Como rexenerar o monte galego para resistir o cambio climático? Así o investigan na USC

Un grupo de Lugo proba distintas combinacións para a introdución de especies animais e vexetais en Quiroga, Abegondo e Cervantes

Un equipo da Universidade de Santiago (USC) avanza na experimentación con distintos métodos de introdución de especies animais e vexetais para a rexeneración do monte. O obxectivo é, ao abeiro do proxecto Life Silfore, lograr unha maior resiliencia ao cambio climático das masas forestais. A iniciativa, liderada polo Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker) contempla intervencións en distintos puntos de Galicia. Este programa europeo conta cun financiamento de preto de 2,6 millóns de euros e estenderase ata 2027.

O Life Silfore, no que tamén participan como socios o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario do Principado de Asturias, desenvolverá unha rede de demostradores cunha extensión de ducias de hectáreas en Portugal, Galicia, Asturias e Euskadi. A ampla superficie do territorio sobre a que prevé actuacións o Life Silfore inclúe unha gran parte da variedade ecolóxica dos bosques das zonas atlánticas-subatlánticas e socioeconómicas.

Publicidade

O grupo de Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da USC desenvolve as accións proxectadas en Galicia, realizando diversos ensaios de prácticas silvopastorais que mesturan a produción forestal co uso gandeiro. Segundo explica a catedrática de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) Rosa Mosquera Losada, en Quiroga (Lugo) está a experimentarse “a introdución no monte de especies medicinais e de castiñeiros, empregando distintas doses de acolchado e fertilizante como esterco de coello e de cabalo mesturado con leguminosas”. Os primeiros resultados mostran que mellora o crecemento dos castiñeiros “cando se aplican os tratamentos”.

En Osmos (Abegondo, A Coruña), en colaboración con Asoporcel, estase a probar a introdución de gando porcino nun souto de castiñeiros, en concreto porco celta. E en Poso (Cervantes, Lugo) estase a experimentar cunha sementeira de herba para promover o crecemento dunha pradeira na que se poida introducir gando vacún e cabalar en colaboración cun gandeiro local e coa cooperativa A Carqueixa, que comercializa carne de vacún dos Ancares Lugueses. Outra das ideas nas que se está a traballar é o pastoreo do gando con colares que controlarían o seu desprazamento cun sistema GPS.

Con estes ensaios, o equipo que coordina Rosa Mosquera Losada busca, entre outros obxectivos, transformar masas forestais sen tratar, de baixa calidade madeireira e necesitadas de actuacións tanto para estabilizar as producións como para mellorar a súa calidade. Para iso impleméntanse na área obxecto de ensaio sistemas agroforestais que permiten ampliar o abano de usos do territorio e a diversificación de ingresos, ademais de reforzar a protección da súa diversidade e reducir o risco ou, no seu caso, a incidencia de posibles lumes forestais.

A catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na EPSE salientou xa no comezo do proxecto o impacto sobre o territorio que provocará o Life Silfore. De feito, prevé que as actuacións programadas permitirán reducir o volume de biomasa combustible entre un 40% e un 60%. Estas estimacións implican tamén un menor risco de incendios forestais e a diminución da pegada de carbono nas explotacións gandeiras, engade a catedrática da USC, para quen o proxecto contribuirá a aumentar a diversidade de especies arbóreas con distintas tolerancias a secas, o que mellorará a súa estabilidade, ao tempo que reducirá a expansión de enfermidades que afectan as árbores e garantirá así a achega de servizos ecosistémicos e o desenvolvemento da economía rural e local.

Cambio climático, bosques e rendibilidade

O cambio climático está a provocar efectos prexudiciais importantes nos bosques europeos e os incendios forestais supoñen unha ameaza crecente que en 2021 afectou a unha superficie estimada de 340.000 hectáreas da Unión Europea. Ante esta realidade, o Life Silfore xorde coa ambición de demostrar o aumento da resistencia dos bosques ante os efectos do cambio climático a través da implementación de prácticas silvopastorais que posibilitan aproveitamentos madeireiros e de produción animal.

O pastoreo pode achegar beneficios á produción forestal coa fertilización dos solos, e a maior superficie destinada ao pastoreo pode aumentar o grao de autonomía forraxeira e a diversidade da dieta dos animais, o que reduce os gastos de alimentación. Ademais, os ensaios en Galicia realízanse con animais de razas autóctonas ben adaptadas ao medio.

Life Silfore terá un impacto positivo para o conxunto da sociedade, xa que os bosques ocupan aproximadamente o 30% da terra e actúan como depósitos de biodiversidade, regulan o fluxo de auga e a protección contra a erosión do solo. O proxecto posibilita así mesmo mellorar a rendibilidade económica, social e ambiental dos bosques á vez que se aumentan as ganancias dos habitantes da contorna rural creando emprego, loitando contra o despoboamento das zonas rurais, diminuíndo o risco de incendios e abaratando os custos de mantemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O que hai que ter en conta para escoller unhas boas lentes de sol

Hoxe en día podemos atopar lentes de sol a prezos moi alcanzables en bazares ou internet pero a calidade visual que proporcionan é nefasta

Móvese como unha araña e salta para picar: así é a carracha que transmite Crimea-Congo

O período de actividade da especie 'Hyalomma marginatum' en Galicia vai dende abril ata finais de agosto, cunha diminución da poboación nos meses de máis calor

Un estudo feito en Lugo revela que case o 30% dos adolescentes sofren fobia a quedar sen móbil

A investigación USC saca á luz a relación deste medo irracional co consumo de alcol, tabaco e cánnabis

A matemática Elena Vázquez Abal, Premio de Divulgación da Academia de Ciencias

A gañadora por unanimidade pon en valor o recoñecemento ás mulleres que comunican e o uso do galego na profesión