Ata 10 e 15 graos por riba da temperatura media para esta época estanse acadando en zonas da Península. Os termómetros marcan 38º en Sevilla e 37º en Córdoba, unha calor propia do verán en pleno abril. Galicia, non obstante, tras un lixeiro ascenso de temperaturas este xoves fixa a súa máxima en 25 graos. Practicamente ao longo de toda a semana as nubes cubriron o país, con claros que se comezaron a abrir a tarde do mércores. O que si, os metereólogos apuntan que o xoves ou o venres, en certas zonas do país, poden superarse os valores normais para a época, como en Ourense, O Ribeiro, Verín ou Valdeorras. A partir do venres, as temperaturas experimentarán un lixeiro descenso debido ao paso dunha fronte que deixará precipitacións ao longo de todo o sábado. Para a ponte de maio agárdase un clima estable.
O paso dunha borrasca atlántica a pasada fin de semana impediu que Galicia se sumase á lista de comunidades que están sobrepasando as temperaturas máximas. A influencia anticiclónica tardou en entrar, e xa este xoves os ceos están practicamente despexados en todo país, cunha mínima de 13 graos e unha máxima de 24. O venres, as mínimas subirán dous e as máximas ata os 25 graos, pero agárdanse precipitacións para a tarde. Segundo indican dende Meteored “o sábado tenderá a inestabilizarse a atmosfera“, con chuvascos en Galicia, rexións cantábricas e Pirineos. Mentres tanto na Península os ceos estarán parcialmente nubosos pero con tendencia a despexarse.
Ante este calor insólito para o cuarto mes do ano, MeteoGalicia apunta que é pouco probable que superemos os 30º nos poucos días que quedan de abril. Serán 96 horas de ascensos e descensos e de tempo cambiante, algo habitual para a primavera, e sinala o sur peninsular e Ourense, O Ribeiro, Verín e Valdeorras como zonas con posibilidade de que os termómetros cheguen a esas cifras. Durante a ponte de maio as máximas rondarán os 21 graos, cun tempo estable en todo o país. Ao longo que avance a semana subirán as temperaturas, pero é posible que a partir do xoves retornen as precipitacións en algúns puntos, o que provocará que caian os termómetros ata os 18 graos.