Un equipo da UDC usa tecnoloxía láser para analizar a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

A acumulación de partículas contaminantes sobre as superficies de edificios e monumentos históricos representa un desafío para a conservación do patrimonio cultural. Coñecidas como black crusts en inglés, as cotras negras non só afectan á estética das estruturas, senón que tamén comprometen a súa integridade e durabilidade. Agora, un equipo da Universidade da Coruña (UDC) colabora cunha investigación da Charles University da República Checa sobre como a contaminación ambiental afecta á pedra das pontes de Praga. Estas estruturas de gran significado histórico son “vítimas destacadas” do constante uso de combustibles fósiles en vehículos e sistemas de calefacción, segundo sinalan dende a institución galega.

A orixe desta investigación está nun equipo de Praga experto en xeoloxía que está tratando de abordar un triplo desafío: caracterizar os depósitos, analizar como afecta a súa composición ao granito utilizado na construción das pontes e probar a eficacia da técnica láser para a súa limpeza. Vendula Natherová, estudante predoutoral da universidade checa, centra a súa tese de doutoramento no estudo dos depósitos contaminantes das pontes. O obxectivo é valorar o seu imapcto sobre os perpiaños graníticos para establecer medidas idóneas de actuación ante futuros procesos de restauración.

Publicidade

A composición das cotras

Vendula investiga actualmente no Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da UDC grazas ao programa Erasmus+ KA131 SMT para a mobilidade de estudantes en prácticas. Ana Xesús López, Alicia Moreno e Alberto Ramil, investigadores expertos en tecnoloxía láser aplicada ao patrimonio construído, colaboran en el proyecto, xunto ao tamén investigador David M. Freire Lista, de la Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). O equipo traballou con mostras de cotras negras extraídas da ponte de František Palacký, a terceira máis antiga de Praga, construída en 1876.

Preparación dunha mostra de granito con depósitos de contaminación fósil (costra negra) para ser limpada con tecnoloxía de láser pulsado. Foto: UDC

Para caracterizar a composición e morfoloxía das cotras empregáronse técnicas avanzadas como a espectroscopia Raman, a fluorescencia de raios X e a microscopia electrónica de varrido. Os resultados obtidos ata o momento revelan que se trata dunha cotra antropoxénica (produto da actividade humana) moi rica en carbono e xofre (substancias procedentes da combustión fósil en vehículos ou caldeiras). Tamén se realizaron probas de limpeza con diferentes equipos láser con resultados moi satisfactorios e apenas efectos sobre o granito.

Publicidade

Congresos internacionais

Os avances desta investigación serán presentados en dous congresos internacionais dedicados ao patrimonio: o 7th International Congress Chemistry for Cultural Heritage 2024 (CHEMCH 2024), que se realizará en xullo en Bratislava; e o V International Congress Technoheritage 2024, que se celebrará en setembro en Santiago de Compostela.

Abordar o problema da contaminación ambiental, neste caso sobre as icónicas pontes de Praga, non só é unha cuestión de conservación do patrimonio cultural, senón tamén unha chamada de atención sobre a calidade do aire que respiramos e a necesidade de tomar medidas para protexer a nosa saúde e a contorna urbana.

Ademais, as novas directrices ambientais europeas, que promoven a redución do consumo de combustibles fósiles e a utilización de tecnoloxías verdes, como as baseadas no láser, ofrecen unha oportunidade única para levar a cabo intervencións de conservación e limpeza de monumentos históricos, como as das pontes de Praga, dunha maneira eficaz, minimamente invasiva e respectuosa co medio ambiente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UDC propón un kit impreso en 3D para previr lesións asociadas ao uso do teclado e do rato

Doralys Torriente Aguilar deseñou unha solución ergonómica para exercitar e fortalecer as mans, os pulsos e os antebrazos mediante seis exercicios

Un equipo de Santiago publica un estudo pioneiro para tratar unha complicación da enfermidade de Crohn

O ensaio clínico realizado polo IDIS e o CHUS avalía un innovador fármaco oral que amosa resultados preliminares positivos

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

O científico Antonio Salas, premio da Crítica de Galicia

O catedrático da USC recibiu o galardón na modalidade de investigación en ciencias e tecnoloxía