Unha obra no río Miño afecta a dúas especies vulnerables e pon en alerta os ecoloxistas

A restauración dun caneiro en Acea de Olga, na cidade de Lugo, obriga a trasladar a dúas poboacións de bivalvos ameazadas

Baixo as augas do río Miño agóchase unha fauna de indiscutible valor, aínda que moitas das especies que as habitan estean ameazadas por múltiples factores, como a contaminación e a interrupción artificial dos cursos fluviais. É unha situación á que se enfrontan 9.100 exemplares de Potomida littoralis e 6.500 de Unio delphinus, dous bivalvos de auga doce catalogados como vulnerables. Ambas especies habitan nas augas circundantes ao caneiro de Acea de Olga, unha presa no Miño ao seu paso pola cidade de Lugo que leva anos esperando a súa reparación. Agora, a Comisión Hidrográfica do Miño-Sil acaba de obter o permiso da Consellería de Medio Ambiente para trasladar os bivalvos, restaurar a estrutura fluvial e, posteriormente, reparar o vello muíño. Malia que dende a Xunta aseguran que o proceso se levará a cabo con todas as garantías, as voces do ecoloxismo galego denuncian que é unha obra innecesaria e con grandes riscos para a biodiversidade da zona.

“A tendencia natural en boa parte dos países máis avanzados é a eliminación dos obstáculos do río. Unha cousa é restaurar o muíño, pero elevar o nivel do caneiro cun interese lúdico-deportivo é innecesario e vai en contra das políticas de restauración fluvial”, denuncia o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Serafín González, tamén investigador na Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC). As obras, que previsiblemente se levarán a cabo durante o verán, afectan a dúas especies de bivalvos pero dende o colectivo ecoloxista non descartan que tamén teña efectos negativos sobre o mexillón de río (Margaritifera margaritifera), en perigo de extinción. “Potomida littotalis e Unio delphinus son as únicas especies documentadas nos arredores do caneiro, pero si hai mexillón de río augas arriba e augas abaixo. Pode haber tamén nesta zona, pero se cadra non se detectou por unha prospección insuficiente”, remarca González.

Publicidade

Fontes da Consellería de Medio Ambiente defenden que as tarefas de traslado dos exemplares afectados vanse realizar con todas as garantías. Con todo, non se contempla un plan para o mexillón de río porque “nas prospeccións realizadas no ámbito de actuación das obras non se detectou a súa presenza”. No que respecta ás poboacións de Potomida littoralis e Unio delphinus, Medio Ambiente explica que o traslado de exemplares se levará a cabo por lotes e reintroduciranse no río de maneira individual e no mesmo día, “para cerrar o proceso coa maior rapidez e evitar así o estrés dos individuos afectados”. Con todo, o presidente da SGHN remarca que a manipulación de calquera animal silvestre, como é o caso destas dúas especies acuáticas, “sempre ten un risco” e hai posibilidades dunha maior taxa de mortalidade.

Á esquerda, un exemplar de Potomida littoralis. Á dereita, de Unio delphinus no Museo Nacional de Historia Natural de Francia. Fotos: Wikimedia Commons

Dende a Xunta de Galicia aseguran que se levará a cabo un seguimento dos exemplares reintroducidos no río para garantir a súa supervivencia. Malia que aínda non comezaron os traballos, dado que a Confederación Hidrográfica debe comunicalo previamente á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, dende a consellería poñen énfase en que a realización das obras tamén leva consigo unha obrigación: “Marcar un mínimo do 50% dos exemplares a trasladar de cada unha das especies para realizar un seguimento da viabilidade das poboacións trasladadas durante polo menos cinco anos”. Fontes de Medio Ambiente tamén inciden en que se requirirán informes de cada un dos pasos dados en Acea de Olga e das posibles incidencias co obxectivo de valorar os resultados obtidos.

Como garantir a supervivencia

Máis alá do impacto que poidan ter as obras, e das garantías que promete a Xunta, as tres especies de bivalvos que habitan este tramo do río Miño están o suficientemente ameazadas como para tomar medidas que garantan a súa supervivencia. Respecto ás consecuencias que poida ter o uso lúdico e recreativo que se prevé para a restauración do caneiro, González recoñece que non se sabe aínda cales poden ser as consecuencias das actividades deportivas que se proxectan —en concreto, piragüismo—. “Unha presenza humana talvez tería un impacto indirecto, en canto a que o caneiro poida dificultar o movemento dos peixes que eles precisan”, engade o presidente da SGHN, aludindo a como se hospedan os mexillóns de río en troitas e salmóns para dispersarse.

No que respecta a Margaritifera margaritifera, unha especie que non semella estar ameazada polas obras en Acea de Olga, González denuncia que a Xunta non impulsase ningún plan para garantir a súa supervivencia, malia que xa leva case dúas décadas declarada en perigo de extinción. “A esta especie, como a tantas outras vencelladas aos ecosistemas fluviais, o que lles afecta moi negativamente é a degradación da calidade da auga e a interrupción dos cursos fluviais, como as barreiras ou presas que non conten con mecanismos que os peixes poidan franquear”, sostén. Polo tanto, dende a SGHN instan a que dende Medio Ambiente se tomen medidas para garantir a calidade das augas fluviais e a evitación de obstáculos que non sexan imprescindibles. González insiste en que máis alá do impacto que poida ter nas especies, a actuación no caneiro de Acea de Olga debe facer reflexionar: “É unha obra de interese público? Arrisquémonos. Se é unha actuación cuestionable… Non”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os desafíos de descontaminar o lindano no Porriño: “Hai concentracións de ata 600 veces por riba do límite”

Dende a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático aseguran que o proxecto comezará a principios de verán

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura