Radiografía do mosquito xaponés: a nova especie invasora identificada en Galicia

Un equipo de Lugo atopa un exemplar de femia adulta na Pontenova e varias larvas de 'Aedes japonicus' na Fonsagrada

Os municipios lucenses da Pontenova e da Fonsagrada teñen novos inquilinos. Son orixinarios de países asiáticos como Xapón e China, senten predilección por zonas rurais e adáptanse ben a invernos fríos. Se chegaches ata aquí, probablemente esteas pensando que ten máis cousas en común contigo do que pensabas. Pero estes novos inquilinos non son veciños comúns, senón mosquitos. O seu nome oficial é Aedes japonicus pero é coñecido popularmente como mosquito xaponés polo seu lugar de procedencia. Ata o de agora era un descoñecido en Galicia, pero unha mostraxe feita hai poucas semanas polo grupo de investigación COPAR da Facultade de Veterinaria de Lugo demostrou que xa está asentado en dous puntos da nosa xeografía. E si, vén para quedar.

“O primeiro exemplar que atopamos foi unha femia adulta nunha trampa de luz. A outra localización foi nuns bebedoiros nunha zona de cabalos onde encontramos larvas“, explica o entomólogo David Boso, encargado da identificación de dípteros. O seu equipo, que forma parte da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) dependente da Consellería de Sanidade, céntrase fundamentalmente na identificación de carrachas. Non obstante, tamén colocan trampas e realizan mostraxes de dípteros pola importancia que teñen en veterinaria. Sen ir máis lonxe, enfermidades como a lingua azul, que afecta a ruminantes, e a leishmaniose, de gran gravidade para os cans, están causadas por dípteros.

Publicidade

Transmisor da febre do Nilo Occidental

O achado do exemplar e das larvas de Aedes japonicus non foron, por tanto, casuais. A colocación de trampas e a realización e mostraxes forman parte do quefacer deste grupo, cuxa investigación está financiada con fondos da Área do Rural da Videpresidencia da Deputación de Lugo e, en xeral, de ReGaViVec, para manter controlados os vectores de alerta sanitaria. O mosquito xaponés é considerado unha especie exótica invasora e é transmisor da febre do Nilo Occidental, que non está presente en Galicia pero que xa causou nos últimos anos múltiples gromos en Andalucía, sobre todo na provincia de Sevilla. “Algúns estudos apuntan á súa capacidade para transmitir o dengue e o chikungunya, mais aínda non está confirmado”, indica Boso.

Non obstante, o principal perigo que supón o mosquito xaponés en Galicia —dado que non circulan as enfermidades que transmite— son as súas picaduras. Actúa principalmente de día, aínda que tamén ten certa actividade crepuscular, e pica máis en espazos exteriores. E aínda que pertence ao mesmo xénero que o Aedes albopictus, o coñecido como mosquito tigre, non ataca de forma tan agresiva as persoas. “Aliméntase de mamíferos e de aves. É bastante oportunista e esta é unha das súas bazas á hora de colonizar. Non ten a mesma tendencia que o tigre, que ataca directamente os humanos. De feito, isto podería ser unha das razóns polas que o Aedes japonicus non se detectou antes en Galicia”, sinala o entomólogo da Universidade de Santiago (USC).

Publicidade

De Xapón a Asturias… e agora Galicia

O achado da especie non é unha sorpresa para a comunidade científica galega. A primeira vez que se detectou en España foi en 2018, en Asturias. Dende aquela foise expandindo por Cantabria, País Vasco e Navarra. Era cuestión de tempo que chegase a Galicia. “Outro dos motivos polos que probablemente non se detectou ata o de agora é porque é propio de zonas forestais e rurais onde é máis difícil atopalos que en contornas urbanas”, salienta Boso. Compárao coa rápida identificación do mosquito tigre, habitual de zonas urbanas, grazas a ferramentas de ciencia cidadá como Mosquito Alert. Que o Aedes albopictus pique máis aos humanos tamén é mellor forma de dar a voz de alarma.

A pregunta de como chegou o mosquito xaponés á península non é doada de responder, mais a hipótese que sostén Boso é moi semellante á do tigre. “Aedes é un xénero moi resistente e probablemente aterrou a través do comercio. Por exemplo, en pneumáticos. E seguramente en fases inmaturas”, indica o investigador da Facultade de Veterinaria. Todo isto está favorecido, como acontece habitualmente coas especies exóticas invasoras, non só pola globalización, senón tamén por un cambio climático que está a cambiar as regras do xogo.

Un tórax marrón e dourado

En canto á súa morfoloxía, e se precisas pistas para identificalo, o entomólogo da USC dános as claves: “Presenta patas aneladas como o tigre e ten un deseño moi característico no tórax, que é cor marrón e dourada moi rechamante“. En canto aos seus costumes, adáptase a invernos fríos e duros, así como ás zonas de maior altitude. Ademais, o mosquito xaponés é claramente un mosquito rural que prefire os ocos das árbores, os pequenos charcos e, como tantas outras especies semellantes, recipientes e bebedoiros artificiais. Unha das mellores precaucións para evitar telo preto é non deixar auga estancada en macetas ou outros envases que empregues, por exemplo, para darlle auga á túa mascota.

Vir e quedar

A poboación galega, fundamentalmente a da Pontenova e da Fonsagrada, vaise ter que acostumar ao mosquito xaponés. “Erradicalo é imposible”, sentencia Boso. De novo, a súa preferencia por zonas rurais e forestais fai aínda máis complicado o seu control. Aproveita charcas e ocos de árbores nos que é moi complicado realizar mostraxes, a diferenza do mosquito tigre, que dende 2023 non se expandiu máis alá dos concellos da ría de Vigo. Ao preferir zonas urbanas, a súa monitorización é máis sinxela. De feito, estanse a probar diferentes formas de controlar a súa expansión, dado que a súa erradicación tamén é complicada. Os veciños de Moaña, sen ir máis lonxe, están a intentalo con morcegos para controlar as poboacións de Aedes albopictus.

Non queda outra que aprender a convivir con el. Esa é a mensaxe que transcende dunha situación tan esperada como inevitable: un mosquito xa presente na comunidade do lado. Os animais non entenden de fronteiras e expándense segundo as súas necesidades. Non parece causar tantos inconvenientes, sobre todo porque pica menos, como o mosquito tigre, capaz de provocar ronchas ben dolorosas. Máis a súa aparición é motivo de control científico. Os novos inquilinos non sempre son benvidos, pero non hai moita máis opción que adaptarse mutuamente.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando o concello de Lugo mercou un escravo africano

Un estudo recupera a historia de Manuel Sosa, que foi comprado polo consistorio lucense en 1705 como símbolo de prestixio e poder

Máis de 700 exemplares de mosquito tigre en Galicia en só dous anos: “A súa expansión é inevitable”

O insecto volve aparecer este ano en Vigo e Moaña pero o risco para a saúde pública aínda é baixo

Identificadas dúas novas especies de mosquito en Galicia

A confirmación das novas variedades, endémicas de Galicia e potenciais transmisoras do virus do Nilo, eleva o cálatogo a 26

Volve o mosquito tigre: primeiro caso identificado do ano en Moaña

Moaña volve ser o primeiro lugar de Galicia onde aparecen exemplares de 'Aedes Albopictus', vector de virus como o zika, o dengue ou o chikungunya