Un cento de persoas participan na Domus nun congreso científico para estudantes

Os catro gañadores do evento poderán gozar dunha estancia de dúas semanas xunto a grupos de investigación da UDC

O Museo Domus da Coruña converteuse este sábado nun fervedoiro de novos estudantes reconvertidos en promesas da investigación científica. Alumnos e alumnas de 4º da ESO, FP e Bacharelato participaron nunha sesión de pósteres para mostrar os resultados dos seus experimentos nos laboratorios do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC), aspirando a ser un dos catro gañadores do congreso e gozar así dunha nova estancia de dúas semanas xunto aos seus grupos de investigación. Acompañados por un centro de familiares e científicos do centro, tiveron que defenderse ante as preguntas dun tribunal externo, mostrando unha soltura e uns coñecementos propios de científicos xa consolidados.

Na mañá do sábado, os catro membros do xurado percorreron unha fileira de pósteres poñendo a proba os relatores do congreso con preguntas e comentarios co obxectivo de seleccionar os catro mellores traballos. “Un resultado dificilísimo”, sinalaba a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya, quen formou parte do tribunal, “xa que a calidade de todos os traballos é moi alta”.

Publicidade

Unha vez finalizada a sesión, aberta ao público, o director do CICA, Jaime Rodríguez González, agradeceu a relatores e investigadores a súa participación nesta nova edición do proxecto Incrúst@te, entregando aos estudantes un diploma que acredita o seu paso polos laboratorios do centro. Catro alumnas, seleccionadas por un sorteo previo, fixeron unhas exposicións orais máis extensas. Todas elas coincidiron á hora de sinalar o inspiradora que fora a experiencia e animando a calquera estudante interesado en cursar unha carreira científica a participar neste tipo de iniciativas.

Rematado o Congreso, un centenar de familiares, relatores e investigadores desprazábanse ata o CICA para escoitar o veredicto do tribunal. Os estudantes, acompañados do seu grupo de investigación, levaron a cabo unha guía dos laboratorios nos que realizaron as súas estancias.

Tras a visita, o director do centro anunciou aos catro gañadores desta nova edición do proxecto Incrúst@te: Alba García Puga, que realizou a súa estancia dentro do grupo de investigación Metodoloxías en Sínteses e Catálises (SynCatMeth); Óscar Presno Iglesias, do grupo Produtos Naturais Bioactivos de Orixe Mariño (Pronamar); Yolanda Rey Ares, do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA) e, finalmente, Sara Mboudou Vilas, do Grupo de Investigación en Terapia Celular e Medicina Rexenerativa (TCMR).

A totalidade dos pósteres atópase actualmente no Museo Domus e poderán visitarse ata o próximo 10 de xuño. O sábado 4 de maio, e con motivo do Día da Ciencia na Rúa, a entrada dos Museos Científicos Coruñeses será gratuíta.

Incrúst@te: que é un grupo de investigación? Introdución á investigación en Química e Bioloxía é un proxecto de divulgación científica realizado polo CICA desde o ano 2017 en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

O proxecto permite que cada ano máis de 250 estudantes de 4º de ESO, 1º de Bacharelato e de FP coñezan o traballo que se realiza no centro de investigación, visitando os laboratorios e realizando prácticas experimentais xunto aos investigadores do centro. Incrúst@te busca involucrar os estudantes no proceso de investigación científica e ofrecerlles a oportunidade de que o experimenten de primeira man.

O obxectivo desta iniciativa é aumentar o número de vocacións científicas, dar a coñecer as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC, e dar visibilidade ao traballo dos investigadores e ao papel da muller na ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Entrada gratuíta no Día dos Museos para a Domus, Casa das Ciencias e Aquarium

Os tres recintos estarán abertos ao público xeral dende as 10 horas ata as 19 horas do sábado, cunha ampla oferta de actividades

Podcast | Tecnoloxía adolescente ao servizo das persoas con parálise cerebral

O programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa do CITIC en colaboración con ASPACE, protagoniza o segundo episodio de O Descodificador

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica