Os termómetros da península están acadando unhas cifras insólitas. Os últimos oito anos son os máis quentes dende que existen rexistros e aínda que pareza que Galicia escapa destes escenarios pola influencia atlántica, o país está a sufrir alteracións climatolóxicas da mesma maneira que outros territorios. Cando pensamos en seca, considerámolo algo alleo á zona que habitamos; unha situación circunstancial que pode afectar a agricultura e a gandaría e que quizais pode chegar a nós en forma de restricións no consumo de auga por parte das institucións, pero isto é só o comezo. Os expertos alertan da aparición de enfermidades cardiovasculares e respiratorias ou trastornos de saúde mental, entre outros, que en Galicia poden afectar principalmente á provincia de Ourense, o interior de Lugo e as principais cidades. Un novo estudo da Universidade de Vigo (UVigo) publicado na revista Annual Review in Public Health incide nesta cuestión nun contexto de quecemento do planeta.
Os impactos da seca son diferentes entre países e grupos da poboación. Raquel Nieto, unha das autoras do artigo Implicacións da seca na saúde pública nun contexto de cambio climático: unha revisión crítica, explica que en rexións de África e América do Sur poden derivarse infeccións transmitidas pola auga debido ao aumento á exposición ao arsénico. “En Galicia non temos problemas coa calidade das augas porque normalmente chegan a nós tratadas”, comenta a tamén catedrática e física da UVigo. “Ao non ser unha rexión en desenvolvemento, as maiores implicacións estarán relacionadas con enfermidades cardiovasculares e respiratorias derivadas das ondas de calor“. A seca impide unha renovación na calidade do aire, de maneira que fomenta a concentración de contaminantes na atmosfera, aumentando a frecuencia e a gravidade dos incendios forestais e facilitando as intrusións de po.
Isto aumenta a mortalidade e morbilidade. A inhalación de contaminantes atmosféricos pode provocar procesos inflamatorios e protombóticos. O estudo sinala que os entornos urbanos considéranse máis perigosos polos niveis de contaminación derivados do tráfico e o “efecto da isla de calor urbana”. “En si, a seca en Galicia non exerce un impacto directo, senón que é a través doutros factores polos que ten repercusións na saúde das persoas. As ondas de calor, por exemplo, producen efectos nas veas, sobre todo en nenos e adultos”, explica. O aumento dos lumes ou o impacto das secas nos sectores económicos, como na agricultura, gandaría e outros sectores dependentes da auga e a migración derivada deste problema, producen efectos na saúde mental, fundamentalmente en sectores da poboación máis vulnerables como no rural e nos agricultores: estrés, ansiedade e depresión derivados dunha dura situación laboral polo aumento do traballo ou, pola contra, de desemprego.
As provincias con maior risco por seca
O artigo está firmado polos investigadores do Laboratorio de Física Ambiental da Universidade de Vigo Coral Salvador, Raquel Nieto e Luis Gimeno; o investigador do Instituto Pirenaico de Ecoloxía, Consello Superior de Investigacións Científicas (IPE-CSIC), Sergio M. Vicente-Serrano; o membro do Departamento de Física da Terra e Astrofísica da Universidade Computense (UCM), Ricardo García-Herrera; e a investigadora do Instituo de Xeociencias (IGEO) do CSIC-UCM, Ana M. Vicedo-Cabrera. Coral Salvador, de feito, foi unha das pioneiras en Europa en publicar un estudo arredor das implicacións da seca na saúde pública en contexto de cambio climático. Concretamente, publicou un traballo sobre Galicia onde realiza un diagnóstico do impacto da sequidade de 1983 a 2018, estudando a mortalidade diaria por causa natural, circulatoria e respiratoria. Demostrou que os períodos de seca tiveron unha maior influencia nas provincias do interior que nas comarcas costeiras, sendo Lugo a máis afectada debido ás ondas de calor a curto prazo. Ourense foi a máis afectada en enfermidades respiratorias polo efecto da contaminación atmosférica ao longo do período 2000-2009.
Ondas de calor, pero tamén de frío
“A seca induce a unha serie de consecuencias en cadea para a saúde das persoas”, comenta Nieto. O cambio climático non só provoca ondas de calor, senón tamén de frío, e cada unha delas posúen diferentes particularidades. A investigadora sostén que “están desaparecendo a primavera e o outrono” á vez que se alonga o verán. Segundo alegan os científicos, as ondas de calor son cada vez máis duradeiras, o que implica tamén que a poboación se estea familiarizando con estes cambios bruscos no clima e se tomen medidas. “Compramos aires acondicionados, Protección Civil avisa das horas punta de calor para que non saiamos ás rúas ou cando hai picos de contaminación para poñer as máscaras e hidratámonos moito neses días… As secas están asociadas ao calor en Galicia e temos que contar con prevención en cuestións de saúde”, sostén Raquel Nieto.
As proxeccións sobre o cambio climático dende o eido científico non son alentadoras. No artigo publicado en Annual Review in Public Health, os expertos sinalan que hai que pasar dunha xestión da propia crise a unha xestión de riscos para reducir o impacto da saúde. “Hai que tomar medidas, non serve só con avisar. Os países ricos debemos achegar diñeiro aos menos desenvolvidos, e pasar a un sistema activo de prevención para evitar os graves riscos finais”, alega Nieto. As secas están chegando a varios puntos de Europa. “Vémolo na zona subtropical e estase espandido para o norte”, apunta. En Galicia, a entrada de borrascas facilita que as temperaturas sexan máis estables, mais este pasado abril en varios puntos do país superáronse os 27 graos. “As frontes refrescan, pero o problema é que as precipitacións están indo a menos”, conclúe Nieto.