As anomalías na temperatura do mar chegan a Galicia e descolocan aos expertos

O cambio climático intensifica os eventos metereolóxicos, que impactan inevitablemente no quecemento das augas de todo o planeta

Non hai unha causa única que explique o que está a acontecer no Atlántico Norte e noutros océanos da Terra. Sen dúbida, a evidencia científica ten clara unha cousa: o cambio climático ten moito que ver con que as augas se sitúen un grao por enriba da media. As previsións apuntan a que este escenario inédito se alongará ao durante todo o ano, polo que 2023 deixará récords históricos na temperatura do mar. É un fenómeno global e plantexa grandes preocupacións, moitas delas son preguntas sen resposta, xa que é a primeira vez que o planeta se atopa neste territorio descoñecido. Como se chegou ata aquí? Por que é tan difícil explicar a orixe do quecemento que están a sufrir as augas, e, entre elas, as de Galicia?

En abril empezaron a soar as alarmas. Primero co clima, cando se acadaron temperaturas récord e a alerta por seca estaba activada nunha gran parte da Península —non en Galicia, que arrastra unha cantidade de chuvia moi positiva dende outono—. Na atmosfera todo está conectado e o cambio climático repercute na superficie do mar con irregularidades cada vez máis intensas. Xa en maio, a temperatura da auga bateu récords históricos. En Galicia, por exemplo, a ría de Vigo alcanzou a aterradora cifra de 20 graos, o valor máximo rexistrado. Dende aí, e coa chegada do fenómeno El Niño, os expertos alertaron de que entramos nun escenario inédito, cun quecemento masivo dos mares. É o caso do Atlántico Norte, que propiciará que Galicia afronte unha situación anormal nas súas costas, cun afloramento das rías alterado ao non entrar augas frías profundas que renoven os nutrientes.

Publicidade

As augas cálidas xeran eventos climáticos extremos e afectan tanto as cuncas oceánicas como ao litoral. Os expertos explican que a orixe deste crítico escenario no Atlántico Norte ou no Mediterráneo ten que ver con anomalías na circulación atmosférica e a influencia de anticiclóns nas Illas Británicas. Segundo puntualizou a Axencia Estatal de Metereoloxía (AEMET), son “ventos alisios debilitantes e un anticiclón persistente nas altas latitudes”. Precisamente, isto trasládase ás augas superficiais. O experto americano Brian McNoldy explicou que o debilitamento do anticiclón das Azores, moito máis débil, reduce o arrefriamento por evaporación de auga e reduce o transporte de pó do Sáhara a través do Atlántico Tropical Oriental. Esta é outra coincidencia entre varias voces expertas. O pó do Sahara sopra, por norma xeral, cara o oeste, bloqueando a radiación que entra, mais aínda non se produciu este fenómeno e considérase unha posible causa directa do quecemento do mar.

Existen tantos factores para explicar as altas temperaturas marítimas que entra en xogo a propia xeoenxeñería climática. Dende Meteored explican que a Organización Marítima Internacional fixou un límite no contido de xofre nos combustibles para barcos, reducindo o límite de 3,50% a 0,50%. Isto supuxo unha caída na emisión en máis dun 75%, unha medida que se tomou precisamente para evitar a chuvia ácida e a acifidicación dos océanos. O grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) apuntou que os niveis de aerosois de xofre compensaban e proporcionaban un 0,5ºC de arrefriamento. Con todo, ao “limpar” os combustibles a protección indirecta desaparece. Isto influiría nas rutas, por exemplo, do este de Estados Unidos (EE.UU.) a Europa e Medio Oriente.

Publicidade

Anomalía de temperaturas no Atlántico Norte. Fonte: Eliot Jacobson

A situación empeora coa chegada de El Niño, un fenómeno natural que se caracteriza pola oscilación das temperaturas do océano na parte central e oriental do Pacífico ecuatorial, asociado a cambios na atmosfera, e influíndo, irremediablemente, nas condicións climáticas de todo o mundo. A Axencia da Atmosfera e o Océano de Estados Unidos declarou o seu inicio hai uns días e xerará un quecemento masivo na superficie do Pacífico tropical oriental. A AEMET alega que as augas oceánicas cálidas aumentan a evaporación, polo que os episodios de chuvias poden ser máis intensos que con augas máis frías.

Segundo José González, investigador do Centro de Investigacións Mariñas (CIM), haberá que realizar comparacións cos últimos anos para poder coñecer o impacto de El Niño nas augas galegas. Explica que as últimas borrascas propiciaron que os ventos do sur levasen cara a costa a auga superficial máis cálida. “Temos instaurado o fenómeno do afundimento nas rías, que é o contrario que o afloramento. Co vento do norte norte afloran augas profundas frías. O que pasa agora é que os ventos do sur empuxan cara a costa augas oceánicas superficiais, que levan máis tempo en temperatura co aire e son máis cálidas nesta época. Coa irradiación solar sobe a temperatura e acumúlase na costa, o que fai que incremente o quecemento da auga”, postula. E é que o océano aborve ata o 89% do exceso de calor, provocando tamén que o nivel do mar suba por dilatación térmica.

En definitiva, existen unha serie de factores que forman un cóctel que fai que as augas alcancen valores récord, non só a nivel global senón tamén local. Os expertos na materia recoñecen que hai que estudar todavía esta nova era cálida dos mares e océanos do mundo e se cadra, aínda haberá que esperar algúns meses para poder realizar comparativas e establecer conclusións. A mirada non só está posta nas causas que propician esta grave situación ambiental. O aumento da temperatura do mar ten múltiples consecuencias: o derretemento dos glaciares, impacto nos ecosistemas mariños, acidificación da auga, pérdida de biodiversidade e precisamente, os cambios nos patróns climáticos. O pasado martes, centenares de navallas apareceron mortas na praia da Lanzada, entre o municipio de Grove e Sanxenxo. En Texas (EE.UU.) miles de peixes apareceron mortos na costa debido á subida drástica da temperatura do mar.

Non existen precedentes a esta situación, nin tampouco manuais que indiquen que pasará despois de que a Terra experimente estes cambios tan extremos. Sábese que o Atlántico Norte sofre un calor récord e a ciencia mira con incerteza cara o futuro. O que ocorra aínda está por escribir.

Evolución da temperatura anómala no Atlántico tropical. Fonte: Brian McNoldy.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como defendernos dos mosquitos: que funciona e que non contra esta praga estival

Os repelentes con DEET e picaridina seguen as ser os máis eficaces, mentres que as velas de citronela, pulseiras ou ultrasóns carecen de respaldo científico

O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades

Galicia rompe o tópico: en 2025 rexistráronse máis horas de sol do habitual

O documento confirma o aceleramento do quentamento global ao recoller unha temperatura media de 1,1 graos por enriba do promedio anual normal