Os refugallos das algas mariñas, clave na mellora dos cultivos ecolóxicos

O proxecto Algaterra estuda os desperdicios da industria alimentaria para convertelos en fertilizantes e bioestimulantes

As algas mariñas abundan en Galicia. Son un recurso natural á alza que cada vez adquire máis importancia e presenza na industria alimentaria. Pero… Que acontece cos seus refugallos? Hai que darlles saída. E, por iso, o proxecto Algaterra pretende aproveitar estes desperdicios para a elaboración de novos produtos, como poden ser os fertilizantes ou os bioestimulantes. O principal obxectivo é crear novos insumos agrícolas que melloren os cultivos, especialmente os de carácter ecolóxico ou as producións tradicionais sustentables.

Neste proxecto participa o grupo de investigación de Agronomía da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, a empresa líder é Porto Muíños SL, que tamén conta coa colaboración de Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga),  o equipo VIOR da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC e as empresas Adegas Terras de Sorei, Riveiro Ecológicos e Horta da Lousa. Ademais, este proxecto conta cun orzamento de 146.371 euros do Fondo Agrario Europeo de Desenvolvemento Rural a través do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Publicidade

As técnicas

O proxecto Algaterra contempla o uso de diferentes técnicas para aproveitar os restos de algas mariñas que descartan no sector gastronómico e alimentario. Algúns dos procementos cos que traballan son coñecidos e sinxelos, como o deshidratado ou a moenda e outros, máis sofisticados. Neste último grupo incluiríanse a elaboración de extractos naturais para mellorar as condicións e a produción de cultivos de horta, pataca ou vide en ecolóxico.

Os sistemas de agricultura ecolóxica foron aumentando, nos últimos anos, a súa superficie en Galicia. A crecente evolución deste modelo leva ao sector a demandar novos insumos que contribúan a mellorar o desenvolvemento das plantas de cultivo e as características dos solos. Un cometido para o que as algas mariñas representan un recurso ecolóxico de calidade que posúe beneficios como fertilizante, para mellorar as propiedades físicas do chan e incluso como bioestimulante.

Publicidade

Os novos produtos

Dentro do proxecto Algaterra, os distintos axentes implicados prevén elaborar novos insumos agrícolas en diferentes versións: fertilizantes e emendas, como compoñente ou aditivo en substratos e como bioestimulante. Unha vez completado o proceso de elaboración destes novos produtos, procederase a unha avaliación agronómica dos mesmos, a fin de coñecer os seus efectos sobre a saúde e as propiedades do solo e do cultivo, así como no rendemento e calidade de pataca, viñedo e outros cultivos hortícolas.

Finalmente, Algaterra contempla a elaboración de guías de uso que permitan obter o máximo potencial do emprego dos refugallos de algas mariñas como fertilizante deshidratado en pataca e vide, como fertilizante deshidratado nunha rotación leituga-tomate, como compoñente de substrato para cultivo de especies hortícolas en fase de sementeiro ou como bioestimulante mediante aplicación foliar en vide e en horta vía foliar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando os fertilizantes se tornan xeopolítica: leccións da historia para a gobernanza do nitróxeno

A crise do nitróxeno revela os límites dun modelo agrícola dependente dos combustibles fósiles e abre o debate sobre alternativas sostibles

Unha xornada trae a Santiago o debate sobre os “químicos eternos”

O evento, organizado por Feuga, celebrarase na sede da fundación o xoves 4 de decembro a partir das 9.30 horas

Da IA á Internet das Cousas: como as novas tecnoloxías melloran a atención aos pacientes

Unha formación pioneira impulsada por DATAlife mostrará como as ferramentas dixitais poden transformar a xestión asistencial en Galicia

Variedades autóctonas de chícharo galego: unha alternativa sostible á soia importada

Un proxecto galego avalía o potencial das liñas tradicionais desta planta fronte ás comerciais e aposta por fortalecer a produción local de proteína vexetal