Domingo 19 Maio 2024

500 minutos semanais de exercicio moderado reducen o risco de doenzas cardiovasculares 

O investigador da Universidade de Vigo Adriano Sánchez pon o foco na realización de actividade física en períodos curtos

As enfermidades cardiovasculares constitúen unha das principais causas de morte no mundo, aínda que en gran medida poden previrse a través da eliminación de factores de risco, como o consumo de tabaco e alcol ou a obesidade. No referido a este último, diferentes estudos teñen sinalado que moitas das enfermidades cardiovasculares relacionadas coa obesidade dependen da distribución da graxa corporal, de forma que unha persoa con maior adiposidade abdominal ten un maior risco de morbilidade e mortalidade por este tipo de patoloxías. Un novo estudo publicado constata que “aproximadamente 500 minutos de actividade física moderada”, como camiñar a ritmo rápido, ou 30 ou 25 minutos de actividade “vigorosa” por semana, “compensaron a asociación da obesidade abdominal coa incidencia de enfermidades cardiovasculares”.

A actividade física constitúe unha valiosa aliada para reducir o risco de padecer estas enfermidades. O traballo, publicado no British Journal of Sports Medicine, foi realizado polo investigador do grupo WellMove, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Adriano Sánchez, xunto a investigadores da Escola Norueguesa de Ciencias do Deporte e da Universidade de Sidney. 

Publicidade

Nese senso, o estudo pon o foco en como a realización dunha “actividade física de intensidade vigorosa”, como subir unhas escaleiras a ritmo rápido, “durante períodos curtos na maioría dos días da semana”, constitúe unha “estratexia prometedora para contrarrestar os efectos da obesidade abdominal en persoas adultas de mediana idade”. Publicado na revista con maior factor de impacto na área das ciencias do deporte do índice JRC, este estudo ten como punto de partida a evidencia previa que moitas destas enfermidades dependen da distribución da graxa corporal. “Esta asociación está mediada en gran parte pola alteración do metabolismo da glicosa e dos lípidos, que de maneira frecuente obsérvase cun aumento da deposición de graxa etópica”, sinalan os autores deste artigo, que pon de relevo que “condutas relacionadas co estilo de vida, como a actividade física, reducen o risco de enfermidades cardiovasculares a través das mesmas vías metabólicas”.

Análise das avaliacións realizadas a máis de 70.000 persoas

O estudo insírese na estadía que Sánchez Lastra, investigador posdoutoral cun contrato Margarita Salas e integrante do grupo WellMove, realizou na Escola Norueguesa de Ciencias do Deporte, onde traballou na análise dos datos do Biobanco do Reino Unido. Concretamente, para este artigo empregáronse os resultados do seguimento realizado, entre os anos 2006 e 2015, a máis de 70.000 persoas, de entre 37 e 73 anos, o 56% mulleres. Durante este período, realizóuselles unha avaliación que comprendía, entre outras, a medición da súa actividade física cun acelerómetro de pulso, clasificándose a mostra en seis grupos segundo a súa práctica de exercicio e a presenza ou ausencia de obesidade abdominal. 

Desta mostra, un total de 2.795 persoas rexistraron diagnósticos ou falecementos asociados a enfermidades cardiovasculares durante o período analizado, constatándose que unha maior graxa abdominal asociábase a un maior risco de padecer este tipo de patoloxías. Esta tiña ademais unha maior incidencia naquelas persoas que presentaban baixos niveis de actividade física de intensidade vigorosa. Non obstante, no caso das e dos participantes con obesidade abdominal que realizaban aproximadamente 500 minutos semanais de exercicio de intensidade moderada ou de 30 a 35 de intensidade vigorosa, “o risco de ter un diagnóstico ou falecemento por enfermidades cardiovasculares non foi maior que naqueles sen obesidade abdominal”. 

Xunto a Sánchez Lastra e o coordinador do grupo WellMove, Carlos Ayán, asinan este traballo o investigador da Escola Norueguesa de Ciencias do Deporte Ulf Ekeleund; Ding Ding, da Universidade de Sidney; Borja Del Pozo, da University of Southern Denmark; Knut Eirik Dalene, do Instituto Noruegués de Saúde Pública, e Jakob Tarp, da Aarhus University danesa.


Podes ler esta nota do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña
00:00:21

A galega Ana Ulla participa no achado do buraco negro estelar máis masivo da Vía Láctea

O denominado ‘xigante durmido’ ten unha masa de case 33 veces a do Sol e está a menos de 2000 anos luz da Terra