Xoves 18 Abril 2024

Un virus acurralado en Galicia: estamos a piques de pecharlle a porta ao SARS-CoV-2?

O territorio galego, coa incidencia máis baixa en España e a maior cobertura de vacinación, amosa un freo moi notable da transmisión nas últimas semanas

“Se non ocorre ningún imprevisto, e parece ser que non vai ocorrer, o SARS-CoV-2
deixará de circular no noso medio nun prazo de tempo curto”. Así contesta o epidemiólogo Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, en resposta ás perspectivas sobre a evolución da pandemia da Covid-19 nas vindeiras semanas e meses. Todos os indicadores convidan ao optimismo, especialmente no escenario de Galicia, o que levou á Xunta a anunciar o levantamento, nesta semana, da emerxencia sanitaria en vigor desde marzo de 2020: a maior cobertura de vacinación en maiores de 12 anos, a menor incidencia acumulada a 7 e 14 días e a menor taxa de ocupación hospitalaria entre as comunidades autónomas de España. E parece ser, segundo Gestal, que se está a constatar a percepción cidadá de que o levantamento progresivo das restricións non vén acompañado, esta vez, dunha nova repunta de infeccións. Está o virus acurralado?

“Todo apunta a que si, agás que aconteza algo imprevisto, o que parece difícil que se produza”, responde Gestal, que alude á “elevada cobertura vacinal” por riba do 84% en toda a poboación (e do 92,9% na poboación diana, maior de 12 anos).

Publicidade

Lembra o epidemiólogo que o que podería considerarse como “inmunidade de grupo” fronte á variante delta, a predominante neste momento, “que ten un número básico de reprodución de 5 a 8, oscila entre o 80% e o 87,5%”. Aínda que advirte que, “ao non ser vacinas esterilizantes seguramente non exista inmunidade de grupo, e sexa necesario vacinarse para estar protexido”. Con todo, reflexiona que as coberturas acadadas tanto en Galicia como en España, que lidera esta listaxe nos países que superan os 40 millóns de habitantes, “sen dúbida dificultaran en calquera caso, a circulación do virus ao serlle mais difícil encontrar susceptibles“.

No referente á incidencia, o doutor Gestal salienta o feito de que Galicia rexistre unha incidencia por baixo da metade da media de España, “mesmo tamén no grupo de
menores de 12 anos que non foron vacinados”.

A suma dos indicadores “fainos pensar que estamos na fin da pandemia no noso medio”, destaca Juan Gestal

En conxunto, “todo isto fainos pensar que estamos na fin da pandemia no noso medio“, un feito reafirmado, segundo o doutor, porque “estean comezando a circular, aínda que timidamente, virus respiratorios como o sincitial e o da gripe, algo que non ocorría desde o inicio da pandemia, o que reforza que a circulación do SARS-CoV-2 esté diminuíndo“.

A incerteza diante do inverno: máis vixilancia

A estacionalidade marcada nalgúns virus respiratorios, que se transmiten de forma máis sinxela en ambientes fríos e épocas de máis actividade en espazos pechados, sumada ao vivido no inverno pasado coa dura terceira vaga da pandemia, sementa unha certa preocupación na poboación. Con todo, e agás que se produzan circunstancias excepcionais, semella que a fin da pandemia da Covid-19 está preto na contorna máis inmediata. “Se non ocorre ningún imprevisto, e parece ser que non vai ocorrer, o SARS-CoV-2 deixará de circular no noso medio nun prazo de tempo curto. Pouco a pouco irán diminuíndo as fontes de infección (os casos activos e os que poida haber sen síntomas) co que tamén circulará cada vez menos o virus e serán menos os casos novos”, di Gestal.

Con todo, e como prevención a posibles novos brotes, o epidemiólogo apela ao mantemento de determinadas medidas de vixilancia. “É moi importante neste momento a busca do virus nas augas residuais que permitirá coñecer con maior precisión se o virus está ou non circulando na comunidade”.

E engade que, a pesar de que se vaian levantando as restricións, a alerta deberá seguir presente para activar os resortes que sexan precisos. “Cando xa teñamos totalmente controlada a circulación do virus na nosa comunidade, e xa non se produzan casos ou só unha pequena pingueira, poderán abandonarse todas as medidas de prevención non farmacolóxicas, pero haberá que manter unha vixilancia epidemiolóxica moi activa para detectar precozmente calquera gromo como resultado dunha nova introdución do virus na comunidade, e aplicar se se produce rapidamente medidas drásticas de contención para evitar que se estenda. Esta vixilancia epidemiolóxica moi activa deberá manterse aínda durante tempo en tanto o virus siga circulando polo mundo”.

A gripe e a terceira dose

Esta semana, a Xunta de Galicia inicia a campaña de vacinación contra a gripe, no momento no que se está a detectar un lixeiro incremento na circulación do virus despois de ser case inexistente na tempada anterior, coincidindo coas vagas da Covid-19. En paralelo a este proceso, para o que se adquiriron 885.000 doses administradas a grupos de risco e outros colectivos prioritarios, inxectarase a terceira dose contra a Covid-19 nas persoas para as que está indicada a fórmula, máis de 500.000 persoas.

Sobre esta nova inxección, Gestal valora que “aínda que non está claro que sexa realmente necesaria” en todos os casos. Aclara que “nas persoas maiores o sistema inmune co paso do tempo vai deteriorándose, o que se coñece como ‘inmunosenescencia‘, e responde peor, esta é a razón empírica na que se basea a administración desta terceira dose”.

E conclúe que “nas persoas que responderon as dúas doses anteriores vai inducir unha resposta booster [de reforzo], porque teñen células de memoria, dando lugar a un incremento dos anticorpos neutralizantes no sangue. Pero este incremento tamén se produciría se entrasen en contacto co virus. Este é o fundamento da protección polas vacinas. A cantidade de anticorpos presente no sangue, diminúe sempre co paso do tempo, pero iso non supón que se estea menos protexido“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña