A gripe aviaria está a ser un dos maiores problemas de saúde animal actualmente. A semana pasada, o Goberno tomou unha serie de medidas declarando que nalgúns concellos quedaba restrinxido que as aves de curral puidesen estar ao aire libre. Agora, o elevado risco de contaxio provocou que se tomase a decisión de limitar que animais como as galiñas non poidan estar no exterior en toda España, ademais doutras medidas complementarias. Pero, que é exactamente a gripe aviaria e como pode afectar aos humanos?
Que é a gripe aviaria?
A gripe ou influenza aviar (H5N1) é unha enfermidade altamente contaxiosa, provocada por un virus da familia Orthomyxoviridae. Segundo a súa categoría, pode ser asintomático ou pode provocar signos clínicos graves e altas taxas de mortalidade, segundo se explica nun informe do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Os síntomas habituais nos animais son descenso na posta de ovos, perda de apetito, dificultade para respirar, tose, secrecións e, en moitas ocasións, morte repentina.
Pode ser contaxiosa para os humanos?
A zoonose é improbable, pero non imposible. Como explicaba Juan José Badiola, doutor especialista en saúde animal, nunha entrevista a GCiencia o pasado mércores, “a transmisión dos virus ás persoas é posible, pero para que resulte eficaz debe existir un contacto directo e duradeiro”. É dicir, que tomando as medidas de prevención adecuadas, non debería ser perigoso para os humanos. Con todo, si hai casos de contaxios. De facelo, segundo Badiola pode provocar gastroenterite, diarrea, febre e malestar.
Podo contaxiarme comendo ovos?
“O risco alimentario é practicamente inexistente”, destacaba Badiola. Primeiro, porque cando se detecta un gromo nunha granxa, a explotación queda illada e sacrifícanse aos animais. Segundo, porque cando cociñamos o ovo desaparece o perigo de transmisión, xa que se desactivan a temperaturas altas. De todas formas, aínda que é improbable, si existe esa posibilidade.
Pode esta crise sanitaria repercutir no custo dos ovos?
Pode ocorrer. Principalmente porque esta enfermidade xa obrigou a sacrificar a centos de miles de galiñas. Un dos casos máis rechamantes foi o que se deu en Valdemoro, Madrid, no que se sacrificaron 450.000 aves. Isto pode reflectir en gran medida no prezo deste produto, que forma parte da cesta básica da compra. Ademais, as medidas que se están a implementar para frear canto antes o avance da enfermidade pode supoñer máis custos, que se poden acabar derivando aos consumidores. Porén, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, desvinculou que a suba dos prezos poida corresponder á gripe aviaria.
É máis común este tipo de epidemias agora que antes?
En xeral, a globalización supón varios desafíos a nivel de saúde. Tanto pola introdución de especies invasoras como o mosquito tigre como pola chegada doutros tipos de produtos e alimentos que poden estar infectados desde outro país. Tamén os cambios nos ecosistemas están a desequilibrar o funcionamento da natureza en moitos aspectos, segundo asegura Badiola. Isto fai que teñamos que enfrontar novos desafíos e novas enfermidades máis globalizadas. A gripe aviaria non era común en Europa, principalmente polas barreiras naturais que limitaban a súa chegada. Desde hai varias décadas, non é así, e a aparición de gromos é máis habitual. Por outra banda, tamén temos mellores ferramentas para combater estas ameazas que hai unhas décadas.
Pode chegar a Galicia?
O virus xa está en Galicia. O que pasa é que ata o de agora non afectou a explotacións de aves de currais, senón só a algunhas silvestres. Mesmamente, a Xunta detectou un novo gromo de gripe aviaria en aves silvestres na Coruña. Concretamente, unha gaivota, pero non é o único caso: xa van dez no que vai de ano.
Que debo facer se vexo unha ave morta?
Malia que o contaxio en humanos é improbable, é importante manter as medidas de seguridade. Por ese mesmo motivo, a Xunta recomenda non tocar os animais e comunicar os feitos aos servizos veterinarios oficiais da Consellería de Medio Rural. Estes confirmarán se efectivamente trátase dun exemplar afectado polo virus H5N1 ou se houbo outro tipo de complicación.













Por favor, antes de publicar ” se repánsense” o texto