Venres 23 Febreiro 2024

“Vai ser moi complicado erradicar o mosquito tigre de Galicia”

A subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato, analiza os riscos desta especie invasora

Non se sabe como chegou pero probablemente quede con nós. Galicia vai ter habituarse a convivir co mosquito tigre (Aedes albopictus), unha especie autóctona do sudeste asiático que inundou o levante peninsular a comezos de século. Vinte anos despois conseguiu chegar a Galicia onde, de momento, só se concentra en Moaña, con algúns exemplares identificados en Cangas e Vigo. Esperta preocupación e inquedanzas porque é transmisor de enfermidades como o dengue, o Zika e o chikungunya. Pese a iso, os expertos insuflan calma e asegura que, de momento, o risco é moi baixo. Dende a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (Regavivec) da Xunta están a tomar unha serie de medidas para frear a súa expansión. Así nolo conta a subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato.

—Como de predicible era a chegada do mosquito tigre a Galicia? Tendo en conta que leva case dúas décadas asentado no levante peninsular.

—Era cuestión de tempo. Por iso no 2017 se creou a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (Regavivec), dependente de Saúde Pública. É moi importante porque grazas a toda esa rede podemos actuar moito máis rápido que se non estiveramos preparados. Este mosquito xa leva establecido en España dende o 2005, cando entrou por Cataluña. Agora está en todo o Levante, hai zonas de Madrid, Estremadura, Andalucía e tamén algunha zona do norte. Entón, era previsible que chegara a Galicia. Ademais as condicións que temos, aínda que pareza que non, son moi boas para o desenvolvemento do mosquito porque hai humidade, hai choivas e unha temperatura adecuada. Porque as temperatuas elevadas de 40 graos, propias das ondas de calor que temos en España, non lle gustan. El prefire 25 ou 30 graos.

—É dicir, prefire a estabilidade térmica.

—Si, efectivamente. Por iso pensabamos que en calquera momento podía aparecer. Ademais o mosquito tigre moitas veces viaxa en coches, polo que é difícil poñerlle couto á súa expansión.

—O aumento da temperatura, asociado ao cambio climático, favorece a súa chegada a Galicia?

—Efectivamente. O mosquito tigre apareceu por primeira vez en Europa no 1995, máis concretamente en Italia. Agora xa hai unha expansión por todo o continente e hai moitas zonas afectadas. En practicamente todas as rexións de Francia hai presenza de mosquito tigre porque tamén son zonas propicias aínda que haxa temperaturas máis baixas que as nosas. Pero son sitios húmidos, con temperaturas máis ou menos suaves, de arredor de 25 graos. Se son moi baixas entran nunha especie de estado de hibernación, pero non se destrúen. Ademais, o aumento das temperaturas provoca que a expansión sexa máis rápida.

Un mosquito tigre. Foto: Wikimedia
Un exemplar de mosquito tigre. Foto: Wikimedia

—Cando en inverno cheguemos a temperaturas máis baixas en Galicia, que vai pasar? O mosquito tigre chegou para quedar ou hai posibilidades de erradicalo?

—Unha vez que está, é moi complicado erradicalo. Nós empezamos moi pronto. Todo o mundo coincide en que estamos actuando moi rápido porque xa tiñamos esta rede de vixilancia e un equipo da universidade que é o que asesora e o que é especialista en entomoloxía. Polo tanto, xa sabemos onde poñer as trampas, como temos que facer… Esa é unha experiencia que xa temos e, polo tanto, estabamos preparados para a súa chegada. Estamos lanzando moitas campañas de concienciación porque a meirande parte dos focos de cría, segundo as experiencias doutras comunidades autónomas, está nos domicilios particulares. Polo tanto, todas as medidas de prevención, que a veces parecen moi sinxelas, son fundamentais. Aínda estamos nun estado moi inicial e aínda que traballamos para erradicalo, vai ser moi complicado. Polo menos, estamos intentando poñerlle difíciles as cousas para reducir a súa expansión.

“A meirande parte dos focos de cría está nos domicilios particulares”

—De momento, o mosquito tigre está nunha zona moi concreta de Galicia: en parte do Morrazo e en Vigo. Está previsto que continúe expandíndose?

Nós reforzamos e imos reforzar as trampas de monitorización, que non son para eliminalos senón para vixialos. É dicir, para saber cantos hai, onde hai, como se están expandindo… Instalamos trampas en Bueu e Vilaboa e imos seguir aumentando nalgunha zona máis do Morrazo para ver a extensión. De todos modos, o radio de acción de voo do mosquito tigre é pequeno. E, como moito, afástase 500 metros. O problema que pode haber é que vaia nalgún medio de transporte.

—Por que estes mosquitos son fundamentalmente urbanos? Son susceptibles de chegar ás zonas rurais de Galicia?

É fundamentalmente urbano porque no seu ciclo necesita auga para reproducirse. Se se poden observar as larvas e quitamos a auga, morren por desecación. Polo tanto, no eido urbano hai un montón de espazos onde eles poden criar. Ademais as femias fan unha posta de ovos parciais. É dicir, poden facer unha posta nun lugar, logo noutro… Poden poñer ovos en varios sitios, como no mobiliario urbano e nos cemiterios. Pero efectivamente, en Galicia poden chegar ás zonas rurais. O que acontece é que están máis illadas e pode ser máis difícil o seu control. O que necesitan fundamentalmente son persoas para picar e auga para poder reproducirse.

Instaláronse trampas en Bueu e Vilaboa para controlar a expansión do mosquito tigre

—Parecen mosquitos bastante susceptibles de adaptarse á contorna á que chegan, dado que realmente proceden do sudeste asiático.

Si, teñen un gran poder adaptación. O único que necesitan son unhas temperaturas máis ou menos suaves. Polo que se está vendo noutras comunidades autónomas adoitan estar nos meses entre abril/maio e novembro, que é a época na que eclosionan. E hai un pico importante en setembro e outubro. Co cal, son moi importantes todas as medidas que se están a aplicar agora mesmo. Co Concello de Moaña hai unha coordinación absoluta porque aínda que hai avistamentos noutras zonas, a meirande parte dos exemplares están identificados neste municipio.

—Cales son as medidas que están tomando para controlar a súa expansión?

A Regavivec é unha rede de vixilancia e estamos moi implicados, tanto a universidade como a consellería, en apoiar a todos os concellos do Morrazo. Neste caso a Moaña, pero en xeral a todos os municipios limítrofes para evitar a expansión. Á parte desa vixilancia temos apoio total e absoluto na informacion á poboacion e na formación tamen a diferentes concellos. De feito, este xoves celebrarase unha xornada informativa dirixida aos municipios do Morrazo porque dentro das súas competencias teñen o control deste vector. Entón formamos aos concellos para que saiban que plan hai que facer de vixilancia ambiental destes lugares que poden ser focos de cría, tamén a concienciacion da cidadanía, que é unha parte compartida coa Xunta de Galicia. E estanse tomando todas estas medidas. O Concello de Moaña xa está a traballar nun plan coa súa empresa de sanidade ambiental para controlar os focos e ver que mellor tratamento se pode facer. Estase e traballar moito nestes últimos días para intentar reducir a poboación e minimizar a expansión.

“Debemos evitar augas estancadas no xardín para que os mosquitos non poida criar”

—Que pode facer a poboación a título individual para contribuír a reducir a expansión do mosquito tigre en Galicia?

As medidas que pode facer a cidadanía son preventivas. Por unha banda, evitar calquera tipo de pequeno recipiente con auga que quede durante moitos días. Con tal de baleiralo ou volcar para que non haxa auga sería suficiente. Se se ve algunha cousa que non se pode volcar, como ocos de árbores con auga estancada onde poidan criar os mosquitos, pódese botar terra. Intentar que todos os nosos xardíns non teñan ningún sitio onde poidan criar. Isto é a nivel domiciliario. Despois os concellos xa se encargan dos espazos públicos. No que respecta ás medidas de protección, cando xa é unha zona con mosquito tigre, intentar usar repelente, vestir con roupa clara e pantalóns longos. Sobre todo se no noso xardín hai e non sabemos onde está o foco.

—En Galicia, os maiores riscos do mosquito tigre son as picaduras. Cales son os seus síntomas e como podemos recoñecelas?

—Estes mosquitos son vectores de enfermidades como o dengue, o Zika e o chikungunya pero queremos transmitir tranquilidade. Sabiamos que ía vir e por iso estamos poñendo todo o couto que se pode poñer. Pero insisto, tranquilidade, porque o risco é moi baixo. Unicamente as picadas que si son un pouco máis molestas que as do mosquito común. O mosquito tigre tamén ten unhas pautas de comportamento un pouco diferentes. Por exemplo, non pica pola noite e o mosquito común si. E adoita ser un mosquito de exterior. As picadas prodúcense polo día e ademais na zona baixa, porque non acadan moita altitude. Por exemplo, o mosquito común pódenos picar na cara pero o tigre non, sería moi raro. Polo tanto, só en extremidades inferiores. Son picaduras moi molestas pero non son graves. Ao igual que calquera outro insecto que pique, se non hai unha reacción alérxica ou unha complicación da picadura non sería necesario asistir ao centro sanitario. Non temos noticias de complicacións de picaduras na zona de Vigo, por exemplo.

“As picaduras son máis molestas que as do mosquito común”

—Por que se considera “risco moi baixo” a transmisión do dengue ou do Zika en Galicia se xa chegou o seu vector?

Ata agora non hai ningunha evidencia de que o mosquito teña o virus. É dicir, non hai virus circulando. Ademais de ter o vector, tes que ter o patóxeno e persoas enfermas no período infectivo. Antes era un risco remoto porque non tiñamos o vector e agora temos un pouco máis de probabilidade pero o risco segue sendo moi baixo. Por iso, total tranquilidade. Insisto en que estamos a traballar para estar preparados se se dese algún caso. Incluso en zonas de España con presenza de mosquito tigre en todo o seu territorio non hai transmisión autóctona, son casos importados que veñen doutros países. Penso que só houbo dous ou tres casos de transmisión autóctona. En Saúde Pública intentamos adiantarnos ao que pode suceder e por iso son moi importantes as medidas preventivas para que cada vez se dea máis tarde a extensión do mosquito tigre.

—Malia a preocupación que esperta o mosquito tigre, o mosquito común tamén transmite enfermidades.

É un vector. De feito, transmite a febre do Nilo Occidental, que é unha zoonose que tamén involucra cabalos. En Andalucía hai problemas co mosquito común. Hai un ciclo no que tes que ter o virus, o mosquito, a enfermidade e o reservorio que son os cabalos. Pero tamén temos as carrachas que transmiten a enfermidade de Lyme. Están os Anopheles, outro tipo de mosquito que se está vixilando en España. Efectivamente, o mosquito tigre é un pouco máis novidoso porque é invasor, non autóctono. Pero esta rede aínda que agora está visibilizada polo mosquito tigre ten en Galicia as súas trampas para monitorizar, dado que tamén teñen importancia na saúde animal. Levamos tempo traballando para que cando chegue o momento saber que é o que temos que facer.

“O mosquito común tamén transmite enfermidades, como a febre do Nilo Occidental”

—Como podemos distinguir o mosquito común do mosquito tigre?

Os entomólogos son os que deben determinar se é un Aedes albopictus, o nome científico do mosquito tigre, ou outra clase de Aedes. En xeral, esta familia é moi características polas súas raias prateadas brancas nas patas, moi longas. Son pequenos pero se somos capaces de collelos vese ben que pode ser o mosquito tigre. O que estamos a promocionar é a aplicación de Mosquito Alert, coa que temos un convenio a través do CSIC. A xente aquí pode notificar un avistamento e subir a foto, que despois é analizada por un equipo de entomólogos. É moi importante que se alguén o encontra ou ten dúbidas que envíe a foto. A aplicación estanos axudando moito porque coas trampas tampouco chegamos a todos os sitios e así temos unha maior información de como é a súa distribución.

—É dicir, a ciencia cidadá na que se basea MosquitoAlert foi fundamental para detectar o mosquito tigre.

A ciencia cidadá foi fundamental para a rapidez, ademais. Sobre todo porque o mosquito chegaría ás nosas trampas, pero talvez un pouco máis tarde. Ademais hai unha intensa colaboración entre Regavivec e o Mosquito Alert e iso é o que vai facilitar a rápida actuación.

—Chegou o mosquito tigre, pero que outras especies preocupan ou son susceptibles de chegar a Galicia?

Regavivec fai un informe anual onde se recollen todas as especies que se están a vixiar. Por exemplo, a introdución de Anopheles, que é o que transmite o paludismo e por iso se está vixiando. Non só vixiamos o mosquitos, logo analizamos os exemplares para saber se teñen ou non o virus. Pero a rede de vixilancia tamén controla as carrachas, pola posibilidade de transmitir a enfermidade de Lyme Todas estas especies estanse vixiando e por iso tamén temos trampas en portos e aeroportos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alerta por dengue en Europa: pode ser endémico en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade, detectouse por primeira vez en Moaña durante o verán e xa se estendeu a outros catro concellos

Confirmada a presenza do mosquito tigre no concello de Vilaboa

Identificouse un exemplar nunha das trampas colocadas no municipio, despois de que a especie aparecese por primeira vez en Galicia este verán

Confirmada a presenza do mosquito tigre en Redondela

Un grupo de entomólogos identificou a través da aplicación Mosquito Alert un exemplar de 'Aedes albopictus' no concello pontevedrés

Confirmada a presenza do mosquito tigre en Cangas

Identificouse un exemplar neste concello, que xa se suma aos de Vigo e Moaña como municipios afectados por esta especie invasora