2024, producíronse de media 118,94. Deste xeito, o incremento foi de 51,70 mortes máis en promedio. É, despois do da cidade herculina, o máis pronunciado da comunidade galega.
Ferrol partiu de datos similares a Santiago, pero evolucionou de xeito máis favorable. Entre 1991 e o ano 2000, na área ferrolá faleceron, de media, 66,3 persoas por cada millón de habitantes por motivos relacionados coas elevadas temperaturas. O promedio máis recente de Ferrol amosou o incremento máis baixo de Galicia: subiu en 12,25 mortes, situando a nova media nas 78,55 por millón de habitantes.
Lugo
Lugo partiu dun promedio de 126,39 mortes por millón de persoas entre 1991 e 2000, a cifra base máis alta de todas as cidades galegas. Dúas décadas e media despois, a media ascendeu ás 148,39. O incremento, pois, foi de 22,01 mortes de media.
Pontevedra e Vigo
O litoral sur de Galicia presenta amplas diferenzas entre as súas principais cidades. En Pontevedra, as persoas falecidas por motivos asociables á calor entre 1991 e 2000 foron, en promedio, 84 por cada millón, mentres que en Vigo a cifra era de case a metade: 49,74. Anos despois, o número medio de mortes por razón das elevadas temperaturas é moi próximo en ambas urbes; entre 2015 e 2024, a calor cobrou a vida dunha media de 94,81 persoas por millón de habitantes en Pontevedra e 92,84 en Vigo. Así, se na capital da provincia o aumento medio foi de 10,81 falecementos, na cidade olívica a variación foi de 43,10 mortes máis en promedio.
Ourense
Ourense ten a segunda peor cifra base neste parámetro, tan só por detrás de Lugo. Entre 1991 e 2000, a cidade auriense rexistrou unha media de 96,35 mortes relacionadas coa calor por cada millón de habitantes. No segundo periodo analizado, o valor acadou as 180,83, o número máis alto de toda Galicia, con máis de 30 falecementos en promedio por diante de Lugo, a seguinte urbe coa cifra máis elevada de mortes entre 2015 e 2024. Así, o incremento medio na capital ourensá foi de 84,49 mortes por cada millón de persoas.
Referencia: Informe 2026 das Cidades de Europa do Lancet Countdown sobre saúde e cambio climático: cidades á vangarda da acción fronte ao cambio climático, publicado en The Lancet














