Estas son as fotos máis fermosas da natureza e así podes velas na Coruña

Unha mostra do Aquarium Finisterrae exhibe as imaxes premiadas a última edición do concurso European Wildlife Photographer of the Year

Hipopótamos nadando nun lado salgado, as ás dunha libélula e unha ave voando sobre un río dourado. Estas son algunhas das fotografías máis fermosas da natureza. Ou, polo menos, así o determinou o prestixioso concurso European Wildlife Photographer of the Year. Agora, o Aquarium Finisterrae acolle a exposición Fotografías da Natureza 2023, na que mostra as imaxes premiadas na última edición do certame. Todos os que desexen achegarse, verán que a mostra fotográfica está dividida en nove seccións: Aves, Mamíferos, Outros animais, Mundo submariño, Eloxio das plantas, Paisaxes, O ser humano e a natureza, Forma e composición e Novos fotógrafos.

Nesta convocatoria do concurso recibíronse 20.413 fotografías de 1.218 participantes procedentes de 37 países. Grazas á pericia técnica e artística dos fotógrafos e fotógrafas e, en moitas ocasións, á sorte, podemos contemplar aspectos sorprendentes, puntos de vista insólitos e perspectivas marabillosas. O gañador da edición de 2022 foi o fotógrafo ruso Mike Korostelev, cunha imaxe titulada O mundo dos hipopótamos. Alemaña, con 15 galardoados, España con 14 e Italia, con 8 continúan sendo os países con maior presenza entre o total dos 84 premios outorgados. Entre os españois recoñecidos, Adria Mas Escandell resultou gañador na categoría de Novos fotógrafos.

Publicidade

No que respecta á fotografía gañadora, a historia detrás dunha imaxe impactante con dous hipopótamos en primeiro plano foi descrita polo propio gañador do concurso. Segundo trasladou Korostelev, hai uns anos descubriu un lago salgado de auga clara en Sudáfrica onde vivían varias familias de hipopótamos (Hippopotamus amphibius) e aí xurdiulle unha idea. Acto seguido, comezou a usar un dron submariño que lle permitiu fotografar, pero tamén observar, a vida dos hipopótamos que habitatan o lago. “O dron é moi silencioso, pero aínda así manexeino con moito coidado entre os animais para non molestalos. Ao cabo duns días, os hipopótamos xa se acostumaran por completo ao novo habitante do lago e puiden estudar o seu comportamento na pantalla”, apuntou o gañador.

Outras actividades

Ademais da exposición, o Aquarium Finisterrae oferta ata este xoves o obradoiro experimental Tiburóns á vista. O seu obxectivo é que todas aquelas persoas que estean no acuario e queiran participar no taller poidan coñecer e descubrir curiosidades sobre as quenllas en xeral e, en particular, sobre os exemplares e as especies que habitan no Aquarium. Está dirixido a todos os publicos e comeza ás 18 horas. Ofértase diariamente e non ten custo adicional, dado que está incluído no prezo da entrada que cada persoa debe aboar para entrar ao acuario.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos

En 2025 rexistráronse 14 bólidos sobre o ceo de Galicia

A lista recompilada pola rede de investigación SPMN sinala outubro como o mes con máis observacións

Nobel de Medicina para Karl Deisseroth, Peter Hegemann e Georg Nagel polos seus achados no campo da optoxenética

O Instituto Karolinska de Estocolmo resalta os achados dos investigadores sobre as canles iónicas activadas por luz e o descubrimento da proteína canalrodopsina

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga