Canto durará o anticiclón en Galicia? Unha fronte fría traerá de novo chuvia e frío a partir deste día

A borrasca Pedro é a última dun carrusel que comezou a finais de 2025, pero a tregua de tempo solleiro e seco durará menos dunha semana

O tren de borrascas que regou Galicia dende finais de 2025 ten unha data de fin. Con todo, entre o mércores e o xoves desta semana hai un novo sistema de baixas presións que acende as alertas na costa por ondas e en terra por fortes refachos de vento. A borrasca Pedro é, por fin, a última dunha sucesión case interminable. Está previsto que o anticiclón dos Azores se desprace máis ao norte, o que se traducirá en tempo solleiro e seco a partir do venres. Non obstante, non será unha tregua tan duradeira como as chuvias dos dous últimos meses e os distintos servizos de meteoroloxía xa poñen unha data de fin: a partir do martes 24 volven as chuvias a Galicia.

Tras un mércores e un xoves de alerta laranxa no litoral galego por ondas de ata sete metros e ventos de forza 8, así como por avisos amarelos en terra por refachos de ata 80 km/h e acumulacións de neve por enriba dos 1.000 metros, chega o tempo solleiro. Meteogalicia prevé para o venres néboas matinais no interior que irán diminuíndo conforme transcorra o día. Agárdase unha tarde de ceos moi abertos e despexados, e incluso de temperaturas agradables que poden rexistrar máximas de 16 graos. Unha día, en xeral, “tranquilo”, tal e como definen dende o servizo meteorolóxico galego.

Publicidade

Dos días primaverais á volta do inverno

O tempo seco e solleiro, así como as temperaturas moderadas nas horas centrais do día, estenderase ata, cando menos, o martes 24. Este escenario meteorolóxico débese á influencia dunha potente dorsal anticiclónica que se estenderá por toda a península e Baleares. Ademais virá acompañada dunha masa de aire cálido que será a principal responsable do aumento significativo das temperaturas durante os próximos días. “Isto dará como resultado uns días de marcados tons primaverais, nos que a suavidade térmica con sensación crecente de calor estenderase pola maior parte do país, dominando o ambiente solleiro e sen precipitacións”, prognostica o meteorólogo José Miguel Viñas nunha peza publicada en Meteored.

Non obstante, o anticiclón tan só durará cinco días. Segundo prevé Meteogalicia, a probabilidade de precipitación aumentará a partir da tarde do martes 24 de febreiro, chegando a acadar o 85%, polo menos ata o xoves 26. Este novo escenario deberase á chegada dunha fronte atlántica que entrará polo noroeste peninsular, e que deixará precipitacións en Galicia alimentadas polos ventos do suroeste. “Todo apunta a que esta situación abrirá de novo a porta a unha circulación atlántica do oeste sobre a península e Baleares”, advirte Viñas.

Publicidade

O cambio climático agravou a dina de Valencia

Os fortes episodios de chuvias das últimas semanas non só se restrinxiron a Galicia, senón que afectaron outras zonas da península, como Andalucía, con graves desbordamentos e inundacións. O fenómeno máis extremo e recente da memoria colectiva foi a dina de Valencia, que arrasou coa vida de máis de 200 persoas en outubro de 2024. Agora, un estudo da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), do CSIC e da Universidade de Valladolid cuantifica por primeira vez as alteracións da estrutura interna das tormentas que provocaron a dina e relaciónaas co cambio climático.

En concreto, os datos apuntan a unha asociación clara. Estas variacións intensificaron a taxa de precipitación nun 20% e estenderon un 55% a zona afectada por precipitacións superiores a 180 mm. Así mesmo, aumentaron o volume total de chuvia na conca do río Xúcar nun 19%, en comparación coa era preindustrial. A investigación publicada na revista Nature Communications empregou simulacións de alta resolución para determinar a influencia do cambio climático na dinámica convectiva da tormenta, o proceso polo que se orixinan as precipitacións tras o rápido ascenso do aire cálido e húmido dende o mar ata as capas altas da atmosfera.


Referencia: Human-induced climate change amplification on storm dynamics in Valencia’s 2024 catastrophic flash flood (Publicado en Nature Communications)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha fronte fría afunde as temperaturas en Galicia: 10 graos menos en só 24 horas

A inestabilidade persistirá ata o mércores da vindeira semana, cando se agarda unha tendencia a tempo máis seco

Da borrasca Regina a máximas de 22 graos: por que Galicia vivirá unha semana de tempo tan cambiante?

Unha valgada achegarase dende o Atlántico a partir do xoves e provocará un brusco descenso térmico e unha elevada probabilidade de precipitación en toda Galicia

Volve a chuvia: Galicia será a comunidade que máis auga acumule esta semana

A retirada do anticiclón favorecerá a entrada de frontes atlánticas e un descenso térmico notable, con especial incidencia no oeste do territorio

Volve o anticiclón: Galicia vivirá unha primavera anticipada a partir do venres

A borrasca Pedro deixará chuvias, vento intenso e avisos laranxas por temporal marítimo antes dunha fin de semana seca e con máximas en ascenso