A matemática Elena Vázquez Abal, Premio de Divulgación da Academia de Ciencias

A gañadora por unanimidade pon en valor o recoñecemento ás mulleres que comunican e o uso do galego na profesión

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concede “por unanimidade” o Premio RAGC de Divulgación Científica 2024 á investigadora Elena Vázquez Abal, matemática da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

María Elena Vázquez Abal (Pontevedra, 1960) é catedrática da Universidade de Santiago na área de Xeometría e Topoloxía desde 2021. Impartiu clases na Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo e desde 1987 é docente da Facultade de Matemáticas da USC. Foi secretaria do Instituto de Matemáticas da universidade compostelá e coordinadora do programa de doutoramento do mesmo, ademais de vicedecana da Facultade de Matemáticas. Foi membro e presidenta da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española (RSME). Desde 2023 preside o Comité de Diversidade da Unión Matemática Internacional.

Publicidade

A súa investigación céntrase na xeometría diferencial. Dirixiu varias teses de doutoramento e ten publicado numerosos artigos de investigación en revistas internacionais de matemáticas como Mathematical Methods in the Applied Sciences, Kodai Mathematical Journal, Archiv der Mathematik, Journal of Geometry and Physics, Annals of Global Analysis and Geometry, Pacific Journal of Mathematics ou Illinois Journal of Mathematics, entre outras moitas.

Desenvolve unha grande actividade divulgadora organizando exposicións, ciclos de conferencias, obradoiros sobre divulgación matemática, concursos fotográficos e audiovisuais, xunto a actividades para alumnado e profesorado de secundaria. Tamén ten participado e coordinado distintos proxectos de divulgación, varios dos cales tiveron financiamento por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

Publicidade

Abal participou en publicacións de divulgación e obras colectivas como Escapando de las matemáticas, Una nueva forma de vivir las Matemáticas, Igualdad de género en el ámbito de las Matemáticas ou Situación actual de las mujeres matemáticas españolas en el ámbito de la docencia y la investigación universitaria, entre outras.

Un traballo divulgativo a todos os niveis

A premiada amosa a súa “sorpresa e satisfacción” pola concesión deste premio. “A divulgación é moi importante, sobre todo no eido científico e particularmente no caso das matemáticas. É un recoñecemento ás mulleres divulgadoras e, ademais, á divulgación feita en galego”, manifesta.

Salienta que o seu labor divulgativo abrangue todos os ámbitos e todos os niveis, desde as aulas, á rúa ou os bares, desde a xente maior ata a máis pequena, e desde a investigación universitaria ata os centros de primaria. Indica que comezou en serio hai máis de quince anos na facultade de Matemáticas da USC coa iniciativa Unha andaina polas Matemáticas, con convidados procedentes de toda España e que acabou converténdose nunha materia de libre configuración. Logo, xunto aos divulgadores da Universidade da Coruña Xurxo Mariño e Casto Rivadulla, desenvolveron o proxecto Que pasaría se xuntásemos nun bar a…, unindo a científicos e actores para levar a ciencia a diferentes pobos de Galicia.

O xurado desta edición estivo composto polos académicos da RAGC Ángel Carracedo, que actuou como presidente; xunto a Antón Álvarez, Antonio Rigueiro, Juan José Nieto e Pilar Bermejo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Matemático Rodríguez, o gran home de ciencias de Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias nomea Científico Galego do Ano 2024 a un lalinense universal

Un proxecto liderado pola USC alimentará vehículos espaciais con enerxía láser

Un equipo do CiTIUS recibe 4,7 millóns de euros de Europa para unha tecnoloxía que tamén terá aplicacións na agricultura e na industria

Podcast | Matemático Rodríguez, o primeiro gran científico de Galicia

O episodio repasa a vida e obra dun dos investigadores máis brillantes da historia da ciencia galega, nomeado Científico Galego do Ano 2024

Unha exposición honra ao primeiro científico galego internacional

A mostra, que recolle a vida e traxectoria do Científico galego deste 2024, poderá visitarse na igrexa da Universidade de Santiago ata o 12 de novembro