Debe ter Galicia o mesmo horario que o resto do Estado?

A poucos días de mudar a hora, abrése o debate sobre se a nosa comunidade debería seguir o fuso de Portugal e Reino Unido

Nos próximos días, o Estado español terá que retrasar unha hora os seus reloxos para mudar ao horario de inverno. Como cada ano, ábrese o debate sobre os beneficios no aforro enerxético e o impacto na saúde e nos modos de vida das persoas. Nesta ocasión, xorde tamén a seguinte pregunta: será esta a última vez que haberá que mudar a hora? En 2019, a Unión Europea (UE) acordou poñer fin ao cambio de hora estacional tras unha ampla consulta pública. Con todo, é unha medida que leva estancada e, de momento, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou os cambios estacionais bianuais ata 2026. O que quere dicir que este inverno Galicia amencerá sobre as 8.05 horas e atardecerá sobre as 18:30 horas, seguindo o fuso horario oficial de España, o UTC+1. Con todo, moitas voces cren que Galicia debería seguir o horario portugués. Que din os expertos?

En 2017, o Consello da Cultura Galega publicou o estudo “É o noso fuso horario un problema?”, coordinado polo físico Jorge Mira. O autor defende que non sería útil que Galicia cambiase ao horario portugués. “Ao pasar a UTC+0, as actividades teñen lugar unha hora máis tarde respecto ao Sol. Ao compensar co adianto de horario, a actividade volve ao mesmo punto dende o que partía. Todo seguiría como antes, a situación non cambiaría”. Mira forma parte da comisión de expertos para o estudo da reforma da hora oficial. En 2019, entregaron ao Goberno un estudo no que aconsellan manter o fuso horario actual en España correspondente á hora central europea. Sobre mudar a hora de Galicia respecto a Portugal, Reino Unido e Canarias, os expertos alegaron que “tras manter o actual durante 80 anos, a poboación desenvolveu unha adecuación a ese horario e non hai suficientes razóns para modificalo”.

Publicidade

Con todo, Galicia é unha das comunidades galegas que máis rexeitan o cambio horario. Segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), sete de cada dez galegos queren poñerlle fin. En Galicia impulsáronse varias iniciativas políticas o cambio ao horario de Greenwich por considerarse a “hora natural” da comunidade. O 71,2% de Galicia prefire o horario de verán, o que quere dicir que en Galicia non amencería ata as 9 ou 10 da mañá durante case tres meses. No mesmo estudo do Consello da Cultura Galega, o doutor de economía José María Fernández-Crehuet sinala que, dende o seu punto de vista, que España e Galicia teñan a hora de Alemaña e non a de Reino Unido inflúe “negativamente no noso día a día, posto que o fuso horario inflúe nos nosos usos e costumes”.

Sete de cada dez galegos queren poñerlle fin ao cambio de hora

No seu artigo, Fernández-Crehuet recolle o seguinte testemuño: “O problema de España é que en realidade necesitaríamos estar en dous fusos. En verán en Galicia faise de noite case ás once da noite e en inverno ás novas da mañá non hai luz, o cal é un disparate. Se se cambiase a hora, iso en Galicia correxiríase pero en Barcelona en inverno sería de noite case ás catro da tarde, o cal sería un fiasco para esa zona”. Pola contra, en 2018, Mira alegou que “Galicia e España non deberían cambiar o seu fuso horario, porque xa estamos no equilibrio solar. Comemos, ceamos e vemos o telexornal ao mesmo tempo que os portugueses ou os italianos, o único que muda é o número que vemos no reloxo”.

Publicidade

En definitiva, é un debate aberto e todo parece indicar que Galicia, ao igual que o Estado, manterá o cambio horario. Polo momento, descoñécese se España tomará unha decisión sobre se 2026 será o último ano de cambio ou se Europa chegará, finalmente, a un acordo. Mentres tanto, a literatura científica continúa abordando esta cuestión no referente ao impacto na saúde, alegando un maior risco de padecer un ataque cardíaco o un derrame cerebral como as consecuencias máis graves. Os investigadores Jorge Mira Pérez e José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, realizaron unha investigación sobre os 13 artigos máis citados no campo que atribúen efectos nocivos na saúde humana, e concluíron que os seus resultados se fundamentan en mostras analíticas insuficientes.

2 COMENTÁRIOS

  1. Claro que estamos adaptados despois de 80 anos … Que remedio , ou te adaptas ou
    te vas !

    Non é así , a nosa posición xeográfica é a que é … Como diría o sabio e por máis que Mira padrique porén “móvese “….

    O que é é , non creo que nos fora peor por
    ter o horario dos portugueses ou dos canarios …
    Se todo fora tan claro terían que portugueses e canarios trocar o seu horario …Ou é que son parvos que non se
    decatan do que están perdendo ?

  2. O punto de vista de Mira está moi visto , se por el fora Cansrias tamén tería o mesmo fuso horario que a España peninsular ,…
    Nós en Galiza deberíamos ter o horario dos nosos veciños portugueses .pola nosa situación xeográfica ….

    Por moitas voltas que lle dea Miras , a verdade está aí no
    mapa ….

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro