Poucas cousas molestan máis á hora de durmir que escoitar o zunido agudo dun mosquito orbitando o teu oído e buscando o sitio perfecto para alimentarse do teu sangue. Pero aínda peor é cando este ten un corpo negro listado con raias brancas e a súa picada deixa un proído, dor e inchazón máis intensa do normal. A chegada do Aedes albopictus, tamén coñecido como mosquito tigre, é un problema para as administracións públicas, que buscan a súa contención ante a imposibilidade da súa erradicación. Rexistrouse por primeira vez en España en 2004 e, malia que avanza desde a cunca do Mediterráneo cara ao interior pouco a pouco, a rexión noroccidental aínda non tiña moito do que preocuparse, xa que podían pasar décadas ata que chegase. Pero en Galicia, todo cambiou, e o mosquito xa deixa as súas picadas en sete concellos galegos.
Desde a súa chegada en 2023, MosquitoAlert rexistrou 957 individuos desta especie e ameaza con acabar conquistando o resto de rexións da zona. Porén, é unha invasión vixiada. En total, xa son 110.939 as observacións por todo o país enviadas por 33.183 persoas a través da plataforma, que permitiron o seu estudo e a creación dun informe que agora publica o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O documento analiza o avance nos últimos 20 anos do mosquito tigre, o da febre amarela e o xaponés. Ademais, inclúe un mapa por municipios.
Un avance imparable pero localizado

Desde 2004, os mosquitos invasores foron detectados en 1.813 municipios, segundo o estudo. O Aedes albopictus é o máis presente no país e dúas de cada tres persoas está exposta ás súas picadas. Os autores destacan a importancia da participación cidadá: é o primeiro mapa a nivel municipal que se realiza utilizando eses datos e cunha contribución elevada, de máis dun terzo dos casos. Ademais, esa información permitiu detectar de forma temperá a súa presenza en sete comunidades autónomas. Entre elas, Galicia.
“A súa expansión é inevitable”, advertía a subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria na Consellería de Sanidade, Inés Mato. Porén, a súa vixilancia permite probar técnicas para conter o seu avance e ter en conta os posibles riscos que pode causar. O Aedes albopictus pode transmitir virus perigosos, como o dengue, o chikungunya, o Zika e, en menor medida, a febre amarela. Aínda que no caso de Galicia é moi improbable a chegada destas enfermidades, en lugares como Francia e Ibiza xa se detectaron casos de dengue autóctono, segundo un informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.
A participación cidadá, clave
“Mentres que a vixilancia de campo ofrece alta precisión, a ciencia cidadá proporciona un sistema de alerta temperá”, explica Roger Eritja, primeiro autor do documento e investigador do Centro de Estudos Avanzados de Blanes do CSIC. Ademais, destaca que a colaboración da sociedade civil deixa datos en tempo real, a grande escala e cun baixo custo. A técnica permite, segundo a investigadora da Universidade Pompeu Fabra Isis Sampera, detectar eventos máis aló do fronte de expansión coñecido da especie. “O reto é manter a participación e a involucración da cidadanía a longo prazo”, considera Sanpera. Para eles, é moi importante xa que permite aforrar custos, acelerar as alertas temperás e reforzar a contención dos gromos.
Os datos confirman que a colonización destes insectos produciuse primeiro nas zonas máis poboadas da costa mediterránea e que pouco a pouco foron avanzando cara ao interior. En agosto, a Xunta informou da presenza do mosquito nos concellos de Bueu e Mos, malia que este ano non se detectaron tantos casos segundo o mapa público de MosquitoAlert. Ambos forman xa parte do comité técnico do mosquito tigre. Diferente evolución que a outra especie invasora que xa avanza por Galicia: o mosquito xaponés (Aedes japonicus).
Un novo mosquito invasor en Galicia
O Aedes japonicus xa se detectou en 111 municipios españois, segundo o estudo. Este verán chegou á comunidade galega e xa afecta a dous concellos: A Pontenova e A Fonsagrada. É unha especie presente en gran parte do centro de Europa, en países como Alemaña, Austria e Francia, e procede de rexións asiáticas. Nos últimos anos, o mosquito, que se desenvolve mellor en ambientes húmidos, temperados e con auga ou bosques apareceu no norte de España. Concretamente en Asturias, no ano 2018. Cantabria, País Vasco e Navarra foron as súas seguintes vítimas, pero o seu exército xa penetrou as fronteiras galegas. A diferenza do mosquito tigre, o xaponés prefire zonas rurais, frondosas e a súa detección, polo cal, é algo máis complicada.
Unha posible causa da súa chegada pode ser o comercio, segundo explicou o pasado xuño a GCiencia o entomólogo David Boso, experto encargado na identificación de dípteros. A diferenza do tigre, o risco de que propague enfermidades é menor, aínda que é vector do virus do Nilo Occidental e o virus La Crosse. Máis perigoso é o virus da febre amarela, que de momento só se detectou nas Illas Canarias, segundo o estudo. Desde o equipo investigador do informe do CSIC, agradecen a participación cidadá para poder ter máis información e axudar a frear o avance destes insectos.














