Un equipo galego deseña un modelo sostible para a xestión de xurros

O proxecto baséase na economía circular e planea mellorar o uso dos residuos como fertilizantes para reducir custos

Un novo sistema para transformar xurros e residuos agroindustriais en fertilizantes. Niso consiste o novo modelo que está a desenvolver a Escola Politécnica Superior de Lugo. A través dos proxectos AGROMANURE e AGRORES, centrados na valorización dos xurros gandeiros, buscan reducir o impacto ambiental da súa aplicación directa nos solos e na auga así como os gases de efecto invernadoiro. A nova estratexia converte o 92% dos nutrientes dos xurros en recursos reutilizables como fertilizantes.

Os equipos de investigación destacan como diferenzas que o modelo integra produción, certificación e aplicación optimizada de biofertilizantes. Tamén conta co respaldo científico e con diferentes ferramentas dixitais. Ademais, calcularon os beneficios e a rendibilidade que tería a nivel financeiro e obtiveron un resultado aceptable.

Publicidade

Baseado na economía circular

O proxecto desenvolveu un innovador Sistema de Apoio a Decisións Espaciais (SDSS). Esta é unha plataforma xeoespacial pioneira en Europa que integra datos loxísticos, agronómicos e legais para optimizar a xestión de xurros e os dixestatos resultantes da dixestión anaeróbica. Grazas aos seus algoritmos, o equipo logrou reducir considerablemente (máis do 23%) os quilómetros de transporte, xerando aforros importantes en combustible. E cunha solución circular coa que buscan ademais xerar fertilizantes orgánicos eficientes. Desa forma queren reducir a dependencia dos sintéticos e promover a viabilidade económica e enerxética do proceso.

O sistema baséase na dixestión anaerobia, polo que os biofertilizantes obtivéronse cun menor risco de impacto ambiental e redución de custos. O modelo xera un valor engadido, como é o biogás. Este axuda a optimizar os gastos derivados da confección de biofertilizantes máis estables (35% máis de carbono) e ecolóxicos (30% menos pegada).

Publicidade

Levalo ata o nivel industrial

Por outra banda, os biofertilizantes obtidos de xurros demostraron a súa eficacia en parcelas experimentais, aumentando ata un 40% o fósforo dispoñible. Ademais, o seu uso de forma intelixente reduce un 22% as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco comparado cos métodos tradicionais de aplicación directa de xurros.

O proxecto achégase á súa fase decisiva ata o ano 2028. “Está previsto optimizar as condicións da planta piloto de dixestión e as características e homologación dos biofertilizantes para poder escalar a nivel industrial no futuro”, explica o investigador Agustín Merino. Para iso, segundo o experto, será imprescindible establecer alianzas público-privadas que potencien o modelo de economía circular. Algo necesario, segundo apunta, “para afrontar os retos ambientais e económicos do sector agrogandeiro”.

1 comentario

  1. Boa iniciativa, máis quen controla os niveis de sustancias contaminantes destes ‘xurros’ (purín mesturado con lodos de depuradora que incorporan ‘aditivos’ industriais mui tóxicos) presentes nestes xurros? . En muitos lugares de agricultura gandeira intensiva, onde se leva cultivando millo dende hai unhos trinta anos, hai xa índices alarmantes de metais pesados coma o Cadmio, e outros. Coméntase, ‘vox pópuli’ máis de xente que algo sabe, que as máquinas colleitadoras deste cereal teñen que desactivar os detectores de metais que avisan de posibeis obxetos metálicos pra non estragar a máquina, pola presencia tan alta que hai xa de varios destes meteis pesados disoltos na terra. Isto merecería unha comprobación pra termos certezas e unha análise seria por parte de axentes públicos coma a universidade pública, pola gravidade que representa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC lidera a creación do primeiro protocolo de vixilancia da saúde dos traballadores expostos a radon

O documento, elaborado por encargo do Ministerio de Sanidade, é pioneiro en Europa con recomendacións para o seguimento sanitario

De residuo da pesca á rexeneración ósea: un estudo galego revela o potencial do coláxeno mariño

O traballo, liderado dende a USC, apunta á biocompatibilidade de restos de peixe e esponxas e ao seu potencial como alternativa ás variantes de orixe mamífera

O CiQUS desenvolve materiais orgánicos porosos semicondutores sen necesidade de dopantes

O traballo, froito da colaboración entre tres grupos de investigación, permite incorporar portadores de carga directamente na estrutura, preservando as súas propiedades cristalinas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA