Un novo estudo vincula o cambio de hora coa obesidade e os accidentes cerebrovasculares. Esa é a conclusión dunha investigación realizada en Estados Unidos segundo a información do Science Media Centre (SMC) España. O artigo compara tres políticas horarias diferentes: manter para sempre o de inverno, escoller o de verán e cambiar dúas veces ao ano, como en España. O equipo asegura que manter un horario estándar de inverno evitaría nos Estados Unidos uns 300.000 casos de accidentes cardiovasculares e reduciría a prevalencia da obesidade en 2,6 millóns de persoas. No caso do horario de verán permanente, tamén sería positivo aínda que en menor medida.
O estudo destaca, segundo SMC, que o impacto non é igual en todo o país e que a zona horaria cambia a súa efectividade. Tamén o cronotipo inflúe neste grao de beneficio: a xente que segue horarios máis vespertinos veranse máis beneficiados. En calquera caso, non cambiar a hora é beneficioso para o sistema circadiano, polo que reduciría a prevalencia da obesidade e de accidentes cerebrovasculares, segundo recolle o estudo, que foi publicado na revista científica Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS).
Os resultados reforzan a tese de que manter un horario todo o ano é mellor que dividilo. “É pioneiro porque cuantifica os efectos crónicos da política horaria sobre a saúde”, destaca Juan Antonio Madrid, catedrático de Fisioloxía na Universidade de Murcia, para SMC. O experto detalla que o artigo ten un deseño metodolóxico serio, multidisciplinar e transparente, aínda que unha debilidade é que asume un patrón de exposición á luz e de sono idealizado. Iso si, considera que ofrece unha base sólida para debatir sobre o futuro da política horaria.
É indicativo do que debe facer España?
Un dos puntos que destaca Madrid é que, pola calidade do estudo, os datos serían extrapolables a países con grandes diferenzas, como España, algo que rebate Jorge Mira, físico da Universidade de Santiago (USC) especializado en electromagnetismo. “Se en España bloqueas a hora oficial no horario de inverno, nos meses centrais do ano vai amencer moi cedo”, contesta.
Mira considera que mentres nas zonas tropicais “non fan un cambio estacional de hora porque non teñen estacións”, en España o día é seis horas máis longo en xuño que en decembro. “Non se pode ir a piñón fixo coa hora como nos países tropicais”, expón o galego, que formou parte da comisión do Goberno de España para o estudo da reforma da hora oficial. Porén, María José Martínez, investigadora de Cronobioloxía da Universidade de Murcia, cre que a mensaxe é clara: “Manter un horario estable e aliñado coa luz natural ten beneficios claros para a saúde”. A experta defende en SMC que o documento é proba da necesidade dun horario estable.
O debate parecía resolto en 2019. Unha consulta pública realizada a máis de catro millóns e medio de cidadáns europeos rematou cun 84% dos votos apostando por acabar co cambio de hora. Segundo unha enquisa dese mesmo ano, Galicia era a comunidade española que máis o rexeitaba. Por iso, a partir de 2021, os estados europeos defendían poder decidir se manter o cambio de hora dúas veces ao ano ou non. Porén, a chegada da covid en 2020 fixo que os estados membros pospuxeran a decisión. De momento, España seguirá o cambio de hora ata 2026, pero o debate segue aberto.
O horario, tamén a debate
“Aquí non basta con decidir se manter ou non os cambios de hora, tamén habería que apostar polo horario máis saudable”, sostén Martínez. A experta considera que hai un gran desfase entre a luz e os horarios sociais. “A mensaxe de fondo é clara: canto máis aliñados esteamos co sol, mellor para a nosa saúde circadiana, metabólica e cardiovascular”, afirma.
Hai que recordar que Galicia ten a mesma hora que Polonia, malia que países como Reino Unido ou Portugal teñen unha hora menos. De feito, Galicia debería, seguindo de forma estrita as liñas xeográficas, ter dúas horas menos. Actualmente, España e Francia deberían de seguir tamén o horario portugués (a hora media de Greenwich). A decisión de ter unha hora máis vén do contexto da Segunda Guerra Mundial. No caso de España, foi no ano 1940, pouco máis dun ano despois do final da guerra civil. No caso de Francia foi unha imposición realizada polos alemáns durante a súa ocupación e que nunca se reverteu.














