Publicidade

O regreso do fenómeno El Niño: máis calor no planeta pero máis chuvias en Galicia

A Organización Meteorolóxica Mundial alerta da alta probabilidade de episodios climáticos inusuais e drásticos a partir de 2024

A Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) vén de publicar un comunicado onde avisa da alta probabilidade de que se instaure o Fenómeno de El Niño (FEN), un evento que afectará ao tempo e clima de todo o planeta. Os anos que dura esta alteración adoitan ser máis cálidos do normal, con episodios climáticos inusuais e drásticos, récords de altas temperaturas, secas ou, pola contra, elevadas precipitacións. Cun 80% de probabilidade de sufrir estas condicións no período de xullo a setembro, as previsións apuntan que en Galicia pode provocar un aumento inusitado de chuvia.

O 9 de marzo de 2023, a Axencia Meteorolóxica de Estados Unidos (NOAA) anunciou o fin de La Niña —a outra metade do fenómeno FEN, que é a fase de arrefriamento— despois de tres anos, dando paso a unhas condicións “neutrais” no sistema océano-atmosfera do Pacífico Tropical. Apenas dous meses despois, a OMM, un órgano da ONU, alerta cun 60% de probabilidade a chegada entre maio e xullo de El Niño, cunhas condicións meteorolóxicas e climáticas que serán contrarias ás da súa predecesora, e non existen patróns na actualidade que permitan prognosticar canto poderá durar o próximo episodio. El Niño e La Niña protagonizan as maiores variacións do sistema climático da Terra, unhas condicións que se alternan nun ciclo irregular denominado El Niño-Oscilación del Sur (ENSO).

Publicidade

“Acabamos de vivir os oito anos máis cálidos dos que se teñen constancia, a pesar de que durante os tres últimos o episodio de La Niña exerceu un efecto de arrefriamento que ralentizou transitoriamente o incremento da temperatura mundial. O máis probable é que a instauración dun episodio de El Niño provoque un novo repunte do quecemento global e aumente as probabilidades de bater récords de temperatura”, declarou o secretario xeral da OMM, o profesor Petteri Taalas.

Dende Meteogalicia indican que é “moi posible” a chegada deste fenómeno do Pacífico Sur. “El Niño afecta de forma intensa a nivel local, xerando secas ou ben un tempo máis húmido. Ten consecuencias en todo o mundo que se determinan mediante as teleconexións”, comenta un meteorólogo. En Galicia non haberá consecuencias directas no aumento das temperaturas, non obstante, si que terá efectos no país. “Facendo estudos do pasado vése que El Niño aumenta a probabilidade de que vivamos meses máis húmidos entre agosto e novembro”. O que quere dicir que aumentarán as precipitacións pero non se pode predicir aínda se serán máis ou menos intensas.

Impacto de El Niño na temperatura global. Fonte: Met Office.

Precisamente, 2016 foi o ano máis cálido debido á combinación de El Niño cos efectos do cambio climático. Este suceso prodúcese de maneira natural, pero o quecemento global potencia a subida nos termómetros. O efecto do FEN manifestarase o próximo ano da súa chegada, por iso percibiremos o seu impacto en 2024, segundo indica a OMM. “El Niño podería aliviar a seca que sufre o Corno de África, así como outros efectos causados por La Niña, pero tamén podería desencadear máis fenómenos meteorolóxicos e climáticos extremos. Isto pon de relieve que, para protexer a población, a iniciativa das Nacións Unidas denominada Alertas Tempranas para Todos é imprescindible”, declarou o profesor Taalas. No mesmo comunicado, a OMM avisa de que non hai dous episodios similares de El Niño e que as súas consecuencias dependerán da época do ano na que se manifeste.

Os efectos de El Niño comezarán a percibirse a partir de 2024

El Niño pode durar entre dous e sete anos e os episodios entre nove e 12 meses. Supón unha irrupción ocasional de augas superificiais cálidas do Océano Pacífico. En xeral, as súas manifestacións adoitan estar relacionadas cun incremento de chuvia en América do Sur, o sur dos Estados Unidos (EE.UU.), o Corno de África e Asia central. Á vez, pode ocasionar grandes secas en Australia, Indonesia e parte do sur de Asia. A AEMET explica que El Niño prodúcese cando o Índice de Oscilación Sur (SOI) é moi negativo, polo que se debilitan as altas presións no Pacífico Oriental e aumentan no Pacífico Occidental, diminuíndo a forza do vento. Isto ocasiona un menor afloramento das augas frías, fúndese a termoclina -unha capa de auga onde a temperatura muda drasticamente- e sube a temperatura do mar.

Cando os antigos pescadores peruanos identificaban unha temperatura atípica nas augas que impedía que puidesen capturar porque os peixes viaxaban a outras zonas, producíase sempre durante as festas do Nadal, por iso recibe o nome El Niño. En 2015 este fenómeno provocou en Galicia un outono atípico: unha temperatura media de 15 e 16 graos e entre un 60 e 70% de probabilidade de precipitacións máis abundantes. Era unha das fases máis fortes do acontecemento. Segundo afirma a AEMET, na Península de maneira xeral pode existir unha correlación positiva en outono con El Niño, é dicir, máis precipitacións. Os expertos recoñecen que esa chuvia tamén será “benvida” en Galicia e que pode estenderse ata novembro. Sen embargo, a AEMET tamén apunta que no final do inverno e durante a primavera, as chuvias poden diminuír.

Predicións da temperatura do aire en superficie e a precipitación para os meses de maio a xullo de 2023. As zonas cunha cor máis intensa indican a categoría coas probabilidades de predición máis elevadas. A categoría máis probable para valores inferiores, superiores e próximos ao normal represéntanse en azul, vermello e gris, respectivamente, para os valores de temperatura, e en laranxa, verde e gris, respectivamente, para os valores de precipitación. As zonas de cor branca indican igualdade de probabilidades para todas as categorías en ambos os casos. O período de referencia é o comprendido entre 1993 e 2009.

O aumento das temperaturas é unha das maiores preocupacións da sociedade actual. Nos últimos anos saíron á luz estudos como “El Niño do Pacífico Central máis frecuente e El Niño do Pacífico Oriental más forte nun clima más cálido” publicado en Nature, que apunta a complexidade que supón a nivel metereolóxico que este fenómeno se dea nun contexto de cambio climático. Afirman da previsión de cambios para a diversidade deste acontecemento, como un aumento da súa amplitude. “Suxerimos que unha maior estabilidade na parte superior do océano debido ao quecemento do efecto invernadoiro pode conducir a unha resposta máis forte da capa superficial para aumentar as retroalimentacións positivas, unha excitación máis favorable de El Niño do Pacífico Oriental”. O que significa, á vez, que a mellora das respostas atmosféricas non lineais ante o aumento da temperatura do mar pode inducir a sufrir un evento extremo de El Niño no Pacífico Oriental. Na mesma liña, o estudo ‘ENSO e quecemento de invernadoiro’ tamén publicado na revista, sinala que “é probable que os eventos metereolóxicos relacionados coa ENSO ocorran con máis frecuencia coas emisións de gases de efecto invernadoiro sen reducir“.

  1. Así que, por mor do Neno, imos ter que arrear máis cambón para dar solfate ás cepas, pois é ben sabido que ó aumentar a humidade no período estival, os fungos típicos da vide (mildeu e lacra ou oidio) proliferan máis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

ChatPEC: a iniciativa con selo galego que usa o sarcasmo para concienciar sobre o clima

A ferramenta en liña responde con reprimendas humorísticas para mentalizar ao público do impacto ambiental que ten a intelixencia artificial

Máis calor e menos chuvia: o cóctel que ameaza a supervivencia do castiñeiro

Un estudo no que participa a USC avalía a idoneidade do hábitat da árbore ata o ano 2100 baixo diferentes escenarios climáticos

A biodiversidade dos bosques tropicais non logra seguir o ritmo do cambio climático

Un estudo no que participa a Universidade de Santiago constata que as especies están a mudar a súa composición, pero a velocidade de adaptación é demasiado lenta

A velocidade do desxeo nos glaciares aumenta un 36% na última década

Un estudo internacional revela que se perderon 6.500 billóns de toneladas de xeo nos últimos 20 anos