Un equipo galego triunfa nun desafío internacional sobre redes 5G

O certame recoñeceu o traballo de investigadores do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) do centro atlanTTic da UVigo e da empresa Optare Solutions

O Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), adscrito ao centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, acaba de facerse cun novo galardón internacional, neste caso o primeiro premio do ETSI MEC Hackaton, un certame promovido anualmente polo Instituto Europeo de Normas de Telecomunicación (European Telecommunications Standards Institute) e que se enmarca dentro do congreso internacional Edge Computing World, celebrado en liña desde San Francisco. Fíxoo cun traballo desenvolvido en colaboración coa empresa Optare Solutions sobre softwarización das redes e as redes 5G.

“Este recoñecemento permítenos demostrar que seguimos sendo un dos grupos punteiros a nivel mundial en distintas tecnoloxías relacionadas co 5G”, explica o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Felipe Gil, un dos investigadores implicados neste proxecto. Xunto a el formaron parte deste traballo os tamén investigadores do Grupo de Tecnoloxías da Información Rubén Pérez Vaz e José Antonio Álvarez Fernández, así como Santiago Rodríguez e Xosé Ramón Pousa, de Optare Solutións, firma coa que adoitan colaborar. O obxectivo da competición era demostrar novas aplicacións e servizos innovadores que se poden construír utilizando as APIs para MEC do propio Instituto Europeo de Normas de Telecomunicación, é dicir, aplicacións e servizos despregados no ‘edge’ ou periferia dunha rede de comunicación 5G de cara a conseguir implementar solucións que noutro caso non serían viables debido aos requisitos de latencia, ancho de banda, etc.

Publicidade

Videovixilancia mediante drones

A proposta que presentaron e que, finalmente, resultou gañadora consistiu nunha solución de intelixencia artificial no ‘edge’ que permite procesar o vídeo enviado por un drone, tomar decisións e actuar sobre el para que se desprace seguindo algún elemento ou persoa detectado ou realizando algún outro tipo de acción.

Felipe Gil, investigador do grupo GTI da UVigo. Foto: Duvi.
Felipe Gil, investigador do grupo GTI da UVigo. Foto: Duvi.

“A flexibilidade proposta pola nosa solución facilita a integración de novas técnicas de Intelixencia Artificial que responden a un dos principais retos da videovixilancia mediante drone”, detalla Felipe Gil. Por outra banda, o proxecto permite tamén a extensión das funcionalidades básicas dos drones proporcionando un servizo máis escalable, dinámico e adaptativo, podendo así ofrecer servizos de vixilancia específicos en función do obxecto detectado inicialmente e das súas características (natureza do obxecto, localización, etc.).

Publicidade

No ano 2019, outro equipo do GTI e Optare xa participara neste mesmo hackathon, acadando o segundo premio. Nesa ocasión, a convocatoria realizárase a nivel europeo e o equipo tivera que acudir presencialmente a Londres  e facer unha demostración en vivo ante o xurado do certame. O traballo premiado nesa ocasión fora un demostrador para a Industria 4.0 no que o xurado valorara non só o correcto funcionamento do sistema, senón tamén a claridade da explicación dos seus obxectivos, a súa integración nas plataformas dos provedores e, finalmente, o correcto uso dos estándares da ETSI.

Neste sentido, Gil, que tamén formou parte dese equipo gañador que acudiu a Londres en 2019, destaca que gañar este tipo de premios supón un incentivo que os motiva para seguir traballando e son tamén unha boa forma de darse a coñecer entre a comunidade investigadora e a sociedade en xeral.

Nesta edición de 2021 os outros finalistas foron equipos das empresas tecnolóxicas Telcaria e Wipro.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O alumnado sénior da UVigo convértese en embaixador da ciencia en cafetarías de Pontevedra, Vigo e Ourense

Estudantes do Programa Universitario de Maiores impartirán charlas divulgativas en locais de encontro das tres cidades galegas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE