Aparecen máis de 2.000 araos papagaios nas praias galegas afectados polas borrascas

A compoñente suroeste do temporal marítimo no Atlántico produciu a chegada de aves, localizadas entre as Rías Baixas e o sur da Costa da Morte

O arao papagaio (Fratercula arctica), co seu vistoso pico laranxa, non é unha especie frecuente en Galicia. Por iso, sorprende a chegada de máis de 2.000 exemplares abeirados na costa dende o inicio do último tren de borrascas, segundo datos preliminares e con aínda moitos sen recompilar da Sociedade Española de Ornitoloxía. A especie, categorizada como vulnerable, apareceu de maneira masiva ao longo da semana pasada. Paulo Lago, técnico do Programa mariño de SEO/BirdLife, indica que “diminuíu a cantidade diaria, pero aínda seguen aparecendo en praias que non se analizaran previamente”. Esta non é a primeira vez que ocorre: a mobilización cidadá recolleu máis de 100 aves en 2020.

As Rías Baixas e unha parte da Costa da Morte foron as zonas nas que máis araos papagaios apareceron a causa da compoñente suroeste das borrascas. Así, chegaron ata a ría de Arousa, Muros-Noia, arredor do Barbanza e á península do Grove. Pola contra, houbo menos presenza da especie na Mariña lucense. Esta fin de semana chegaron novos exemplares, pero o cambio de dirección do vento cara ao norte modificou a traxectoria: “Apareceron moitos máis nas costas de Asturias, Cantabria e País Vasco, sobre todo no Golfo de Biscaia”, explica Paulo Lago.

Publicidade

A Fratercula arctica non é a única especie que está a varar nas praias galegas. Tamén están aparecen outras aves peláxicas en menor cantidade, como a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), o araíño atlántico (Alle alle) ou diferentes especies de mascatos.

Aves con vertedura

Ademais, a CEMMA (Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños) publica en Facebook a presenza de aves na contorna de Muros e Noia, entre elas algúns exemplares de arao papagaio, afectadas por unha vertedura. O técnico de SEO/BirdLife aclara que “é unha pequena parte deles, non é algo xeralizado”. Tal e como explica, non coñecen a orixe do hidrocarburo, pero entre as hipóteses principais estaría un pequeno accidente nunha embarcación ou actividades de limpeza da sentina.

Publicidade

A sentina é a parte máis baixa do interior do casco dun buque, onde se acumulan todos os líquidos que se filtran do barco; o que se coñecen como augas de sentina. Conteñen aceites, combustibles e graxas, polo que se pode considerar unha vertedura de hidrocarburos. Antigamente, os barcos tiraban estes restos ao mar, pero o convenio internacional de MARPOL regulou esta práctica. “Aínda que está prohibido, hai embarcacións que a seguen levando a cabo”, sinala Lago como posible causa.

Unha rara presenza

A información recompilada por SEO/BirdLife sobre o arao papagaio revela que a súa distribución esténdese ao longo do atlántico, dende Groenlandia e o noroeste de Norteamérica ata a Bretaña Francesa, illas británicas e Noruega. Das cinco millóns de parellas reprodutoras rexistradas no mundo, a metade localízanse en Islandia.

Aínda que non se reproducen en España, pódense chegar a ver nunha das súas paradas de paso ou durante o inverno: durante o período de traballo de campo do atlas da Sociedade Española de Ornitoloxía rexistráronse só oito cuadrículas costeiras, cinco concentradas nas provincias de Valencia, Alicante e Murcia, pero sen puntos sinalados en Galicia.

Colaboración galega e recomendacións

Paulo Lago explica que todos os invernos chegan aves mariñas a causa dos temporais, pero no caso deste inicio de 2026, semella un evento grande que está a traer unha gran cantidade aos areais. Para recompilar os datos, están a colaborar diversas entidades galegas, como a extensa rede de voluntarios do CEMMA, de SEO/BirdLife, do Grupo Naturalista Hábitat, e outras entidades. A fin de facer unha base de datos estandarizada, os usuarios poden achegar información a través de correo electrónico, teléfono ou pola aplicación ICAO da sociedade.

App ICAO. Foto: Oriol Alamany de SEO/BirdLife
App ICAO. Foto: Oriol Alamany de SEO/BirdLife

No caso de atopar unha ave abeirada, fan unha serie de recomendacións para saber como actuar. En primeiro lugar, non se debe manipular para evitar calquera risco de transmisión de enfermidades, como a gripe aviaria, pero é necesario o uso de luvas, máscara e un permiso expreso. Por iso, ante o achado dunha ave, morta ou viva en mal estado, é recomendable chamar ao Centro de Recuperación de Fauna provincial ou ao 112.  

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica